Dende a Biblioteca Ramiro Fonte, lanzamos o concurso de Haikus ilustrados sobre a primavera para festexar o vindeiro 21 de marzo, o Día Mundial da poesía.
Ánimo, poetas! Buscade inspiración nas musas porque agardamos polos vosos versos.
Lede as bases e achegade as vosas composicións ao correo electrónico:
bibliotecaramirofonte@gmail.com
Nais e país do alumnado de 2º ESO participan nunha nova charla sobre cómo afrontar os conflitos no eido familiar e a importancia de repensar, dialogar e chegar a acordos.
O conflito é un proceso natural na sociedade e un fenómeno necesario para a vida humana, pode ser un factor positivo para o cambio e o crecemento persoal e interpersoal.
As alumnas e alumnos de 4º ESO participaron o 7 de marzo na 8ª edición da feira de ensinanzas artísticas e profesionais de Vigo.
En pequenos grupos, e acompañados por guías, foron visitando os distintos expositores das ensinanzas artísticas e profesionais que participaban na feira.
O grupo de Igualdade do centro, Estela Morada, deseñou unha serie de actividades para comprometer o alumnado, profesorado e persoal non docente a conmemorar o 8m: Día Internacional da muller.
Nesta semana realizáronse diferentes campañas de visibilización como a escrita de frases de mulleres célebres nas ventás do instituto, exposicións para visibilizar a mulleres inventoras, a revisión da baralla de cartas en clave feminista, ou pintacaras e entrega de chapas o venres 8.
Co gallo do día da muller, o xoves sete, tivemos a oportunidade de desfrutar da poesía e música de Cinta Adhesiva. Letras comprometidas e de gran calidade poética cunha posta en escena entre sombras e cores. Grazas por compartir con nós este traballo tan cheo de forza e matices!
O alumnado de 3º ESO PDC elaborou unha exposición arredor de Mulleres Inventoras que está no recibidor do insitituto con motivo do 8m, Día Internacional da muller.
Dende a Biblioteca Ramiro Fonte sumámenos á conmemoración do 8m, Día Internacional da muller.
Por iso propomos, para a hora de ler do xoves 7 de marzo (durante a 5ª sesión), unha escolma de textos narrativos, poéticos e xornalísticos que abordan este día dende diferentes perspectivas. Ademais, achegamos unha actividade máis lúdica para poñerlles cara a importantes mulleres da historia.
Este martes o alumnado de 1° ESO desfrutou do teatro acudindo á representación da obra "Monstros", no teatro Ártika. Con música en directo de Piti Sanz, guión de María Lado e Lucía Aldao, dirección de Marcos Orsi e un elenco de primeira, o noso alumnado aprendeu a enfrontarse aos seus medos interiores dunha maneira lúdica e divertida. Ou acaso o posible monstro é tan diferente de nós?
Por moitas xornadas coma esta. Viva o teatro!
Fantástica experiencia a vivida polo grupo de 3º da ESO que foi practicar esquí a Leitariegos. Cinco días cheos de aventuras, caídas, risas, amizades e moita, moita neve.
Acompañados de Yolanda e Marco, así como dos monitores de Ayuko, a rapazada puido desfrutar deste deporte nun entorno inigualable.
Co gallo da semana de actos que vén desenvolvendo o equipo de igualdade arredor do 8-M, visitounos a Natalia Ibáñez. Esta psicóloga ten participado en proxectos de desenvolvemento de zonas deprimidas e coa prostitución para falarnos desta problemática e da súa relación coa pornografía.