AVISO: convocatoria de folga de persoal docente do 28/11/2023
Enviado por Dirección do Centro o Lun, 27/11/2023 - 10:17amAs organizacións sindicais CIG-Ensino, STEG e CSIF-Ensino comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará o persoal docente dos centros educativos públicos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e que se desenvolverá das 00.00 ás 24.00 horas do día 28 de novembro de 2023.
Terá a consideración de servizos mínimos, para o persoal docente dos centros educativos públicos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a dirección ou membro do equipo da dirección.
En todo caso quedarán garantidos a apertura e o peche de todos os centros.
AVISO IMPORTANTE: FOLGA XERAL 24/11/2023
Enviado por Dirección do Centro o Xov, 23/11/2023 - 2:34pmA organización sindical Sindicato para la Solidaridad de los Trabajadores de España comunicou a convocatoria dunha folga xeral que afectará o persoal docente dos centros educativos públicos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e que se desenvolverá desde as 00.00 horas do día 24 de novembro de 2023 e finalizará ás 23.59 horas dese mesmo día. Tamén é posible que afecte ao transporte escolar.
Ante esta convocatoria e en previsión de que o persoal deste centro poida acollerse ao seu dereito á folga, establécense uns servizos mínimos para garantir a atención, vixilancia e coidado do alumnado, xa que o centro permanecerá aberto no seu horario habitual.
Como servizo mínimo para garantilos establécese que os centros docentes permanezan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos ditos centros do/da director/a ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que o/a substitúa, xa que tales membros do equipo directivo teñen a representación do centro e garanten o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan as letras a) e d) do artigo 132 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e polo tanto están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o/a director/a tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.
A presenza dun subalterno ou subalterna deriva das funcións que a este tipo de persoal lle competen respecto do coidado e vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro como para evitar a saída dos menores de idades cando non corresponda.
Dentro do deber de outorgar protección básica ao menor de idade debemos incluír a súa alimentación. Así, cando un servizo público asume esta responsabilidade, non pode desatendela, o que motiva que unha persoa con funcións de cociña deba permanecer nos centros educativos ordinarios con servizo de comedor.
O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, que, como se dixo, non pode ser paralizado, inclúen a actividade básica de coidar a integridade física e hixiene daqueles que, por teren diminuídas as súas capacidades, necesitan unha constante vixilancia e atención (artigo 49 da Constitución) por parte de coidadores de alumnado con necesidades educativas especiais presentes nos centros docentes ordinarios.
En todo caso, quedará garantida a apertura e o peche do centro.
Máis información no Diario Oficial de Galicia
Recomendación do Departamento de Dinamización e Normalización da Lingua
Enviado por A Maía o Lun, 30/10/2023 - 5:37pmPDF con recomendacións dende o Departamento de Dinamización de Normalización da Lingua sobre a exposición e actividades que se están a facer no Museo Gaiás relacionadas co Seminario de Estudos Galegos.
Samaín 31 de outubro
Enviado por Dirección do Centro o Xov, 26/10/2023 - 8:28amEstimadas nais, pais, familias,
O Samaín é unha das celebracións máis antigas que se coñece e ten a súa orixe nos celtas de Galicia, que se vestían con peles de animais e máscaras para escorrentar aos “espíritos malignos”. A noite do 31 de outubro marcaba o fin da época de colleita e o final do verán, e o comezo do escuro e frío inverno. Por iso crían que ese día, a barreira do mundo humano e espiritual se esvaecía e os seus habitantes podían mesturarse. No Samaín non só críase na existencia de espíritos, tamén de fadas e trasgos. Ao abrir a porta dos dous mundos, pensábase que tamén podían entrar estes seres máxicos. Por iso, había que ter moito coidado a quen se lle abría a porta o 31 de outubro. A lenda conta que, se o visitante era un fada, a familia tería sorte durante o ano seguinte. En cambio, se era un trasgo, pasaría unha tempada de penurias e infortunios.
O vindeiro martes 31 de outubro celebraremos o Samaín, e comunicámosvos que as/os vosas/os fillas/os poderán vir disfrazados e/ou maquillados se queren, por suposto é absolutamente voluntario. Só poñemos tres condicións:
1.- Que sexa relacionado co Samaín e non co Halloween, somos conscientes de que ás veces confúndense e mestúranse.
2.- A cara ten que estar recoñecible e polo tanto non pode vir cuberta con máscara.
3.- Que os posibles complementos non supoñan un atranco para o desenvolvemento da xornada.
Grazas pola vosa colaboración
Concello de AMES: A Oficina de Software Libre organiza o obradoiro “Repair café de equipos informáticos”
Enviado por A Maía o Xov, 19/10/2023 - 8:48amSamaín 2023
Enviado por Dirección do Centro o Mar, 17/10/2023 - 1:10pm
Estimadas familias:
Achégase o Samaín e como forma parte da nosa tradición máis enxebre, o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua Galega quere organizar unha serie de actividades:
- En coordinación co Equipo da Biblioteca, realizarase unha exposición de libros sobre a temática dos medos infantís e de como superalos ou afrontalos, e do Samaín.
