Chegou aos nosos oídos...Guido I. Novoa e o concurso "Explícoche matemáticas 2.0"

 

Chegou aos nosos oídos...grazas ao aprezado ex alumno Guido ignacio Novoa, a convocatoria dun interesante concurso: "Explícoche matemáticas 2.0". 

 

Explícoche matemáticas 2.0 é un concurso que convoca a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas, que xa vai pola súa sétima edición, cuxo obxectivo é promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas e estimular a creatividade do alumnado cos medios audiovisuais.

 

Pode participar o alumnado das universidades públicas de todo o Estado español de todas as titulacións de grao, mestrado e doutoramento, así como alumnado de 3º e 4º da ESO e de bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes en grupos cun máximo de tres estudantes dirixidos por un profesor ou profesora.

O obxecto de Explícoche Matemáticas 2.0 son vídeos nos que se aborde un tema relacionado coas matemáticas, ben desde un punto de vista formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación),ou ben, cun carácterdivulgador, reflectindo como se utilizan as matemáticas na vida cotiá, na cultura, na arte ou na sociedade. Os vídeos deben ter unha duración de entre 1:30 e 2:30 minutos e vehicularse en galego. E poderán utilizar calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico.

O prazo para presentar os vídeos remata o 6 de abril de 2018, para o cal os concursantes deberán subilo a unha canle de Youtube e achegar o URL do vídeo, os datos de contacto, informe e autorizacións a <zmatdeca@usc.es> e ao enderezo físico do Decanato da Facultade de Matemáticas

 

Hai catro premios. Un para a categoría A (alumnado da ESO e de bacharelato) e dous para a categoría B (graos, por unha banda, e mestrado e doutoramento pola outra), dotados con 200 euros cada un. E un cuarto premio de 100 euros para o premio mellor valorado polos internautas.

Consulta as bases do certame para este curso 2017-2018!