Neste día de Santa Rita, un día despois de ser instalado, o Pórtico de Luisa Villalta foi destrozado por uns desalmados.
Neste acto non só hai unha mostra de violencia gratuíta contra das iniciativas culturais que xorden dos centros educativos da nosa localidade, hai tamén un desprezo polo traballo da nosa xuventude, pola nosa cultura e a nosa lingua, ao tempo que se lle arrebata o dereito a toda a poboación de desfrutar dunha oferta cultural elaborada polo alumnado dos centros educativos da nosa comarca.
Non é raro que nas noites de fin de semana se destroce mobiliario urbano á saída do ocio nocturno, o que si é raro, e nos debería facer reflexionar, é a indeferencia con que moitos e moitas de nós, observamos iso e pasamos por diante dos destrozos coma se fose algo normal.
Por iso nós animamos a que recompoñamos o Pórtico, e realicemos un acto de desagravio á nosa Luisa Villalta, e que toda a poboación demostre, dunha vez por todas, que non queremos que uns bárbaros condicionen a nosa vida.