Skip to Content

Vergalleiro de Sarreaus

Vergalleiro de SarreausEn Sarreaus, o protagonista, amo e señor de todos os días que preceden á coaresma é aquí o VERGALLEIRO. A súa indumentaria é propia, aínda que son evidentes os puntos de similitude con outras celebracións do Entroido.

É unha figura de gran vistosidade pola súa indumentaria, de esmerada execución. Cada vergalleiro porta un corno de vacún que fai soar durante a súa actuación e un vergallo (“látigo” fabricado con xenitais de bois ou cabalos). O corno sérvelle para invitar aos veciños a participar do entroido.

O Vergalleiro é típico de Sarreaus, onde tamén ó entroido é moi soado. Esta figura, equivale ao cigarrón ou peliqueiro, pero como se ve na fotografía presenta as súas diferenzas. O traxe leva unha camisa de liño con tres cintas entrelazadas de cor verde, negra e vermella; un chaleco de fieltro negro e polainas tamén negras con borlas vermellas, que van desde o xeonllo aos pés. Faixa tamén vermella, colgando chócalas ou campás pequenas e borlas negras. O corno de vaca é imprescindible para chamar co seu son á festa. A careta está feita en cartón e decorada con motivos animais ou celtas.

O Entroido en Sarreaus convoca multitude de visitantes que participan de forma activa no desfile, acabado o cal oriúndos e forasteiros reúnense nunha comida campestre de irmandade, sendo costume proporcionar a cada asistente unha xerra de barro, que logo se levará como recordo.



book | by Dr. Radut