Skip to Content

Actividades

Xaora mil primaveras máis

Como colofón ao mes das letras, o Equipo de dinamización da lingua galega-EDLG, da man do dpto de Plástica-EPVA, lanzamos este vídeo para concienciar da importancia de non deixar que a nosa lingua morra e da necesidade de transmitila e usala, sobre todo por parte das persoas que son o seu futuro: o noso alumnado.

Xaora mil primaveras máis!

Agradecemos a colaboración do alumnado, da exallumna Ángela Arnosa, do profesorado e de Carmen Bouza, Carmen Couce, Cruz Piñón, de " teño unha horta en San Sadurniño "

Dálle á imaxe para velo!

 

Tamén podedes ver esta outra versión máis longa!

UN XESTO SOLIDARIO

Este foi o xesto solidario que os nenos e nenas de Guinea tiveron co noso alumnado ao recibir os seus debuxos.

Sobran as palabras...

 

                                             

CHARLAS GABRIEL TIZÓN

Hoxe visitounos Gabriel Tizón, fotógrafo con ampla experiencia traballando en máis de 60 países e fundador do proxecto “Utopía”, da ONG “Causas Comúns”, da que é presidente. Actualmente traballa en varios países e en Guinea Bissau principalmente.

O alumnado de 2º a 4º da ESO viu un documental, fotografías e compartiron un tempo no que se deu valor á educación e a diferentes valores.

Os nenos e nenas de infantil e primeiro ciclo tamén viron algunhas imaxes, puideron facerlle preguntas a Gabriel Tizón e lle entregaron uns debuxos que levará a Guinea Bissau.

Este é o comezo dun proxecto solidario que queremos levar a cabo con esta ONG contando coa implicación do noso alumnado.

 

 

 

 

 

SAAABOR!

Saaabor! é unha obra teatral de xénero cómico na que se mistura música, maxia, humor, ritmo e participación a carón do mundo da gastronomía. Espectáculo ofertado polo Concello e interpretado por Félix Rodríguez e Fran Rei, e que o alumnado de 4º e 5º de EP e 1º ESO puido desfrutar o pasado 11 de Outubro na Casa da Cultura de San Sadurniño.

 

       

Actividade de promoción do voleibol nas clases de Educación Física de Educación Primaria: resumo

Ao longo desta semana, tres xogadores do Club Voleibol Aldebarán desenvolveron unha actividade de promoción deste deporte co alumnado de Educación Primaria.

O resultado coidamos que é moi satisfactorio, e con esta iniciativa agardamos contribuír ao crecemento de practicantes deste fantástico deporte.

Facendo clic na seguinte imaxe accederedes a un vídeo-resumo desta iniciativa:

Participación no Día Mundial da Radio 2019

Mañá, mércores 13 de febreiro, celébrase o Día Mundial da Radio. En Galicia, a asociación Ponte ... nas Ondas! convocou unha actividade na que o noso centro participará do seguinte xeito:

  • O alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria gravaron dous podcasts, os cales podedes escoitar facendo clic na seguinte imaxe (no aso de que o voso navegador non reproduza o son, existe a opción de descarga dun ficheiro de audio):

  • Realización dun programa en directo por parte do alumnado de ESO dende as 12:00, o cal poderá ser seguido dende a canle de radio do noso centro (clic na seguinte imaxe):

 Podes descargar ou escoitar o programa neste reproductor de son:

 

 

Participación no Día Mundial da Radio

O noso centro, facéndose eco da iniciativa de Ponte ... nas Ondas!sumarase á iniciativa dirixida a conmemorar o Día Mundial da Radio.

O tema escollido polo noso centro é o Xogo Tradicional. O alumnado participante (en Primaria, 3º, 4º e 6º e en Secundaria 1º da ESO) realizarán entrevistas e tratarán diversos temas.

As entrevistas serán as seguintes:

  • Manolo Varela. Concelleiro en San Sadurniño, impulsor dunha Campa de Xogos Tradicionais que en breve comezará a funcionar.
  • David Guiñazu: monitor da actividade extraescolar "Xogos Tradicionais" que este curso é ofertada polo Concello de San Sadurniño.
  • Antón Cortizas: escritor en activo e mestre xubilado, autor de dúas das mellores obras galegas sobre o xogo tradicional.
  • Xose Manuel Barreiro. Presidente de Brinquedia Rede Galega do Xogo Tradicional.
  • Almudena Vega. Presidenta da AVV O Castelo de Narahío, falará sobre a presenza do xogo tradicional no Festival do Río Castro.
  • Xaime Iglesias. Membro da Asociación Amigos da Chave de Ferrolterra.

Por outra banda, os temas a tratar serán os seguintes:

  • Actividades que facemos no noso centro relacionadas co xogo tradicional.
  • Xogo tradicional e música.
  • Entroido e xogos tradicionais.

Agardamos que nos queden uns programas ben feitiños!

Non emitiremos en directo, senón que os programas serán gravados e posteriormente publicados na internet en forma de "programa radiofónico dispoñible para descarga" (máis coñecidos como "podcast").

Participación na Marcha Ciclista pola Igualdade.

O pasado venres o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria participou como convidado na Marcha Ciclista pola Igualdade, organizada polo Concello de Narón, e para o que contamos así mesmo coa colaboración da Concellería de Igualdade do Concello de San Sadurniño.

Ademais da marcha en bici, o alumnado asistiu a un espectáculo denominado "Maxia pola Igualdade" no Auditorio de Narón.

Foi unha experiencia moi positiva que agardamos repetir, así coma retomar as saídas en bici que en anos anteriores houbo que anular por mor das inclemencias meteorolóxicas.

E a modo de resumo, aí tedes un pequeno vídeo:

Imaxe de biblioip

QUE FANTASMADA DE LIBROS!!!

Unha das actividades que organiza a Biblioteca de Infantil e Primaria para celebrar o Samaín son as lecturas de medo. Neste curso os protagonistas das lecturas foron as pantasmas.

Os corredores, as portas e os taboleiros apareceron cheos de fantasmas.

No Castelo das Fantasmas, os rapaces tiñan que abrir as ventás e atopar a correspondente ao seu curso. Alí estaba agochada a silueta da fantasma que aparecía na portada do libro que lles correspondía ler ese día.

Con esa silueta na man tiñan que atopar o seu libro e... a tremer de medo todos xuntos coas historias de fantasmas.

Premendo na imaxe tedes un pequeno vídeo co resumo da actividade.

 

 

Semana de "Merendas terrroríficas".

Co gallo da realización de actividades en torno ao Samaín, e incluído dentro das actividades do programa "Aliméntate ben", o alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria realizará durante esta semana unhas merendas bastante especiais.

E como para mostra un botón, velaí van unhas imaxes dos simpáticos fantasmas que puideron crear e degustar no día de hoxe.

      

 

Distribuir contido


by Dr. Radut