Cando a Real Academia Galega propuxo a Manuel María coma o persoeiro ao que adicar as letras galegas do ano 2016, soubemos que tiñamos por diante un ano de traballo intenso para lle dar a homenaxe axeitada á súa figura, coa fin de que o noso alumnado tivese a información necesaria para valorar a importancia deste destacado poeta e defensor do idioma.
Velaí que comezamos a idear unha serie de actividades multidisciplinares e multidestinatarios, para coñecer e homenaxear a este autor, e celebrar durante o mes de maio no que para nós é sempre o “MES DAS LETRAS”. Entre estas actividades, destacan as seguintes:
- “A LINGUA NAS ONDAS”.
- “AS ESTACIÓNS DE MANUEL MARÍA”.
- “FESTIVAL DAS LETRAS GALEGAS”.
- “NA PROCURA DE MANUEL MARÍA”.
A primeira das mesmas, xa foi extensamente detallada na anterior entrada. E durante o mes de maio iremos subindo os catro programas de radio que a componen.
Agora tócanos o turno da segunda, que foi un traballo que aínda que ten o seu momento de difusión no mes de maio se foi traballando dende o comezo do curso, dada a súa complexidade e envergadura.
Así, acordamos para traballar a Manuel María en todo o centro coa participación nun concurso de carteis sobre a bio-bibliografía de Manuel María, promovido por “Política Lingüística” e co que pretendemos fundamentalmente ir poñendo en contacto aos nenos e nenas do colexio coa figura deste poeta popular e coas características da súa obra.
Temos que sinalar que a proposta de participación no concurso, realizada polo equipo de normalización (E.D.L.G.), tivo unha excelente acollida por parte de todo o profesorado do centro, e que estes souberon estender o seu entusiasmo ao alumnado, de tal xeito que todos participaron con gran ilusión e motivación na elaboración dos carteis.
A idea consistiu na elaboración por niveis, e contanto coa participación de todo o profesorado e alumnado do centro, de 10 carteis e os seus correspondentes títulos, en medidas 50x70 sobre base de madeira, tridimensionais e empregando variadas técnicas artísticas.
Cada cartel, como se explicará máis adiante, consta de tres elementos: a figura de Manuel María ao longo do tempo; as paisaxes das súas diferentes etapas vitais, situadas como fondo recoñecible de cada cartel; por último unha árbore que simboliza a súa vida e obra, na que irán aparecendo os títulos máis significativos da súa produción correspondente con cada etapa biográfica sinalada.
No documento SCRIBD que acompaña estas liñas, se recolle unha completa “GUÍA DIDÁCTICA” como programación a realizar coa exposición como conxunto e con cada cartaz en particular. Trátase dunha proposta de actividades que dende as fases do proceso de investigación traballan moitas das áreas do currículo de xeito globalizado. En sesións en pequeno grupo (grupo aula) e adaptadas ás características específicas do alumnado, están destinadas a alumnado dende E.I., E.P. ata E.S.O.