- Organizar unhas exposicións nos edificios de educación infantil e no de educación primaria . Ditas exposicións levarán por título “Varrendo os medos”. A idea consiste en transformar unha vasoira (de bruxa, facendo así clara mención ás meigas galegas) nunha personaxe de medo, ou un obxecto relacionado con esta temática. Pensamos que poden traelas durante a semana do 23 ao 27 de outubro, a ser posible nos primeiros días, luns e martes para que así os nenos poidan ir desfrutando xa da exposición ao longo da propia semana.
- Ademais tamén se traballará nas titorías con outras propostas didácticas que o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua fará ao profesorado e alumnado. Esperamos que vos agraden e pedimos a vosa colaboración para á que de antemán vos damos as grazas.
O Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua Galega.
IMPRESOS PARA AUTORIZACIÓNS 2023-24
Enviado por Dirección do Centro o Xov, 14/09/2023 - 8:37amXUSTIFICACIÓN DE FALTAS DE ASISTENCIA DO ALUMNADO 2023_24
Enviado por Dirección do Centro o Xov, 14/09/2023 - 8:14amConsidérase falta de asistencia a clase ou ausencia ao centro escolar a non presenza dun alumno ou dunha alumna nunha sesión completa de clase. As faltas de asistencia non debidamente xustificadas serán as que computen para a cualificación do posible absentismo.
Con carácter xeral, teñen a consideración de xustificables as seguintes faltas de asistencia a clase do alumnado:
a) Citacións que impliquen un deber inescusable, sendo xustificable o tempo necesario.
b) Morte ou enfermidade grave dun familiar de primeiro ou segundo grao.
c) Tramitación de documentos oficiais, presentación a exames e probas oficiais ou similares, sendo xustificable o tempo necesario.
d) Indisposicións, podendo ser xustificables ata un máximo de 2 días lectivos.
e) Enfermidade, sendo xustificable o tempo de prescrición médica.
No caso de faltas de asistencia a clase do alumnado non contempladas no apartado anterior, quedará a criterio da dirección do centro educativo a consideración das excepcionais circunstancias que concorran para a súa xustificación ou non. En todo caso, deberá garantirse o dereito á escolarización da alumna ou do alumno.
En todo caso, ante calquera falta de asistencia do alumno/a, os pais, nais, titores/ as ou gardadores legais, deberán xustificala por escrito nos tres días seguintes, entregando o documento xustificativo ao titor/a por correo electrónico ou a través da axenda.
A xustificación das faltas de asistencia a clase do alumnado realizarase ante o profesorado titor e por parte da nai, do pai ou das persoas titoras legais ou gardadoras do alumnado, acompañando, segundo proceda:
- Xustificante médico, no caso de enfermidade propia ou grave dun familiar de primeiro ou segundo grao.
No caso de faltas por indisposicións ou enfermidade:
Se a ausencia comprende de 1 a 2 días ao mes, consecutivos ou non, presentarase xustificante por escrito dos pais, nais, titores/ as ou gardadores legais.
Cando a falta de asistencia ao centro educativo por visita médica ou por enfermidade sexa de máis de 2 días ao mes, a xustificación deberá estar apoiada polo informe médico correspondente.
Considerarase falta xustificada por enfermidade prolongada a situación dos menores que se atopan convalecentes en domicilio ou hospitalizados por períodos superiores a un mes, e conste no centro educativo o informe médico correspondente.
2. Documento acreditativo, no caso de deberes inescusables, presentación a exames ou morte de familiares de primeiro ou segundo graos.
3. Calquera outro documento acreditativo da circunstancia que xustifique a ausencia.
Seguimento das faltas de asistencia a clase do alumnado e a súa comunicación
O profesorado titor deberá comunicar ás nais, aos pais ou ás persoas titoras legais ou gardadoras do alumnado todas as faltas de asistencia a clase de cada mes, dentro dos primeiros cinco días naturais do mes seguinte e diferenciando as faltas xustificadas das non xustificadas.
Cando as faltas de asistencia a clase do alumnado presenten dificultades para a súa xustificación ou cando se incremente de forma significativa o número de faltas sen xustificar, o profesorado titor convocará a nai, o pai ou as persoas titoras legais ou gardadoras da alumna ou do alumno a unha reunión, coa finalidade de analizar a situación que se está a producir e tratar de corrixila, evitando que se produza a apertura do expediente de absentismo. Desa reunión levantará acta o profesorado titor.
Cada centro educativo establecerá nas súas normas de organización, funcionamento e convivencia o procedemento para realizar esas comunicacións ou citacións, así como a obrigatoriedade de deixar constancia de tales accións.
Definición de Absentismo
Tal como establece o artigo 22 do decreto 229/2011, do 7 de decembro, absentismo é a ausencia ao centro escolar sen causa debidamente xustificada do alumnado en idade de escolarización obrigatoria. Para ser considerado absentismo, esta ausencia debe supor un mínimo do dez por cento (10 %) do horario lectivo mensual.
IMPRESOS OBRIGATORIOS
Impreso para a xustificación de faltas
Impreso para a comunicación de ausencias prolongadas e/ou definitivas.
IMPORTANTE: A NON ENTREGA DOS IMPRESOS SERÁ MOTIVO DE NON XUSTIFICACIÓN DAS FALTAS
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- 11
- …
- seguinte ›
- última »