Título Event node R
Directrices para o exercicio do teletraballo do profesorado galego
Servizos e recursos cos que pode contar o profesorado para o desenvolvemento da aprendizaxe a distancia
Martes, 21 Abril, 2020 - 10:00
Dende o CAFI poñemos a disposición do profesorado galego un documento que recolle algunhas pautas e recursos para o teletraballo do profesorado galego. Trátase dunha guía sinxela que responde ás seguintes preguntas: Como podo levar a cabo o ensino a distancia? De que ferramentas dispoño? E, por último, onde podo atopar axuda?
- Como podo levar a cabo o ensino a distancia? En canto a este primeiro aspecto, proporciónanse unhas directrices básicas para a planificación e estrutura das xornadas do alumnado e as familias que pasan por tomar decisións a nivel de claustro, de ser posible, para non saturar ao alumnado e para non duplicar esforzos. Ademais, cómpre formular uns obxectivos claros, deseñar tarefas axeitadas e acompañar ao alumnado, dándolle feedback personalizado e establecendo estratexias para manter a súa motivación. No documento ofrécese tamén unha proposta de organización e estrutura dunha xornada na Rede.
- De que ferramentas dispoño? As dúas seccións incluídas neste apartado ofrecen un abano de espazos virtuais así como ferramentas específicas para favorecer a comunicación entre os propios claustros e co alumnado, ademais de axudar a compartir ou crear materiais, fomentar a interacción e proporcionar retroalimentación. Alén das ferramentas institucionais, sinálanse outras aplicacións ou recursos libres ou gratuítos.
- Onde podo atopar axuda? O persoal asesor faise dispoñible para proporcionar orientacións para o desenvolvemento da educación a distancia e resolver dúbidas sobre o emprego de ferramentas ou aplicacións. Pódese contactar co mesmo a través do enderezo electrónico cafi.educaciondixital@edu.xunta.gal