Semana do libro

Xa temos o cartel da Semana do Libro na Biblioteca do CEIP de Arzúa! Celebraranse varias actividades para fomentar a lectura e traballar coa literatura infantil e xuvenil, e tamén actualizaremos o recuncho das lecturas recomendadas coa temática correspondente a esta semana.

 

E para calquera dúbida estamos na Biblioteca nos recreos :)

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE

En 1948, a Primeira Asamblea Mundial da Saúde propuxo que se establecera un DÍA MUNDIAL DA SAÚDE para conmemorar a fundación da OMS (Organización Mundial da Saúde).

Todos os países do mundo uníronse e fundaron a OMS para promover a saúde, manter o mundo seguro e servir aos máis vulnerables, para que todos e todas, en todas partes, poidan alcanzar o máis alto nivel de saúde e benestar.

Desde 1950, todos os anos o Día Mundial da Saúde celébrase cada 7 de abril.

Desde o colexio, tamén quixemos traballar e profundizar máis sobre esta conmemoración e elaboramos un mural colectivo baixo o lema “Somos Auga” onde quixemos relacionar a importancia da auga , eixe vertebrador deste curso, coa nosa saúde.

Deste xeito, os nenos e nenas de Primaria decoramos diferentes órganos do noso corpo humano, explicando cal é a súa función e indicando o seu porcentaxe de auga. Colocámolos ao redor dunha silueta humana que indica a porcentaxe de auga que contén o corpo humano coloreando unha parte da mesma.

Os nenos e nenas de Infantil decoraron flores como símbolo da importancia da auga para a vida. Regando as plantas hai vida, bebendo auga hai vida e saúde.

                                                                       

SAÍDA A PORTO DO SON

Dentro do programa Ti si que es un bo peixe! o alumnado de 2º de EP desprazouse ata Porto do Son para mergullarse in situ nalgunhas das actividades relacionadas co mundo mar e da pesca. En concreto, tiveron o privilexio de coñecer de primeira man a importante labor das redeiras; así coma o crecente uso do plástico para confeccionar as redes de pesca e á contaminación que iso conleva para o mar.

No museo Marea recordamos o gran desastre medioambiental provocado polo afundimento do Prestige no ano 2002 e tomamos conciencia da importancia de coidar entre todas e todos da natureza.

 

 
Ademais, tamén descubrimos un montón de aspectos interesantes e descoñecidos do mundo do mar, entre os que se atopan, por exemplo, os diferentes aparellos de pesca, tipos de redes... 

Podcast 5º EP - 2º trimestre

Bo día amantes da música! Este segundo trimestre os alumnos de 5º traballaron de novo no proxecto dos podcast, esta vez investigando e traballando con diferentes estilos musicais.

Temos ao grupo "Os de Galiza" falando do Rock'n Roll:

O grupo "Los músicos del bosque" falando do Pop e do Pop rock:

E por último, o grupo "Stranger Music" falando do Blues e o Jazz! :

 

Un aplauso para todes eles! Cada vez traballan mellor buscando información e recursos e vanse adaptando ao traballo en equipo, que non é nada doado!

Para as nosas investigacións utilizamos blogues de internet como a Wikipedia, e un libro moi interesante sobre a evolución da música e os grandes artistas de cada un dos diferentes estilos musicais, " Maestros de la música. Una historia de la música para niños" de Mick Manning e Brita Granström. 

Desfrutade da música!

 

ACTIVIDADE CONCELLO ARZÚA: A VILA DO MAÑÁ

O Concello de Arzúa programa esta Semana Santa unha nova edición da actividade "A vila do mañá".

A Vila do Mañá é un proxecto educativo e de divulgación no que a través do xogo e da creatividade se transforma o lugar que habitamos dando voz aos que normalmente non a teñen, os nenos e os adolescentes, impulsando o seu dereito para formarse un xuízo propio do hábitat no que viven e a poder expresalo e poñelo de manifesto. Ao mesmo tempo, esta iniciativa serve como medida para axudar á conciliación en periodo de vacacións escolares,

Datas
O programa levarase a cabo os días 3, 4, 5 e 6 de abril.

Horarios e quendas
- Quenda 1: polas mañás de 10:00 a 13:30 para menores de 5 a 11 anos
- Quenda 2: polas tardes de 16:30 a 20:00h para rapazada de 12 anos en diante.

Inscricións
Para participar é obrigatorio inscribirse previamente nas oficinas do Departamento de Cultura ou chamando ao teléfono 981500222 desde mañá, martes 28, ata este venres 31 de marzo en horario de 8:30 a 14:00h. A inscrición é gratuíta e as prazas limitadas. As mesmas iranse cubrindo por rigorosa orde de inscrición.

https://arzua.gal/o-concello-de-arzua-programa-esta-semana-santa-unha-nova-edicion-da-actividade-a-vila-do-mana/

 



    

VISITA AO MUSEO ETNOGRÁFICO CASA DO PATRÓN (LALÍN), 4º EP

O venres, 24 de marzo, os rapaces e rapazas de 4º de EP visitaron o Museo Etnográfico Casa Do Patrón, en Lalín.

