Dende a materia de Educación Musical, aportamos o noso granciño de area ao PDI do CEIP Manuel Sueiro no curso 2020-2021, traballando as emocións a través da música.
Non cabe dúbida que existe unha conexión entre a música e os sentidos. Acompáñanos ao longo das nosas vidas evocando infinidade de emocións, sensacións e incluso recordos, pois quen non se transporta a un momento e lugar concreto cando soa esa determinada canción? Non só é a “banda sonora” da nosa vida, ademais ten a capacidade de sandar: cambia o noso estado de ánimo, axúdanos a relaxarnos, estimula os nosos sentidos, a imaxinación e sacude as nosas emocións.
A partir dunha serie de cancións o alumnado vivenciou e reflexionou sobre as distintas emocións e sensacións que cada unha delas lles provocaba, exteriorizándoas de maneira oral e plástica. Isto permitiunos analizar e comprender as nosas propias emocións, base da súa xestión no noso día a día.
EDUCACIÓN INFANTIL E A SERENIDADE:
A canción Le nouvel arc en ciel de Michel Pépé, permitiu que o alumnado de Educación Infantil sentise calma e tranquilidade. Despois da súa audición e de acompañar a música co seu corpo, falaron das súas experiencias durante a escoita:
1º E O ODIO/REXEITAMENTO:
O asasinato (máis coñecida por formar parte da banda sonora da película Psicose) de Bernard Herrmann, recordounos os nosos noxos e sentimentos de rexeitamento máis profundos.
2º E A FELICIDADE:
Jason Farnham coa súa composión Payday, lembrounos que para ser feliz só necesitamos das pequenas cousas do día a día. Para quen aínda o dubide, que probe a nosa Receita para ser feliz.
3º E O MEDO:
Tubullar bells, de Mike Oldfield, acompañou as nenas e nenos durante a análise dos seus medos máis irracionais. Para demostrar que son moi valentes e seguir adiante, romperon con eles centos de anacos para facelos voar e desaparecer.
4º E A ALEGRÍA:
O Frasco das alegrías confórmase dos momentos alegres das vidas do alumnado de cuarto. Chegado o momento de coñecer que cousas alegran as súas vidas, acompañounos a canción Make it shine de Sophonic media, e descubriron que coinciden nalgunha que outra alegría.
5º E A TRISTEZA:
Face shrine forma parte da banda sonora do videoxogo Zelda. Tras un momento de análise, esta peza acompañou ao alumnado mentres plasmaban de maneira creativa as súas tristezas.
6º E O AMOR/CARIÑO:
O amor e o cariño son como unha semente que hai que coidar e coidar para que se converta nunha fermosa árbore. A nosa Árbore do amor está cargadiña das diferentes formas nas que demostramos cariño e afecto aos nosos seres queridos. Liebestraum nº3 en La b Maior, Soño de amor de Liszt, foi a canción que fixo aflorar este sentimento.
Este curso podemos cualificalo como emocionante, pois tal e como dixo Nietzsche “Sen música, a vida perdería o sentido”.