Curso ITEC Abalar 2º ciclo

G1401078 (CAFI), O1401024 (CFR Ourense) e P1401035 (CFR Pontevedra) Últimos días para inscribirse no curso mixto do ITEC
Mér, 10/09/2014 - 12:02
itec

Resumo do proxecto
iTEC describe unha serie de escenarios de aprendizaxe, compostos por actividades secuenciadas coas que se resolverá un problema real buscando a motivación do alumnado e o aproveitamento dos recursos dispoñibles.
Estes escenarios non dependen do nivel, materia e contidos a traballar, sendo o profesorado o responsable de ordenar as actividades e elixir levalas a cabo baseándose na realidade da súa aula e o acceso á tecnoloxía de que dispoñan. Exemplos de escenarios de aprendizaxe son “narrar unha historia”, “crear un xogo”, “deseñar unha simulación de física” ou “crear un obxecto”.
Os escenarios de aprendizaxe deseñados no proxecto iTEC están empregándose en aulas piloto de 19 países coa fin de estudar a súa aplicabilidade. En Galicia a pilotaxe está dirixida pola Universidade de Vigo, única institución española participante no proxecto.

Adaptación do proxecto iTEC ao proxecto Abalar
Ao longo do ano 2014 están realizándose accións de pilotaxe do proxecto iTEC en aulas galegas. Nunha primeira fase, realizada entre xaneiro e maio participaron 6 docentes cuxo traballo pode verse en http://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/espazo/experiencias/experiencia/proxecto-itec.
Ao longo deste trimestre vai desenvolverse a segunda fase, que comeza no mes de setembro coa realización de tres cursos no CAFI e os CFR de Ourense e Pontevedra e continuará os próximos meses coa selección de 9 docentes participantes nestes cursos aos que se apoiará na implantación na aula do escenario perfilado durante o curso.
A inscrición nestes cursos remata o día 16 de setembro e pode realizarse mediante a plataforma Fprofe. Os códigos dos cursos son G1401078, O1401024 e P1401035.

Requisitos para participar na pilotaxe do proxecto
A finalidade da pilotaxe é adaptar as propostas de iTEC ás necesidades específicas de cada aula tendo en conta o equipamento e recursos dispoñibles nas aulas Abalar. Polo tanto pode participar todo o profesorado que imparta docencia en aulas Abalar, independentemente da etapa, que estea aberto á participación en novas iniciativas metodolóxicas.
A que alumnado está dirixido?
Aínda que os escenarios de aprendizaxe proporcionados polo iTEC son adaptables a calquera curso de todas as etapas educativas, o obxecto do traballo é a súa adaptación ás aulas Abalar, polo que está destinado ao alumnado de 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º de ESO.
Que ten que facer o profesorado participante?
Debe levar á aula un dos dous escenarios de aprendizaxe que se van ensaiar durante o primeiro trimestre do curso 2014-2015. Queda á súa elección a materia e unidade didáctica na que o encadre así como o curso, sempre que sexa un dos niveis Abalar.
Ao longo do proceso o profesorado contará co apoio telefónico e online proporcionado por persoal da Universidade de Vigo.


Ligazóns de interese:
Web do proxecto: http://itec.eun.org/web/guest/home
Escenarios, deseños e prototipos iTEC: http://itec.aalto.fi/es/
Escenarios realizados na primeira fase do proxecto en Galicia: http://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/espazo/experiencias/experiencia/proxecto-itec