Filosofía

Chegou aos nosos oídos... Luis Gorrochategui presenta o Anuario Brigantino

Chegou aos nosos oídos.... que Luis Gorrochategui Santosprofesor de Filosofía no noso IES será o encargado este ano de presentar o  número 39 do ANUARIO BRIGANTINO 2016 (que dirixe o ex alumno do Aguiar,  e arquiveiro municipal Alfredo Erias)

O noso compañeiro compaxina as súas tarefas docentes coa escritura de libros que se achegan a aspectos históricos ou económicos. Destacaremos  as súas obras sobre historia Coruñesa (“La Guerra de la Sirena. Nueva perspectiva de María Pita”), a súa aportación sobre a historia da  Armada Invencible e a Contra_Armada , ou a súa incursión na economía cunha obra sobre os PIG's. 

A presentación terá lugar nun  acto  na Aula Municipal de Cultura «Xulio Cuns» do Edificio Liceo o  venres29 de setembro deste 2017, ás 20,30 h.

 

A Coruña. O legado romano.

O martes 21 de marzo os alumnos e alumnas de 2º BAC que cursan a materia  de "Ética e Filosofía do Dereito", visitarán acompañados polo seu profesor Luis Gorrochategui, a cidade de A Coruña.

O obxecto é descubrir a pegada do mundo romano na cidade herculina. O estudo deste mundo romano é un presuposto fundamental para entendernos posto que pon os alicerces  do dereito que é  fundamento do dereito que hoxe xeralmente aceptamos. 

Andainas polo Camiño Inglés. Betanzos-Hospìtal de Bruma

 

Incorporadas á programación das materias de Filosofía e Antropoloxía, retómanse no IES Francisco Aguiar as andainas polo Camiño Inglés a Santiago de Compostela. 

Case corenta alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato acompañados polos profesores Luis Gorrochategui e Silvia Carro percorrerán o tramo que leva dende Betanzos a Hospital de Bruma, punto iste onde conflúen os tramos do Camiño Inglés que chegan dende Ferrol e dende A Coruña.

A viaxe terá lugar o vindeiro martes 18 de outubro e forma parte dun programa que, en tres etapas, levará  a este grupo do noso instituto ata a cidade de Santiago. 

Andaina polo camiño inglés. Sigüeiro-Compostela

Percorrer o Camiño de Santiago como experiencia cultural e fondamente humana, antropolóxica.

Tal é xustificación con que naceron as andainas polo Camiño, primeiro vencellados ao Departamento de Lingua Castelá e agora ao de Filosofía

Disfrutar por igual do camiño, como da chegada; do esforzo, como do descanso;

da soedade do camiñante, como da compañía dos outros viaxeiros, sexan do Aguiar ou Filipinos

 

E voltar a casa, seica cos pes magullados, pero co peto cheo de experiencias humanas e da alegría do esforzo compartido. 

Andainas polo Camiño Inglés.

 

 12 de abril retomanse as tradicionais andainas polo Camiño Inglés.

Alumnos e alumnas de BAC 1º A, D e E percorrerán ( segundo a previsión) desafiando aos elementos, o tramo que vai de Bruma a Sigüeiro.  

Acompañan na andaina os esforzados profesores Luis Gorrochategui e Auria Bóveda

 

“TINOANDAINAS” OU “O PERIPATO DE BACHARELATO”

Crónica da camiñada Pontedeume - Betanzos do 17 de marzo de 2015

 

Unha das actividades que se veñen realizando no Instituto Francisco Aguiar dende anos atrás son as rutas de sendeirismo polo Camiño Inglés (unha das rutas do Camiño

de Santiago). Estas camiñadas ou andainas comezou a organizalas o profesor Constantino Chao, xa xubilado, e continúan realizándose da man de profesores como Luis

Gorrochategui, Pancho Sánchez, Carmen Suárez, Carlos Castellanos... Cada vez que hai noticia dalgunha, o alumnado de Bacharelato revoluciónase para entregar a

autorización a tempo e non perder tan ansiada praza (quizais, ao xeito dos peregrinos, para comprobar se o mito de “ofrecerse” ao apóstolo Santiago facendo o Camiño

promove un milagre que rescate algunha avaliación perdida...).

