Eventos
Xa están publicadas as datas para as probas de acceso ao Grao Medio e ao Grao Superior de FP.
Podedes atopar toda a información na páxina https://www.edu.xunta.gal/fp/probas e no Departamento de Orientación.
O noso centro participa nesta iniciativa cultural e de dinamización lingüistica, iniciada polo IES Rafael Dieste, xunto con máis de 150 centros de toda Galicia!
Con esta campaña, preténdese rachar cos prexuízos que din que non se fala galego na nosa comunidade.
O alumnado visitou comercios da localidade, que agora amosan con orgullo un cartel como o seguinte:
Jólabókaflód: esta palabra intraducible denomina a tradición islandesa consistente en agasallar libros durante o Nadal para comezar a ler na Noiteboa.
Aínda que non chegamos ao modelo de Islandia, si é certo que nestas festas houbo ocasións para recibir libros. Probablemente, non tantos como os que pinta Ella F. Sanders.
Para os que desexen estar atentos ás nosas suxestións, recomendamos a lectura duns poemas de Samuel Merino e un hilarante relato de Jonas Jonasson.
Miguel Amado, Ángela Castro, María Dans, Alfredo Faraldo, Lara Fraga, Pablo Fraga, Olalla Gándara, Ánxela Manigrasso, Ariadna Rienda e Sofía Suárez participaron o curso pasado no proxecto eTwinning "A Collection of Short Stories in English".
Co seu traballo, non só acadaron o Selo de Calidade Nacional, senón que nos acaban de comunicar que tamén obtiveron o Selo de Calidade Europeo. Parabéns!
O xoves 18 de xaneiro o alumnado de 2º ESO C e D visitou o parque eólico experimental de Sotavento, situado na Serra da Loba, entre os termos municipais de Xermade (Lugo) e Monfero (A Coruña).
Alí os rapaces e rapazas, ademais de comprender como funcionan os aeroxeradores dos parques eólicos,
puideron coñecer as diferentes fontes de enerxía que se utilizan para producir electricidade no noso país, destacando a importancia das fontes de enerxía renovables.
A última parte da saída estivo enfocada á eficiencia e ao aforro enerxético coa visita a unha vivenda bioclimática, onde lles ensinaron diferentes técnicas para aproveitar ao máximo os recursos naturais dos que dispoñemos na nosa contorna, reducindo deste modo o impacto ambiental e contribuíndo a un desenvolvemento sostible.
O xenial Abraham Cupeiro encandilou ao alumnado de 2º e 4º da ESO sacando magníficos sons tanto de instrumentos guerreiros, coma o carnyx, coma de humildes tubos sonoros.
O alumnado tivo ocasión de preguntar, e así o fixo, deixando patente o seu interese e curiosidade.
Por último, Abraham fixo soar o shofar, instrumento que derrubou na antigüidade as murallas de Xericó.
Esperemos que as de Betanzos sigan no seu sitio tras este concerto!
O pasado 23 de xaneiro tivo lugar o Obradoiro de Iniciación á Astronomía, organizado conxuntamente entre o profesorado do Club de Ciencia e do Proxecto MeteoEscolas.
O alumnado recibiu unha charla acerca da evolución do concepto de gravidade ao longo da historia e dos principais movementos da Terra, aclarando cales causan as estacións e por que estas dependen do hemisferio no que se estea. Ademais, traballáronse nocións básicas de orientación, constelacións, eclipses e mitoloxía.
Non se puido levar a cabo a observación posterior ao non se teren dado as condicións meteorolóxicas adecuadas.
Hoxe celebramos a entrega de premios do Concurso de Cómic convocado por Delia Vázquez, ex-alumna do noso instituto, e auspiciado por José Manuel Rey Bao, xefe do departamento de Educación Plástica e Visual.
O gañador foi Enrique Barreiro Sánchez, de 1º de Bacharelato D, co seu traballo "Misión del queso".
En palabras da xuíza, "el cómic presenta ritmos adecuados y una premisa interesante desde la primera viñeta." Además, "muestra originalidad y frescura".
Parabéns ao gañador!
A muller que pintou Edward Hooper está a ler (a Biblia?).
O cadro leva o título Habitación de hotel [1931].
A muller que está sentada na sala 45 do Museo Nacional Thyssen-Bornemisza, aínda que sexa na pantalla do seu móbil, probablemente estea a facer o mesmo: por que non pensar que estea a ler o que se di do pintor da soidade.
Entre as suxestións de lectura desta semana, dous textos nos que a literatura dialoga coa arte.
O alumnado de ESO2D lerá uns textos relacionados coa paz e a non violencia que servirán de preámbulo para a inauguración dos murais realizados por José Manuel Rey Bao, xefe do departamento de Educación Plástica e Visual: un do Guernica e outro dun retrato de Gandhi que luce a frase: Non hai un camiño para a paz, a paz é o camiño.
Agradecemos a colaboración de Claudia Blanco, Pedro de Farias, Elisa Galdón, Daniela Varela, Julia Caamaño, Sabela Gómez e Rubén Orgeira, todos de 3º da ESO, na realización dos murais.
Catro representates do noso IES participan na Fase III do Programa Observa-Acción, que consiste en visitas de observación a centros situados noutras comunidades autónomas.
Neste caso, o centro elixido e o IES Valle de Piélagos de Cantabria. Durante dous días, conversarán e tomarán nota das boas prácticas educativas que se realizan nese instituto. Máis adiante, serán os nosos compañeiros cántabros os que nos virán visitar.
Preámbulo de entroido...
FICCIÓN (OU NON-FICCIÓN) COA CIENCIA: A MAXIA DO NÚMERO π
- Os participantes presentarán unha esopía inédita, en castelán ou galego, segundo a guía que se acompaña nesta convocatoria, e tendo en conta a definición desta: Esopía é un relato, comentario ou poema, de aproximadamente 140 carácteres (tweet), onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas cifras do número π. A esopía terá un mínimo de cinco palabras.
- A esopía deberá ir acompañada dunha ilustración orixinal.
- Establécense tres categorías nas que o xurado designará un gañador porcategoría: Alumnos de primeiro e segundo da ESO / Alumnos de terceiro e cuarto da ESO, bacharelato e Ciclo Formativo.
- Os participantes, que poden presentar ata un máximo de 3 esopías, obtarán a un único premio, que consisitrá nun vale para mercar material informático, audiovisual, didáctico ou educativo.
- Os premios poderán ser declarados desertos.
- O prazo de entrega remata o 31[4159....] de marzo de 2024.
- As esopías, que deberán ser entregadas na Biblioteca, empregarán completamente cuberto o seguinte modelo descargable nesta ligazón.
- O xurado, designado polo Equipo da Biblioteca, estará integrado por distintos membros da comunidade educativa.
- A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.
O alumnado de 1º, 2º, 3º, 4º da ESO e 1º de BAC participou nunha formación sobre RCP e aprendeu sobre soporte vital básico e o uso do desfibrilador. Para iso, utilizaron o material cedido durante dúas semanas polo Centro de Formación e Recursos (CFR) da Coruña, que se sumou ao maniquí do departamento de Bioloxía.