Esta semana traballamos no colexio os dereitos dos nenos e nenas. O mural da entrada recolle os principais dereitos da infancia. Ao pé das imaxes aparece o rótulo: Deféndeos, respéctaos!!
O concello de Arzúa, un ano máis, organizou unha serie de actividades dirixidas aos máis pequenos e pequenas.
O luns, o alumnado de Infantil puido gozar coa compañía de teatro Ghazafelhos da obra "Bon appetit". Os tres chefs amosaron ao público infantil os segredos da cociña galega seguindo o prestixioso libro de receitas de Álvaro Cunqueiro. Foi unha comedia onde a cociña tradicional galega foi o condimento perfecto para escachar coa risa.
O martes, 20 de novembro, tocoulle pasar pola Casa da cultura ao alumnado de 1º, 2º e 3º de E. Primaria, para ver a obra de teatro "Contos do recreo".
E o mércores, 21 de novembro, foron os rapaces e rapazas de 4º, 5º e 6º de E. Primaria para ver a obra "Leonardo e os fontaneiros" de Mª Victoria Moreno, escritora homenaxeada este ano polas Letras Galegas.