Club de Ciencia

EXPERIMENTO DE QUIMIOLUMINISCENCIA CON ALUMNADO DE 3º DE E.P.

Experimento de quimioluminiscencia con alumnado de 3ºEP. 

A luminiscencia é un proceso de emisión de luz que non é motivada pola calor (luz fría).No caso da quimioluminiscencia, a produción de luz lévase a cabo a partir dunha reacción química. Esta propiedade actualmente, é empregada en diversos campos de investigación entre os que destacan; o inmunodiagnóstico (permite detectar determinadas enfermidades no interior do noso organismo) ou a análise forense buscando probas para localizar un posible asasino.Cando esta produción de luz a leva a cabo un organismo vivo, falamos de bioluminiscencia. Algúns seres vivos como os vagalumes, algúns peixes e algunhas medusas… son capaces de producir luz.

Os vagalumes permítennos comprender o fenómeno de bioluminiscencia. A reacción química que se produce é a oxidación da luciferina, molécula responsable da emisión de luz, a oxiluciferina. Deste xeito, é posible convertir a enerxía química en enerxía lumínica.

O alumnado de 4ºESO realizou unha exposición para os/as alumnos/as de 3º EP sobre a luminiscencia e a súa utilidade en diferentes campos tanto da saúde como da criminoloxía.

Rematada a charla o alumnado de 3º EP en compaña do alumnado de 4ºESO realizaron un experimento para comprobar como se pode obter luz no laboratorio.

Unha das reaccións químicas máis coñecidas é a do luminol. O luminol cando se oxida emite luz de cor azul. Por iso é una ferramenta moi utilizada na investigación forense, xa que pode revelar, en disolución, cun oxidante, ata os restos máis ínfimos de sangue. Para que se leve a cabo esta reacción é necesario un catalizador. No caso do sangue, é o ferro da hemoglobina.

 

No laboratorio usaremos outro catalizador e oxidaremos o luminol con auga osixenada.

Se queremos obter luz de distintas cores, engadiremos diferentes colorantes cromóforos e conseguiremos luz verde, violeta, vermello-rosado, laranxa-rosado, verde escuro ou amarelo-verdoso.

Importante!!!! Para poder ver a emisión de luz ten que haber escuridade.

APADRIÑAMENTOS CIENTÍFICOS: DENDROCRONOLOXÍA

O pasado 12 de decembro recibimos no centro a visita de D. Pablo Vila Lameiro, profesor no departamento de enxeñería agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela.

O profesor Pablo Vila Lameiro realizou a súa tese doctoral sobre o estado do carballo albar no noroeste da Península Ibérica e é autor de varios libros relacionados co estudo agroforestal entre os que se encontran: “Conservación de madeiras”, “Estudo epidométrico e xilolóxico das masas de Quercus petraea” e “Operacións básicas nas industrias forestais”.

Durante a súa visita realizou unha exposición dirixida ao alumnado de secundaria, nela falou sobre a información que nos pode ofrecer a observación dos aneis de crecemento anual dunha árbore en canto a súa idade e os cambios climáticos aos que foi sometida. As árbores, son polo tanto un rexistro do tempo e un arquivo dos acontecementos pasados.

Posteriormente, o alumnado de 4º de Educación Primaria, coa colaboración do alumnado de 3º ESO, levou a cabo a actividade: “Dendrocronoloxía. Que nos contan as árbores?”

Para esta actividade aos alumnos/as se lles ensinaron cortes transversais de distintas árbores e, empregando fotografías das mesmas, calcularon a idade das árbores e investigaron sobre outros aspectos que podían aparecer nas mostras.

Para calcular a idade é preciso coñecer cando foi cortada a árbore e, contando cara ao interior, podémoslle dar a cada serie de aneis (claros, tempada de verán e escuros, tempada de inverno) o seu ano exacto de formación e a idade da árbore. Como ademáis, a anchura dos aneis conteñen información de todos os factores ambientais que inflúen na súa formación (auga, temperatura, luz, nutrientes, presenza de outras árbores, incendios, deslizamento de terrenos…), os alumnos e alumnas, poideron estudar outros aspectos como: a existencia de canas antigas, crecemento asimétrico, variacións no ritmo de crecemento, cicatrices… e indicar a que poideron ser debidas.

VISITA AOS LABORATORIOS DA FACULTADE DE CIENCIAS DA USC EN LUGO

Visita dos alumnos/as de 4º ESO ós laboratorios da Facultade de Ciencias de Lugo, dentro do programa “Ciencia para novos investigadores” da USC. Alí puideron realizar unha serie de experimentos baixo a supervisión de profesorado da Facultade.

Na mesma xornada tamén foron ver as instalacións da Aula de productos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, pertencente á USC, cuxas instalacións foron deseñadas para acoller unha planta piloto semiindustrial e laboratorios de análises, sendo un lugar de referencia en I+D e innovación.

CIENCIA NA BIBLIOTECA

Sendo novembro o mes da ciencia en galego nas bibliotecas, quixemos acercar as nenas e nenos de Educación Infantil e Primaria á Biblioteca,  para ver unhas exposicións de invertebrados ( insectos, arácnidos, crustáceos) ,  minerais e rochas, e tamén ver uns experimentos sinxelos.

ACTIVIDADE DE DIVULGACIÓN CIENTÍFICA

O día 28 de novembro de 2018 tivo lugar unha actividade de divulgación científica que resultou de especial interese para o alumnado de secundaria.  Queremos agradecer as referencias a todas as mulleres científicas tantas veces esquecidas nos recoñecementos ás investigacións realizadas.


DÍPTICO

Distribuir contenido