Este mércores, 20 de marzo, o alumnado de 4º EP visitou o Museo do Pobo Galego.
Despois de escoitar as indicacións da nosa guía, repartímonos en seis grupos e, mediante un xogo de pistas, fomos percorrendo as distintas salas do Museo para buscar a resposta ás preguntas que aparecían no formulario que se nos entregou. Logo de facer a busca, reunímonos no punto de encontro e fixemos unha posta en común.
Máis tarde, achegámonos ata a escaleira helicoidal deseñada por Domingo de Andrade e puidemos admirar a súa beleza. Comprobamos que moita xente quere vela porque é unha escaleira que conta cuns trescentos anos de antigüidade e que sorprende polas súas tres ramplas entrelazadas.
Ao rematar a nosa visita ao Museo, entramos na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval para visitar o Panteón de Galegos Ilustres. Alí fixémonos unhas fotos diante do sepulcro de Rosalía de Castro e do sepulcro de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e puidemos comprobar que hai máis persoeiros destacados de Galicia alí enterrados.
Cando saímos do Museo, fixemos un percorrido polo casco antigo de Santiago e desfrutamos observando as gárgolas que coroan o alto de moitos edificios antigos da cidade, como o Hostal dos Reis Católicos ou a Igrexa de San Martiño Pinario, entre outros.
Foi unha mañá que nos cundiu moito e na que aprendemos unha morea de cousas novas.