 Motivacións aparte, o certo é que se trata dunha actividade popular á que asistimos normalmente unha media de cincuenta alumnos, e en verdade a da camiñada é unha xornada

amena (aínda que o tempo non sempre acompaña) á que contribúen tanto os participantes como a paisaxe. Tampouco requiren un gran esforzo físico (iso si, algunhas maniotas

ou agujetas sempre vai haber...). Por outra parte, estas andainas son oportunidades de coñecer o Camiño Inglés cos seus lugares de paso, os seus monumentos e curiosidades;

e resulta que quizais non chegaríamos a descubrir esta parte do noso patrimonio de non ser a través desta actividade, organizada polo Instituto e cos compañeiros e compañeiras.

Resulta sen dúbida moito máis agradable facer o camiño de maneira colectiva que individualmente, de feito este é o maior incentivo para nós, ademais de que tamén se presenta

unha oportunidade para desconectar da dinámica do curso, as clases, os exames... (o famoso “desconecting!” de Pepe Dopico, se se me permite a mención).

 

Normalmente fanse dúas ou tres camiñadas cada curso: o anterior percorréronse as rutas Mesón do Bento - Betanzos (outubro de 2013) e Alvedro - Mesón do Bento (maio de

2014) e neste curso emprendemos o Camiño en Ferrol, facendo unha primeira etapa ata Pontedeume (o 7 de outubro de 2014) e nesta última ocasión a etapa Pontedeume -

Betanzos, un pouco máis curta.

 

Tal e como amosa o mapa e o gráfico da etapa, este é un tramo de costa, en cuxo percorrido, aínda

que atravesa montes, vilas e aldeas, pódese apreciar a forma da ría de Betanzos e o seu estado

(que se deteriorou anos atrás debido a unhas drenaxes que se fixeron, etc.).

 

Vendo a gráfica pódese apreciar que, dito claramente, comezamos “forte” a camiñada, ao subirmos

a costa de Breamo, parroquia de Pontedeume; pero logo o nivel normalízase, hai tamén grandes

baixadas e a ruta é suave, tampouco é extensa, xa que son só 21 km cando hai etapas do Camiño

que se achegan aos 30 km (máis ben no Camiño Francés).

 

O Camiño de Santiago tivo unha importancia clarísima tanto como ruta comercial como cultural,

artística, relixiosa, etc., e isto plásmase na profusión de aldeas e vilas ao longo del, aínda que tamén

seguramente o Camiño, nas súas orixes, se tivo que ir establecendo como vía de comunicación ao

pasar por núcleos de poboación que probablemente xa existirían no momento en que se

xeneralizaron as diferentes rutas do Camiño.

 

Nesta etapa que fixemos, os lugares principais son Pontedeume, Miño e Betanzos. Mentres que

Pontedeume e Betanzos son pequenas cidades ou vilas de orixe medieval, Miño é un núcleo urbano que se desenvolveu no último século a partir dunha aldea de pescadores e

agricultores, e hoxe en día é un sitio turístico de veraneo, polas súas praias.

 

De feito, chegamos a Miño sobre as 11:20 h (na hora do noso recreo...) e fomos ata unha das súas praias (a pequena), onde xantamos e descansamos ata as 14:00 h. Puidemos

deternos tanto tempo debido a que nos sobraba tempo para facermos a ruta, conque mellor aproveitamos a andaina. O sol tamén se nos manifestou (milagre, sen dúbida...) e

acompañounos por momentos durante o resto da tarde.

 

Retomamos o Camiño e chegamos dende Miño ata A Ponte do Porco, onde desemboca o río

Lambre, que nace nas montañas de Monfero, atravesa parte de Irixoa, Vilarmaior e

Paderne. O nome deste lugar débese, por unha parte, a que se atribúe a construción dunha ponte a

un dos condes de Andrade, familia aristocrática galega de gran relevancia política no século XIV e

parte do s. XV; e por outra parte tamén se fala dunha lenda en torno á figura de Nuno Freire de

Andrade, “o mao”. O que é verídico é que o xabaril, tamén coñecido como porco bravo, era un dos

símbolos heráldicos dos Andrade. Tamén destaca o nome de Fernán Pérez de Andrade “o bo”,

anterior a Nuno Freire de Andrade. Os seus nomes e a súa familia son importantes en tanto que

eran señores dunha boa parte de Galicia, en particular eran señores de Betanzos e Pontedeume e

tamén de áreas rurais como Monfero, que tamén estaba baixo a xurisdición dun mosteiro

cisterciense no que se conservan sepulcros dalgúns Andrade. Na igrexa de San Francisco de

Betanzos está o sepulcro de Fernán Pérez de Andrade. En Pontedeume existe o Torreón dos

Andrade e hai algúns castelos tamén por esta zona (Nogueirosa, Narahío..). Ante tanto dato é

evidente que o Camiño de Santiago esperta curiosidades sobre a Historia Medieval de Galicia

ineludiblemente. Ademais están as igrexas, moitas delas románicas, que se construíron ó longo do

Camiño.

