GRAZAS, EQUIPO DE VOLUNTARIOS E VOLUNTARIAS DA BIBLIOTECA

O Equipo da Biblioteca escolar do CEIP de Arzúa quere agradecerlle aos voluntarios e voluntarias a súa colaboración nun mellor funcionamento e organización da nosa biblioteca. Trátase dun grupo de 20 nenos e nenas que participaron nun programa denominado Bibliotecas Escolares Solidarias, unha iniciativa de voluntariado cultural relacionada coas bibliotecas e a lectura. Consideramos que é moi importante a formación do noso alumnado en actitudes solidarias e de compromiso co seu entorno máis próximo.

Este grupo de colaboradores comezou a axudar na Biblioteca no mes de novembro, seguindo un calendario de quendas e en parellas, durante os 30 minutos diarios do recreo.

Levaron a cabo múltiples actividades:

- Supervisaron a colocación dos libros nos andéis.

- Fixeron préstamos e tomaron nota das devolucións dos libros.

- Axudaron ao resto do alumnado que o solicitou a buscar os libros que precisaban.

- Forraron libros, pegaron teselas...

- Vixiaron as zonas de ordenadores e xogos.

- Contáronlle contos ao alumando de E. Infantil. Por certo, unha actividade das que máis traballo lles deu, pero da que máis desfrutaron tanto eles como os nosos pequenos e pequenas.

- Participaron co resto dos compañeiros e compañeiras de 4º, 5º e 6º no "Comparticontos", unha actividade de longa tradición no noso centro con motivo da conmemoración do Día do Libro e da que gozan maiores e pequenos.

- Realizaron tamén unha actividade que chamamos "Os libros saen ao sol" que consiste en sacar os libros ao patio e ofrecérllelos ao alumnado que queira gozar do pracer de ler ao aire libre. Esta actividade non a puidemos desfrutar moito, pois as circunstancias climatolóxicas non foron favorables.

Grazas querido alumnado colaborador polo voso labor xeneroso e altruista. Esperamos que fose tamén para vos un traballo gratificante á par que formativo cultural e actitudinalmente.

Aquí vos queda unha pequena reportaxe gráfica desta fermosa experiencia e desexamos que pasedes un "Feliz Verán".

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Todo esforzo ten a súa recompensa. Os voluntarios e voluntarias celebraron o peche das súas actividades de colaboración coa biblioteca escolar durante o curso 2018-19, recibiron un diploma oficial como participantes no programa "Voluntariado de lectura - A" e foron agasallados con esta colorida camiseta que os identifica como tales. Noraboa a todas e todos.

 

 

 

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet