Instrucións de fin de curso da Consellería para o profesorado que ten material na plataforma EDIXGAL
Finalizando este curso 2023/24, achégase a seguinte información de interese sobre o Proxecto EDixgal:
COPIAS DE SEGURIDADE
O profesorado que desexe facer unha copia de seguridade dos recursos propios publicados nos cursos do EVA, para poder restauralos o vindeiro curso, tería que facelo antes do día 15 de agosto. De ter algunha dúbida de como realizar este proceso, pode poñerse en contacto co/a seu/súa asesor/a Abalar de Zona da Amtega ou a través do Soporte Premium no teléfono 881869900 ou no correo electrónico soporte.premium@edu.xunta.gal
Non será preciso facer copias de seguridade dos contidos editoriais ou dos creados coa Ferramenta de Autor, xa que todos os recursos creados mantéñense de forma permanente ao longo dos cursos académicos. Sen embargo, non se migrarán ao novo curso os cambios realizados na Ferramenta de Autor a partir do día 15 de agosto.
EQUIPAMENTO
Se impartiu docencia en materias EDixgal durante o curso 2023/24 e vai continuar no proxecto no mesmo centro no curso 2024/25, poderá dispor do portátil EDixgal durante o período estival, facéndose cargo de todos os elementos.
Se no próximo curso 2024/25 cambia de centro ou continúa no mesmo pero sen impartir docencia en materias EDixgal, deberá entregar o seu equipo cos seus correspondentes accesorios en perfectas condicións e asinar o acordo de devolución, a ser posible, antes do 30 de xuño.
ACCESO AO EVA
Vai poder acceder ás materias do curso 2023/24 do EVA ata o día 25 de agosto. Este día cortarase o acceso, e o xoves 29 de agosto estará operativo o novo EVA do curso 2024/25 con todas as materias e grupos que houbera en Xade. A partir deste momento, todos os cambios que se fagan no Xade, estarán actualizados ao día seguinte no EVA.
O profesorado que teña asignadas as materias e grupos no Xade poderá acceder ao EVA co alumnado xa matriculado nas correspondentes materias. De non estaren os datos actualizados no Xade, poderá crear novos espazos, consultar o catálogo e empregar a Ferramenta de Autor.
O nome do usuario do alumnado para acceder ao EVA será o mesmo do curso actual, pero os contrasinais quedarán restablecidos ao comezo do novo curso. Como en anos anteriores, será o profesorado o encargado de facerlle chegar ao alumnado a clave provisional de acceso ao EVA. O contrasinal modificado polo alumnado deberá ter 8 caracteres e como mínimo unha maiúscula, unha minúscula e un número.
Se tivera algunha dúbida sobre algúns dos puntos expostos anteriormente, pode poñerse en contacto co/a asesor/a Abalar de zona da Amtega.
Moitas grazas pola súa colaboración e por todo o traballo realizado ao longo deste curso 2023/24.
Reciba un cordial saúdo
Xerencia de Proxectos de Educación
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)