A Feira da Ciencia 2023 xa está en marcha: desde o mércores 14 ata o venres 16 de xuño, o vestíbulo do Sánchez Cantón estará disposto para desenvolver esta actividade que profesorado e alumnado do Club de Ciencia levan tempo preparando. Durante os recreos, membros do club realizan unha serie de experimentos para os compañeiros e compañeiras que se achegan ata a feira. Nestes experimentos recréase o funcionamento de diversos aparellos do noso Museo científico que pertencen á área de didáctica da óptica e espectroscopía, así como xoguetes ópticos e inicios do cinema.
Ademais de atender ao alumnado do instituto, os futuros científicos tamén realizarán prácticas diante do alumnado de 3º e 5º de Primaria do CEIP Álvarez Limeses e de 2º de Primaria do CEIP de Barcelos. Posteriormente, e na liña de apertura á cidade que iniciamos o curso pasado, visitarán o Museo de Ciencia do instituto.