Skip to Content

Premio Ernestina Otero ao traballo NA NOSA MEMORIA, NA SÚA MEMORIA. Reportaxe en Pontevedraviva

Premio ao esforzo escolar para que o legado de Ernestina Otero "permaneza vivo e non se borre na historia"

 

Entrega dos premios Ernestina Otero 2022

© Mónica Patxot

Alumnado dos centros educativos pontevedreses CEIP San Martiño de Salcedo, CPR Sagrado Corazón de Placeres e IES Sanchez Cantón sumouse este xoves á lista de condecorados cos premios Ernestina Otero Sestelo, que recoñecen os proxectos educativos innovadores e relevantes en canto á incorporación da perspectiva de xénero.

Desde o ano 2018, este galardón busca darlle valor a aqueles proxectos que supoñan un exemplo de boas prácticas e modelo para futuras iniciativas educativas en materia de igualdade de oportunidades e este ano premiou tres traballos destes tres centros educativos que así o fan. 

Os condecorados recibiron o seu recoñecemento este xoves nun acto celebrado no Teatro Principal de Pontevedra no que a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, quixo animar a "seguir traballando pola igualdade de mulleres e homes no día a día dos centros de ensino do noso concello".

Tamén quixo que estes premios e este acto sirvan para para honrar a memoria de Ernestina Otero Sestelo e que "o seu nome e o seu legado permaneza vivo e non se borre na historia".

O xurado da cuarta edición dos premios concedeu o primeiro premio na categoría de educación infantil e primaria ao proxecto 'Unha mirada violeta' do CEIP San Martiño de Salcedo por aplicar unha perspectiva de traballo pola igualdade que se desenvolveu en todos os cursos de educación infantil e primaria, "conseguindo a implicación de todo o profesorado e alumnado" e por "proporcionar ferramentas para a análise da sociedade que nos rodea (contos, cancións, noticias...) dende unha perspectiva de respecto e igualdade".

Manuel Puga Pereira, neto e biógrafo de Ernestina Otero Sestelo e presidente da Fundación Penzol, entregou o premio a unha representación de alumnado de este centro.

O segundo premio foi para o proxecto 'Patios activos para educación infantil e primaria' do CPR Sagrado Corazón de Placeres por facer unha análise dos recreos e da ocupación dos espazos, "traballando pola participación e inclusión por igual de nenas e nenos en todos os xogos" e "apostar polos patios inclusivos".

Melisa Orbán Fernández, axente da Policía Local de Pontevedra que traballa na unidade de violencia de xénero, fixo entrega do premio. 

Na categoría de educación secundaria e postobrigatoria non universitaria o segundo premio declarouse deserto e o primeiro foi para o proxecto 'Na súa memoria, na nosa memoria' do IES Sanchez Cantón.

Manuela Vilaboy , xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, foi a encargada de entregar este premio, que se concede pola "ampla implicación transversal" de todos os departamentos e por visibilizar a memoria das mulleres que foron represaliadas e silenciadas durante a Guerra Civil e a posguerra. Tamén se lle recoñece a divulgación pública na web de todas as actividades realizadas no ámbito de igualdade.

O acto incluíu unha pequena proxección dun resumo en vídeo dos proxectos gañadores e unha actuación final de Tareixa Alonso, de Pavís Pavos

Aquí tedes a galería fotográfica



page | by Dr. Radut