Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
6º Educación infantil
UN MAR DE PALABRAS (26 de novembro)
Na sesión deste venres as actividades que realizamos no taller coas familias centráronse na construción de palabras con letras móviles para a posterior autocorrección e autoevalución coas tarxetas de imaxe-palabra; na asociación de minúscula e maiúsculas (con cazamoscas en man había que atrapar distintos bechos para comprobar que letra minúscula agochaban e poder levalos ao bote que tiña a correspondente letra en maiúscula) e na iniciación á lectura de palabras co xogo do dobro-dobro.
Como sempre, os talleres foron todo un éxito. Nenas e nenos non poden estar máis motivados e interesados por participar nas distintas propostas.
Nesta ocasión damos as grazas a Montse, Néstor e Cora pola súa colaboración.
Ata o vindeiro venres.
PDI “PINGAS DE CIENCIA”: DESCUBRINDO A LUZ
Ao longo deste trimestre dentro do PDI de ciencia estamos investigando e descubrindo moitas cousas sobre a luz. Grazas aos experimentos que realizamos e as pesquisas feitas demos resposta a moitas dúbidas e preguntas que nos foron xurdindo no día a día e que nos axudaron a comprobar se as hipóteses formuladas eran certas ou non.
Pouquiño a pouquiño pois descubrimos como se proxecta a luz, como se poden clasificar os corpos atendendo a se deixan ou non pasar a luz, coñecemos distintas fontes de luz e clasificámolas en naturais ou artificiais. Tamén experimentamos e xogamos coa nosa sombra e a de distintos obxectos, representamos o día e a noite cunha lanterna a modo de sol e a terra, o cal nos levou a comprobar que a noite e o día non se dan ao mesmo tempo en todos os lugares do noso planeta. Co derradeiro experimento que fixemos logramos que aparecese un arco da vella dentro da clase; non daban crédito a tal suceso. E isto levounos ao punto no que nos atopamos agora, a descomposición da luz en cores e a Isaac Newton.
Ademais tivemos a grande sorte de poder contar en toda esta aventura coa participación de dous familiares; o pai de Leo que nos trouxo á aula un circuíto eléctrico moi chulo e a nai de Andrea coa que fixemos unha actividade que tamén lles gustou moito e coa que descubriron que a luz tamén pode crearse por medio de reaccións químicas.
No seguinte vídeo deixámosvos unha pequena mostra do noso día a día coa luz.
DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DO NENO
Este sábado, día 20 de novembro, foi o DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DAS NENAS E NENOS.
Para a súa conmemoración no cole realizamos un mural conxunto. Para iso cada curso encargouse de traballar un dereito; un dereito que logo reflectiu no mural con palabras e debuxos.
Ás nenas e nenos de infantil tocounos o dereito ao xogo.
Aquí vos deixamos a nosa achega.
FELIZ DÍA!
TALLER DE "MATES EN FAMILIA"
Néstor, Cristina, Montse e Ana foron os familiares das nenas e nenos da nosa aula que este venres participaron no taller de “Mates en familia” .
Organizados en catro equipos de traballo (cada un deles dinamizado por un familiar) realizamos as seguintes propostas:
-
Xogo de conteo coa baralla.
-
Actividade con Doc no panel de ciencia.
-
Modelado de números en plastilina.
-
Creación nos xeoplanos de distintas figuras e formas.
Grazas pola vosa participación familias!
PROGRAMA DE ESTIMULACIÓN TEMPERÁ
Na etapa de Educación Infantil todas as mañás, nada máis chegar ao cole, adicamos uns minutos a realizar unha sesión de Estimulación Temperá. Para iso seguimos o método desenvolto polo Dr. Glenn Doman. Un método chamado "Programa de Excelencia Física". Este doutor estadounidense traballou moito con nenos/as con diversas lesións neuronais e comprobou que se todos os días se facía coas nenas e nenos unha rutina de exercicios variados e progresivos, non só melloraban en motricidade grosa e coordinativa, senón tamén que ese beneficio redundaba na capacidade de xenerar maior concentración e polo tanto, maior aproveitamento da clase. O programa desenvólvese en tres apartados:
a)Competencia en movilidade: carreira, gateo e arrastre.
b) Competencia manual: braqueo
c) Programa activo de equilibrio
Esta rutina ademais de ser moi beneficiosa para o seu desenvolvemento é algo que lles encanta e todos os días, nada máis chegar, elas e eles xa son os primeiros en dicir “ Toca facer a estimulación”.
