Actividades e Concursos

Primeiro sorteo entre os lectores da Biblioteca

     Como cada ano, á fin de cada trimestre elíxese por sorteo un gañador entre os lectores da Biblioteca que devolveron en tempo os libros prestados.

     O sorteo desenvolveuse o derradeiro día do trimestre, o mércores día 21 de decembro; unha man inocente extraeu o papel gañador da urna na que se van depositando as papeletas de préstamo que reúnen as condicións.

     Resultou gañadora do vale de 25 € para a compra dun libro a alumna de 1º ESO C

Cristina Rodríguez Aballe

                                            

     Parabéns e a seguir lendo!!

Lecturas de Nadal 2016

     Os días 20 e 21 de decembro, antes de marchar de vacacións, festexamos o Nadal desde a Biblioteca lendo algúns contos.

                                              

Eduardo Mendoza, Premio Cervantes 2016

            
    Nacido en Barcelona en 1943, tras estudar o Bacharelato no colexio dos Maristas, estuda Dereito e convértese no que el considera un avogado non criminalista. Traballou en varias ocupacións: oficinista de banco, empregado en editoriais barcelonesas (coincidindo co  “boom” editorial en Barcelona e mais co da narrativa hispanoamericana e da nova novela española).

Xosé Neira Vilas: recordo no seu cabodano

     No mes de novembro de 1928 nacera en Gres (Vila de Cruces), Pontevedra, o autor do libro máis lido da literatura galega contemporánea:

     E o 27 de novembro do 2015 faleceu tamén en Gres, na súa casa natal, despois de botar moitos anos na emigración, primeiro en Bos Aires e logo en Cuba. Alá marchara con vinte anos (como el dixo: tiña vinte anos / vinte espadas xusticieiras e honradas  / para esixir / para loitar). Traballou arreo: estudou comercio, música, xornalismo, literatura... Fundou a editorial "Follas Novas" para a difusión en América do libro galego e, en Cuba, dirixiu a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, ademais de ser redactor-xefe da revista infantil Zunzún.

     Coñeceu na emigración a moitos intelectuais galegos e á súa volta o seu inmenso labor persoal e a prol da lingua e a cultura galegas foi recoñecido con diferentes premios e distincións: foi elixido membro numerario da Real Academia Galega, doutor honoris causa pola Universidade da Coruña, Premio da Crítica Española e Galega, Medalla Castelao, Pedrón de Honra... A súa obra está traducida a unha chea de linguas.

     A Fundación Xosé Neira Vilas organizou un emotivo acto de homenaxe ao autor no primeiro aniversario do seu pasamento; nel presentouse a súa obra póstuma Quique na aldea, un novo canto á vida da aldea que supón un colofón perfecto á traxectoria vital e literaria de Neira Vilas.

     No IES Castelao tivemos a sorte de compartir con el unhas horas, pois sempre lle gustou estar rodeado de rapaces e nunca deixaba pasar a ocasión de transmitirlles a súa paixón polo galego e pola literatura. Froito daquela visita  no 2012 é a entrevista recollida no número 11 da nosa revista "Cousas do Castelao".

     En xusto tributo de recoñecemento e homenaxe, recordámolo nesta data. Podemos ler o comezo das Memorias dun neno labrego ou o capítulo dedicado a Pachín

A palabra contra a violencia: haikus para o 25 de novembro

    
     O día 25 de novembro foi declarado DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER pola ONU no ano 1999, a proposta da República Dominicana, en recordo das irmás Mirabal, asasinadas o 25 de novembro de 1960 por orde do ditador Rafael Leónidas Trujillo.

     No ano 1993 as Nacións Unidas emitiron unha Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra a Muller, na que esta foi así definida:

          Todo acto de violencia baseado no xénero que ten como resultado posible ou real un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas, a coerción ou a prohibición arbitraria da liberdade, xa sexa que ocorra na vida pública ou na vida privada.

     Desde a biblioteca convocamos a loitar contra esta lacra coa que convivimos a cotío.

     Convidamos a todo o alumnado a escribir HAIKUS (breves composicións poéticas de tres versos, máis longo o intermedio) e acompañalos dunha ilustración.

      O día 25 expoñeranse no vestíbulo do instituto.

      A palabra contra a violencia.    

Sesquicentenario do nacemento de Valle-Inclán

     O día 28 de outubro cumpríronse 150 anos do nacemento de Ramón Mª del Valle-Inclán, inesquecible dramaturgo creador do esperpento a principios do século XX, novelista e poeta. Con tal motivo a Biblioteca presentou á comunidade educativa unha ampla selección da súa obra xunto cuns cadros esquemáticos tanto da súa vida como da súa bibliografía fundamental.

24 de outubro: Día da Biblioteca. Comeza a "Hora de ler". Domingo Fontán

   

      Como cada ano, o 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas Escolares, que este curso desenvolven o seu labor baixo o lema "Biblioteca escolar, Territorio das Artes". Minia Regos é a autora da imaxe que interpreta visualmente este lema.

     Desde a nosa biblioteca quixemos celebrar o Día iniciando o luns 24 de outubro o camiño neste curso da HORA DE LER, actividade que vimos desenvolvendo desde o ano 2010.

Relato gañador e mencións do concurso de microrrelatos fantásticos e de terror

Non hai nada fóra (microrrelato gañador)

Aceleras, compasando os ruxidos do motor cos desbocados latexos do teu corazón. A estrada atópase nun estado deplorable: unha vía solitaria en metade das montañas que ningún vehículo cruzou en anos. Arrepínteste de estala a atravesar, como non? Arrepínteste de ter deixado a autoestrada cada vez que percibes esa figura escura que esvara entre o manto da noite, xunto ás árbores, axexando, esperando, sempre diante de ti. Estreméceste cada vez que contemplas as dúas luces escarlata que te observan desde a escuridade, deleitándose cada vez que pisas, en balde, o acelerador. A seguinte curva no camiño é demasiado pechada como para darche tempo a tomala. Aínda que consegues frear, o coche derrapa, golpéase e detense contra o gardarraís. Non te molestas en comprobar se estás ben: alí, en silencio, en metade da noite, só te limitas a escoitar, co corazón cheo de medo, agardando o ataque do teu perseguidor. Escoitas, pero non oes nada. Non sentes nada. Suspiras, tratando de acougar. Non hai nada fóra. Claro que non: eu xa estou dentro do coche, deleitándome cos derradeiros latexos do teu corazón.

Hernán M. Comesaña Cayetano, 1º bacharelato.

Concurso de microrrelatos fantásticos e de terror

Desde o 24 de outubro ao 1 de novembro poderán presentarse relatos ao "Concurso de microrrelatos fantásticos e de terror" a través das nosas contas de Facebook e Twitter. Amplíase o prazo ata o 4 de novembro.

Clica aquí para consultar as bases do concurso.

Distribuir contido