Skip to Content

EDLG

ESCALADA NA PENA DO REI MOURO

O alumnado de 3º da ESO puido iniciarse na escalada coas empresas Orixen action e Guías ceibe e recibir unha charla de xeoloxía con Fran Canosa grazas á colaboración do Concello de San Sadurniño.

Organizada de forma coordinada entre o Concello e os departamentos de Dinamización da lingua galega, Educación Física e Bioloxía, a actividade busca poñer en valor este espazo cercano do Carazo na parroquia de Igrexafeita ademais de ubicar a zona dentro do xeoparque.

Contidos das citadas materias acercáronnos á xeoloxía e ás actividades físicas no medio natrual. O coñecemento dos recursos da contorna e a importancia do coidado do medio estableceron unha relación directa cos obxectivos ODS.

Premendo na primeira imaxe podemos ver outras fotografías da xornada.

Ligazón á nova sobre a actividade recollida na web do Concello:

https://sansadurnino.gal/o-alumnado-do-cpi-iniciase-na-escalada-e-aprende-mais-cousas-sobre-o-xeoparque/

 

ESPELEOLOXÍA NA COVA DO REI CINTOLO E VISITA A MONDOÑEDO E LOURENZÁ

Unha nova aposta do Equipo de dinamización da lingua galega nas “saídas en galego” combinada cun exemplo de promoción de actividades saudábeis e de ocio activo por parte do departamento de Educación Física leváronnos co alumnado de 4º ESO á cova do Rei Cintolo

Visitamos a terra de Fernández del Riego, lembrando o día das Letras de 2023.

Pinchando na primeira imaxe poderedes ver como foi esta innovadora experiencia.

Agradecemos a boa disposición do Concello de Mondoñedo e da Federación Galega de Espeleoloxía.


A FALA LOCAL E AS PALABRAS ESQUECIDAS

 Alumnado da ESO, coordinado por Fernando García e Uxío Leira do Equipo de dinamización da lingua galega, realizou enquisas e persoas galego falantes de máis de 60 anos e de distintas parroquias de San Sadurniño (ademais de parroquias de Neda, Narón ou Moeche)

Puidemos así representar nuns mapas con isoglosas as diferentes zonas onde se usan/usaban palabras ou expresións galegas que escoitamos cada vez menos na nosa fala e mostrar a riqueza da lingua na contorna.

Pretendemos facer visibles así estas palabras esquecidas, loitando para que a rapazada as coñeza e para que saian do esquecemento.

SEMENTANDO VERSOS

 A participación de todas as etapas educativas do centro fixo de novo que fose un éxito a iniciativa “SEMENTANDO VERSOS”. O alumnado escribiu uns versos breves , a man, en lingua galega e de temática libre, para logo poñelo "plantado" cun pauciño na horta do centro. Versos efémeros que sementamos simbolicamente para que medre a poesía en galego, agromando no pensamento da rapazada no futuro.

O coordinador do EDLG, Uxío Leira, explicou que a idea foi tomada prestada dunha actividade creada hai anos por Laura Goldar, mestra pontevedresa xa xubilada.

Distintos autores galegos puideron ser fonte de inspiración nesta proposta que incita á imaxinación e creatividade.

Ser poeta está chupado...
ti só tes que imaxinar
que as palabras son as pezas
dun xoguete que hai que armar
Po e Xía (María Lado e Lucía Aldao)

  

 

ACTÍVATE NO RECREO

O departamento de Educación Física , dentro do plan de saúde e colaborando co EDLG desenvolveu distintas propostas para realizar actividade física no tempo de lecer.

Podedes ver aquí algúns exemplos.

   

 

 

CHARLA DO PLAN DE SAÚDE COA CLÍNICA NUTRÍNDONOS

Dentro do paln de saúde e colaborando cos departamentos de Educación Física e co EDLG realizamos unha charla sobre nutrición saudábel. Desenvolveuse en dúas partes, unha para o alumnado da ESO e outra aberta ás familias.

Alén Porto, nutricionista encargado da clínica, relacionou distintos aspectos da alimentación saudábel co día a día do alumnado. Así, xurdiron cuestións e dúbidas sobre como levar á práctica esta aposta pola saúde.