Neste museo Rural expóñense máis de 4.500 pezas recollidas por toda a xeografía galega. Dispón de varias salas de exposicións organizadas por temáticas, onde se poden observar as antigas escolas, a taberna, unha casa, pasando polos hábitos de vida dos nosos ancestros, oficios olvidados...

Deste xeito, o alumnado de 4º puido comprobar como era a vida dos seus avós, bisavós ou antepasados, facendo un percorrido polas distintas dependencias, acompañados por unha guía.

Ademais, participamos nun obradoiro de cerámica, do que saíron uns vasos e adornos ben bonitos.

Este museo defínese como "un canto silencioso á grandeza da historia, a cultura, a espiritualidade e a beleza do mundo rural galego".

Aquí vos deixamos un pequeno vídeo que resume ese día.

Contacontos en Infantil polo voluntariado da biblioteca

Esta semana as voluntarias e voluntarios da biblioteca baixaron ás aulas de Infantil para ler un conto aos máis pequenos do cole, preparando con moita ilusión unha pequena escenificación das historias que escolleron. Todes quedaron moi contentos e xa teñen ganas de repetir a experiencia! ...

 


Podedes ler máis no blogue da biblioteca, PULSA AQUÍ

MARÍA CANOSA VISITA O NOSO CENTRO

Nesta xornada do 16 de marzo, a escritora María Canosa achegouse ao noso centro para ter un encontro co alumnado de 3º e 4º E.Primaria acerca do seu libro "O que nunca che contaron". 

María destacou a importancia da lectura cando dixo: "Cos libros vivimos cousas que non poderiamos vivir doutra maneira", "Conto as historias que levo na cabeza, pero cando as comparto xa deixan de ser miñas e pasan a ser vosas".

Os nenos e nenas puideron facerlle unha morea de preguntas e así enterámonos de moitas curiosidades como que: este libro naceu grazas á colaboración de tres persoas e María só escribiu as tres historias de mulleres que hai no mesmo (as historias de homes escribiunas un amigo seu); a historia que máis lle gusta é a primeira, que xusto non escribiu ela; sempre quedaba de finalista cando se presentaba aos concursos, pero grazas a Manuel Beiras García unha editorial interesouse polo libro que escribiu e así foi como conseguiu que llo publicaran; a súa escritora favorita é a súa nai; o primeiro libro escribiuno con 13 anos e cando llo publicaron tiña 17 anos; agora ten publicados 51 libros como autora e "A fotografía 51" é o título do último libro que está nas librarías; recorda con moito agarimo "Lobo Ramón" porque é unha historia que foi traducida a outros idiomas e fai pouco sacou a 2ª parte deste libro "Lobo Ramón, a vida é unha festa", etc.

Mais, quizais, o momento máis emotivo deste encontro foi cando María Canosa quixo salientar a importancia da nosa lingua, dicindo que ela sempre escribe en galego porque esta lingua é a que mellor a define. Manifestou que dámoslle valor a nosa lingua usándoa e os nenos e nenas de agora "sodes moi afortunados porque podedes ler libros que foron escritos en galego". 

 

   

  

Para rematar este encontro, María Canosa escribiu unha dedicatora para cada neno e nena e, como os últimos en abandonar a biblioteca foron os de 4º E. Primaria, tocoulles a eles e a elas entregarlle un pequeno agasallo da nosa terra.

  

 Moitas grazas María por visitar o noso centro!!

8 M

A semana pasada conmemoramos o DÍA DA MULLER (8 de marzo) no que se reivindica a igualdade completa de dereitos entre homes e mulleres. É un día adicado á loita pola igualdade, a participación e o empoderamento da muller en todos os ámbitos da sociedade.

Elaboramos un mural común onde decoramos o rostro de mulleres galegas que destacaron ou destacan nalgún ámbito:  Sofía Toro (regatista), Fina Casalderrey (escritora), Ana Peleteiro (deportista), María Casatres (actriz), Alicia Estévez (científica)…

Este mural quedou así de bonito e levou por título: Démoslles voz!

                                         

Ademais, a mestra de Música elaborou un videoclip con todo o alumnado do centro  versionando o tema “Así bailaba”. Podedes velo no apartado de Música.

Os Minimestres - Música 4º EP

Os alumnos e alumnas de 4º EP prepararon por grupos pequenas presentacións para explicar solfeo aos seus compañeiros do CEIP de Arzúa. Queredes estudar con eles? A ver que tal o fixeron na súa primeira presentación como mestres e mestras de música :)

Powered by Drupal - Design by artinet