Para conmemorar o Día das Bibliotecas, este curso puxémonos en contacto coa actriz e contacontos Erica González.
Hoxe, 4 de novembro, visitou a nosa biblioteca e grazas a ela o noso alumnado puido desfrutar dunha sesión de animación á lectura.
A través dun mar en calma, Erica foi narrando historias que nos atraparon e que calaron nos nosos corazóns. Cun conto explicounos a importancia de aceptarse e sentirse "guapas e guapos" para que os demais aprecien a nosa beleza. Con outro, díxonos os ingredientes para ser felices: a familia, a ilusión, a harmonía e a saúde e comentou que se algún deles nos falta nun momento determinado, podemos intentar cociñar a felicidade cos ingredientes que nos quedan. Tamén co flamengo Renato Nicanor descubrimos que nada é imposible para un corazón disposto porque todo esforzo ten a súa recompensa. Estes e outros relatos foron os integrantes dunha xornada chea de fantasía e ilusión que, de seguro, quedará gravada na nosa memoria.
Grazas Erica por compartir estas divertidas historias connosco e por amosarnos, unha vez máis, que a través dos libros podemos viaxar e aprender moitas leccións e valores.