A Consellería de Cultura e Educación incorpórase á rede europea para o desenvolvemento das competencias clave na ensinanza: KeyCoNet

A Consellería forma parte desta rede europea a través do traballo desenvolvido a prol da integración das competencias básicas nos plans de innovación e formación permanente do profesorado.

O traballo conxunto das institucións dos dezaseis países europeos que conforman KeyCoNet ten como obxectivo a identificación e a análise ao redor das competencias clave no ensino primario e secundario en Europa.

Sáb, 15/02/2014 - 10:00
A Consellería de Cultura e Educación incorpórase á rede europea para o desenvolv
A Consellería de Cultura e Educación incorpórase á rede europea para o desenvolvemento das competencias clave na ensinanza: KeyCoNet

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incorpórase á rede europea para o desenvolvemento de competencias clave na ensinanza: KeyCoNet (Key Competence Network on School Education). Dita rede é un sistema centrado na identificación e na análise para o Desenvolvemento das Competencias Clave (DCC) nos cursos de ensino primario e secundario en centros de toda Europa. Así, o obxectivo é o de propoñer recomendacións cara á creación de políticas educativas e á mellora da práctica profesional docente cunha análise dos factores que favorecen a aplicación integral do DCC, a partir dos datos recollidos por medio de revisións de publicacións, notas e estudos sobre casos prácticos, informes de visitas de intercambio, información da situación por países e vídeos da posta en práctica en centros educativos.

A Consellería de Cultura e Educación intégrase en KeyCoNet grazas ao esforzo realizado pola integración das competencias básicas nos plans de innovación e formación permanente do profesorado, como queda reflectido coa creación da rede de formación COMBAS Galicia  con máis de 100 centros participantes no curso 2013/2014.

Obxectivos

KeyCoNet ten como finalidade a análise e estudo das novas formas de ensinanza e aprendizaxe que abandeiran os sistemas educativos máis avanzados, de aí que seus traballos diríxanse á detección e seguimento de novas iniciativas para a mellora da educación, o intercambio de boas prácticas e a revisión de publicacións, para presentar recomendacións que se poidan implementar nos sistemas educativos europeos.

O proxecto ten unha web: http://keyconet.eun.org  na que é posible estar ao día das noticias, actividades e resultados da rede cara ao desenvolvemento das competencias clave en Europa, así como darse de alta no boletín KeyCoNet Newsletter que se publica tres veces ao ano: http://keyconet.eun.org/newsletter

Un proxecto europeo

O proxecto da rede KeyCoNet, financiado coa axuda do Programa de Aprendizaxe Permanente da Unión Europea, está coordinado por European Schoolnet, grupo de reflexión internacional de gran calado que está formado por unha rede de 30 ministerios de educación dos estado membros da Unión Europea xurdida para orientar a innovación no ámbito europeo.

Neste programa colaboran os ministerios de educación, axencias gobernamentais, universidades, institutos de investigación, organizacións europeas e outros organismos relacionados dos dezaseis países asociados: Austria, Bélxica, España, Estonia, Finlandia, Francia, Irlanda, Noruega, Portugal e Suecia. Todos eles realizan un traballo conxunto no que se interrelacionan lexisladores, investigadores e expertos que teñen contacto directo cos estudantes.

Competencias Clave

Cómpre recordar que as competencias clave, seguindo a Recomendación do Parlamento Europeo e do Consello da Unión Europea son: comunicación en lingua materna, comunicación en linguas estranxeiras, competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, competencia dixital, aprender a aprender, competencias sociais e cívicas, sentido da iniciativa e espírito de empresa, conciencia e expresión culturais. Todas as competencias clave considéranse igualmente importantes e están interrelacionadas, xa que determinados aspectos dun ámbito apoian a competencia noutro.

En España o concepto de competencias clave e a súa clasificación reformúlase nas denominadas competencias básicas, ás que se fai referencia nos diferentes currículos.