DÍA DE BIBLIOTECA
Este mércores foi o noso día de biblioteca.
Gústanos moito ir a ela e desfrutar de todos os recursos que nos ofrece nos distintos recantos que atopamos nela.
Este curso as nenas e nenos ademais son as encargadas e encargados de rexistrar no ordenador da biblioteca os libros que collemos para levar á casa.
VOLVEN OS XOGUETES AO PATIO
Os patios do recreo volven a ter vida cos xoguetes que nenas e nenos tanto botaban en falta e ansiaban recuperar.
É certo que coa súa ausencia aprenderon a observar e a desenvolver a imaxinación ao xogar e experimentar coa natureza, paus, lama, auga, semillas, insectos, árbores,…
O recreo é una actividade educativa onde se comunican, cooperan, interactúan, negocian, resolven conflictos e buscan solucións. En definita, aprenden habilidades sociais de afectividade e empatía sen a supervisión directa do adulto. Estos son algúns dos momentos compartidos cos iguais.
A MALETA
Iniciamos novo curso e con el arrancamos unha nova modalidade da Maleta protagonista; pois trátase dunha estupenda dinámica de cohesión de grupo que favorece a interrelación, o coñecemento mútuo e a distensión dentro do mesmo.
Aínda que a miúdo pensamos que nos coñecemos, é curioso como ao realizar esta actividade xurden aspectos da personalidade, afeccións, intereses… que non se coñecían e que, suscitan ás veces, novas afeccións entre os/as alumnos/as.
Este ano a maleta viaxa as casas de cada nena e neno da aula para voltar ao cole co seu ALMBUN PERSONALIZADO DO VERÁN; un álbum que realizan en familia con fotografías de cousas que fixeron durante o tempo de vacacións, sitios que visitaron, practicando algún hobbie ou deporte, desfrutando en familia,…
Todas as semanas estamos desexando que chegue o momento de abrila e a compañeira ou compañeiro protagonista nolo amose e comparta con nós todas as anécdotas e historias que esas fotos recollen.
Roi, Andrea, Nicole, Marco e Jose foron os compis que xa nos presentaron os seus álbums. Parabéns polo traballo realizado e grazas por compartir con todas e todos nós un pouquiño do voso verán.
VOLTAN OS TALLERES INTERACTIVOS COAS FAMILIAS
Este curso temos a sorte de poder retomar, nas aulas de Educación Infantil, os talleres de grupos interactivos.
Os grupos interactivos son unha forma de organización de aula que promoven a aprendizaxe a través da interacción e a implicación da familia favorecendo, o desenvolvemento dunha educación de calidade.
Este ano teñen lugar todos os venres durante a primeira sesión. Neles as familias voluntarias son as encargadas de acompañar os distintos grupos dinamizando a actividade e garantindo o diálogo, a aprendizaxe entre iguais e a colaboración.
Familias é unha gran sorte poder contar coa vosa axuda e participación. Encántanos que veñades á aula traballar con nós e que participedes do noso día a día.
Grazas.
CONTOS DE BOCA
"Contos de boca" trátase dunha proposta que realizamos nas aulas de infantil mensualmente, os luns, na hora de ler. Nela contamos coa participación das familias para vir á aula lernos un conto, contarnos de boca unha historia (real ou inventada), experiencias, lendas, anécdotas,....empregando a voz como única ferramenta. Un útil estupendo co que logramos captar a súa atención. Pois os os contos son un piar clave para o desenvolvemento psicolóxico e intelectual das nenas e nenos dado aos moitos os beneficios que lles proporcionan; son un recurso pedagóxico fundamental que debe estar presente, tanto na escola coma nos fogares, no seu día a día.
Na aula de 6º de Educación Infantil tivemos a sorte de contar con Lidia para realizar esta proposta que tanto nos gusta.
Moitas grazas Lidia pola túa colaboración, volve cando queiras!
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- 18
- 19
- 20
- 21
- seguinte ›
- última »