 

Unha vez subida a costa que hai despois da Ponte do Porco, chegamos ata San Pantaleón das Viñas, tamén no municipio de Paderne, onde hai unha igrexa románica do século

XII. Outra tamén do mesmo estilo e do s. XII é a de San Martiño de Tiobre, en Betanzos Vello. Sen dúbida o Camiño Inglés é a ruta pola que mellor se chega a coñecer estes

lugares, pois quizais non teríamos a idea de exploralos en coche, máquina que tende máis ás urbes...

 

E unha vez máis, xorde a curiosidade ao preguntar sobre Betanzos Vello, lugar no que se di que se fundou a cidade de Betanzos, que despois se trasladou poucos quilómetros

máis abaixo debido a causas non dirimidas por completo, pero moitos apuntan que este traslado se produciu por mor dun incendio (de aí que non haxa restos do primeiro

asentamento).

 

Finalmente chegamos a Betanzos sobre as 16:30 h, lugar que tamén teríamos que visitar a fondo se non o coñecésemos de antemán, e que permite continuar co relato dos

Andrade e outras lendas, así como facer unha parada interesante, tomar algo para repor enerxías e facer balance dunha xornada de descubrimento do entorno próximo, pero non

menos importante nin máis estudado. En definitiva, exercicio físico moderado amenizado polas compañías, a anécdota e a paisaxe... E tamén cómpre dicir, por aquilo do

“peripato”, que en ocasións durante estas camiñadas houbo conversas de carácter filosófico con Gorrochategui, que tomou xunto con Pancho esa boa idea que tivo Tino Chao de

“poñer a andar” ao persoal, para espelirse das clases. Toda unha tradición no Instituto Francisco Aguiar, ademais de que hai unha ampla gama de rutas para percorrer, e é unha

boa forma de tomar contacto coa nosa contorna. Sen dúbida ningunha, é unha experiencia recomendable para toda persoa que se achegue a visitarnos.

 

 

23/MARZO/2015-Antonio González.BAC 2º D

 

Andaina polo Camiño Inglés. 17 de marzo.

Reanúdanse as camiñatas polo Camiño de Santiago co alumnado de Bacharelato.

Nesta ocasión case 50 alumnos e alumnas de 1º e 2º percorrerán un dos tramos do Camiño inglés acompañados polos profesores Luis Gorrochategui, Pancho Sánchez e Carlos Castellanos.

Sairán de Pontedeume coa mañanciña. "Recolleremos os restos" Sorriso ao remate das clases da tarde no IES Francisco Aguiar.

¡BOA ANDAINA!

Percorrendo o Camiño Inglés. Etapa 1: Ferrol-Pontedeume

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O 7 de outubro  retomamos unha actividade que foi fixa no Aguiar os últimos anos da man de Tino Chao. Referímonos ás rotas de sendeirismo polo camiño de Santiago. 

Nesta ocasión serán 53 alumnos e alumnas de Bacharelato os que se arrisquen a unha molladura, as vexigas nos pés, ao cansanzo.... nunha camiñata entre Ferrol e Pontedeume . Estarán acompañados, desta volta, polos profesores Luis Gorrochategui, Pancho Sánchez e Carmen Suárez. 

¡BO CAMIÑO!

 

Chegou ata os nosos oídos......."La Rebelión de los PIGS", novo libro de Luís Gorrochategui

"Chegou ata os nosos oídos..."  é unha etiqueta da web do IES "Francisco Aguiar". Con ela queremos facermos eco  do que ocorre máis aló dos muros do Instituto. Agrádanos dar a coñecer eventos e noticias relacionados con persoas que estiveron entre nós (alumnado ou profesorado, comunidade escolar en xeral) ou con aquelas que aínda forman parte deste proxecto educativo. Trátase de amosar outra cara que non sexa a estrítamente académica.

O propio autor, o noso compañeiro Luís Gorrochategui,  fíxonos chegar a invitación para participar na presentación do seu novo libro  "La rebelión de los PIGS. La verdad oculta de la crisis y el saqueo del sur de Europa". Terá lugar o luns 9 ás 20.30 h. no Casino, calle Real 83. A Coruña.

Distribuir contido