Acto de Graduación da Promoción 2014

O 29 de maio, coa presencia do Alcalde e do Concelleiro de Educación de Betanzos, a comunidade educativa do IES Francisco Aguiar "okupou" o Polideportivo para facer ¡"festa rachada"!.   A festa de graduación 2014.

 

Era unha verdadeira ledicia ver cheo este espazo do noso Instituto. Alí estaban os alumnos e alumnas de 2º BAC que se graduaban,  acompañados das súas familias, dos seus profesores , e de moitos antigos alumnos doutras promocións que se achegaron ata a cerimonia. Non faltou tampouco a representación de alumnos de cursos inferiores movidos pola curiosidade ou a amizade con algún dos graduados.

 Todos eles chamados polo sentimento comun de orgullo por ter estudado e formar parte da comunidade do IES Francisco Aguiar.

Houbo tamén dúas presenzas que compre subliñar. Por unha banda, a de Pepita que durante tantos anos foi alma da nosa cafetería e calmante, non só dos nos estómagos coas súas tortillas, senón tamén dos nosos ánimos co seu sorriso a proba de calquera adversidade. A outra presenza foi o recordo que tódos os alumnos que interviñeron fixeron do noso compañeiro, Sebastián Buedo do que se lembrou o seu humor e o cariño pola profesión e polo alumnado que sempre o caracterizou.

Divertido e oportuno o discurso do alumnado de letras a cargo de Catuxa e Iago. Entrañable e emotivo o de Nuria e Eva representando ao alumnado de ciencias. Brilante, reivindicativo, máis que divertido e con emocionante aperta final a intervención de Tino en representación do profesorado.  

  

Para amenizar o acto dúas coñecidas cancións a cargo do grupo de 1º BAC dirixidos por Blanca. Unha espectacular interpretación das cantareiras de Lanzalía. E o grupo de Xoel, Manuel e Javier coa colaboración estelar de Maia ao cello interpretando o Halleluja de Leonard Cohen. De remate un video con vellas imaxes dos graduados que a máis dun lle trouxeron á mente a canción "Mmmmm ¡como hemos cambiado!"

 

Pero os auténticos protagonistas, eso sí,  foron os alumnos e alumnas que compareceron radiantes e guapísimos. Elegantes eles. Deslumbrantes e subidas en arriscados andamios elas. ¡ ollade !

 

2º A coa súa titora Concha Barrilero

 

2º B coa súa titora Mª Jesús Suárez

2º C co seu titor Luis Gorrochategui

2º D coa súa titora Teresa Bellón

NOTA 1

Queremos adicar un  agradecemento moi especial ás persoas que tanto traballaron por facer do Polideportivo un espazo agradable para este entrañable acto : Elvira, Lucía, M José, Xosé Manuel Rey, Glen, Ofelia. E outro, moi especial, para Esther que, sen previo aviso, fixo de reporteira.

 

NOTA 2

 A nosa eficiente reporteira puido captar imaxes de cada un,  no momento de recoller a insignia e a orla,  e máis doutros momentos do acto. Se alguén quixera estas imaxes só debe poñerse en contacto coa vicedirección.