Hoxe o alumnado de 3º e 4º de E.Primaria tivo un encontro coa escritora arousana Gloria Sánchez despois de teren lido o seu libro “Noé e Gato fan teatro”. Un libro que inclúe dúas historias: a de Noé, que por unha fenda do tempo, irrompe nas nosas augas coa súa arca chea de animaliños. E, outra historia: a do gato dunha casa na que vive un neno moi rebuldeiro. Gloria contoulles que para escribir este libro se inspirou por un lado, na historia bíblica de Noé, que lle gustou desde nena; e por outro, no seu gato Simón. As nenas e os nenos dixéronlle que, para eles, a historia máis divertida e coa que máis riron lendo o libro foi a de “Gato”.
Logo fixéronlle preguntas sobre a súa traxectoria literaria e contoulles que leva escritos máis de 35 libros, sendo o primeiro “ Rimas con letra”, un libro de 1991, do que, por certo, na nosa biblioteca hai unha primeira edición que ilusionou moito á escritora.
Tamén cantaron e bailaron con Gloria.
Foi un encontro moi cercano do que escritora e lectores desfrutaron moito. Dámoslle as grazas a Gloria Sánchez pola súa amabilidade e cercanía, e quedamos a espera de recibir os exemplares desta obra firmados pola autora e que con tanta ilusión agardan os nosos rapaces e rapazas.