Clicando na imaxe podemos ver como foi a xornada.

OBRADOIROS DE BANDA DESEÑADA CON CRISTIAN F. CARUNCHO

Neste curso o alumnado de 6º de Primaria e de 2º ESO asistiu a unha charla con Cristian sobre banda deseñada, lingua galega e posta en valor do rural. Coñecemos as súas obras, das que dispoñemos na biblioteca do centro, e as súas fontes de inspiración

Posteriormente, alumnado de distintos grupos da ESO puido realizar co debuxante de Couzadoiro un obradoiro de banda deseñada grazas á colaboración da ANPA do CPI de San Sadurniño.

Pincha aquí para ver máis imaxes da actividade.

      

DÍA DO MEDIO AMBIENTE

Nunha actividade conxunta dos departamentos de Bioloxía, Xeografía e historia, Educación Física e o EDLG conseguimos levar ao noso propio centro unha acción para protexer as aves da nosa contorna próxima. Cobran sentido así os actos polo día do medio ambiente.

Co noso alumnado colocamos uns vinilos con forma de siluetas de paxaros para evitar colisións de aves na vidreira do edificio de Secundaria.

 

         

VISITA ÁS MARUXAS DE NATA CO EDLG

Nos últimos días de curso e dentro das saídas nas que o Equipo de dinamización da lingua galega promove o uso da nosa lingua durante a actividade, visitamos a fábrica das Maruxas de nata en Santa Mariña do monte, no noso concello, en coordinación coas titorías de 4º ESO. Unha doce despedida do alumnado que remata a etapa e o seu paso polo centro educativo.

Todo un exemplo de posta en valor do rural, dos nosos recursos e a nosa identidade. O alumnado puido coñecer experiencias cercanas e falar sobre conceptos relativos á agricultura rexenerativa e gandeiría ecolóxica ademais de poñer mans á obra e facer eles mesmos unhas maruxas de nata vivenciando todo o proceso.

Agradecemos ao equipo das maruxas de nata a posibilidade de ter esta experiencia

Premendo aquí poderedes ver un resumo visual da visita.

       

ENCONTROS PARA FALAR, CANTAR E BAILAR EN GALEGO

 *O Xoves 25 abril, día da revoluçâo dos cravos, tivemos os encontros para cantar en galego co grupo de canto de San Sadurniño. Con eles cantamos pezas en conxunto con "Ferreñas club" (grupo de pandeireteir@s de alumnado do centro), co alumnado de 2º e 4º da ESO, alumnado de 3º e 4º de Primaria.

“Heiche de contar un conto”, “Palmira”, “Se chove”, “O carro”, “Muiñeira de Esgos”, “Xota de Bembibre”, “Sara, Sariña”, “Ai maruxiña”, “Catro vellos mariñeiros”... resoaron no ximnasio ao tempo que o baile tradicional espontáneo, “salvaxe” xurdiu complementando unha emotiva xuntanza para poñer en valor o canto na nosa lingua.

Agradecemos a todas as persoas do grupo de cantos de taberna da San Sadurniño esta oportunidade, confiando na súa continuidade.

Profesorado: Estrela Gómez, Ana Vázquez, Uxío Leira.

Premendo na imaxe pódese ver un resumo visual do evento.

 

 

*O venres 10 de maio realizamos a actividade: encontros de música, lingua e baile co CEIPP A Fraga (As Pontes) e CEIP Nicolás del Río (Cedeira)

O profesorado participante, dos tres centros, está nun grupo de traballo do CFR sobre baile tradicional (Carmen Lorenzo, Estefanía Yáñez, Estrela Gómez, Yolanda Reimonde e Uxío Leira) ademais de ser membros do EDLG.

Fixemos actividades conxuntas entre o alumnado (A Fraga 3°\4° EP, Nicolás del rio 1° EP e CPI San Sadurniño 3° e 4° ESO e 4° EI ) dos tres centros de baile, música e conversas en galego.

Premendo na imaxe podedes ver como bailamos.

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut