Club de Ciencia
DÍA INTERNACIONAL DA FASCINACIÓN POLAS PLANTAS
O pasado 18 de maio celebrouse o Día Internacional da Fascinación polas plantas, e co obxecto de conmemorar este día, o alumnado de 1º ESO elaborou un pequeno herbario dixital.
Dito herbario consistiu en catalogar plantas da nosa contorna, fotografando o especimen, indicando o seu nome científico, o tipo (herbáceo, arbustivo ou arbóreo) así como o seu ecosistema.
A continuación preséntase unha pequena selección dos traballos realizados.
Autores: Lucas Díaz Folgueira, Jorge Díaz Jacob, Natalia Ferreiro Naranjo, Sabela Gómez Arias, Sabela Palmeiro Toimil, Nahuel Pillado Barros, Carla Martínez González, Xabier Ramos Arrojo e Xulia Veiga Penelo.
DEMOSTRACIÓN DA EXISTENCIA DA ACELERACIÓN NORMAL OU CENTRÍPETA
No seguinte vídeo podes ver a demostración da aceleración normal que se produce no xiro dunha pelota realizada na aula de 4º de ESO. A actividade doi deseñada pola profesora en prácticas, Andrea Calderón Rodríguez.
CIENCIA PARA XOVES INVESTIGADORES
Este mércores o alumnado de ciencias de 4º ESO tivo a oportunidade de visitar a Facultade de Ciencias de Lugo co gallo da campaña “Ciencia para xoves investigadores”.
Os nosos alumnos e alumnas, enfundados nas súas batas de laboratorio, cas súas gafas de protección e as súas luvas, puxéronse mans á obra, ou mellor dito, ao laboratorio, levando a cabo dúas prácticas ben interesantes:
(1) Análise do estado de ovos de galiña.
Nesta práctica estudaron características como: grao de conservación da cutícula, cantidade de gas contido no ovo, altura da xema, consistencia da clara, entre outras cuestións, que lles permitiu corroborar se o ovo era apto para o consumo ou non.
(2) Estudo da anatomía do encéfalo de vaca (Bos taurus) e de lontra (Lutra lutra).
Na segunda práctica, o alumnado estudou primeiro o encéfalo de vaca dende un punto de vista macroscópico, diferenciando as súas partes (cerebro, cerebelo e bulbo raquídeo); e, en segundo lugar, fixo un estudo máis polo miúdo a través da observación ao microscopio óptico de cortes histolóxicos de cerebro de lontra. O alumnado quedou gratamente sorprendido ao atopar neuronas xigantes típicas deste mamífero.
Finalmente, e antes de dar por concluída a nosa visita, o persoal docente universitario amosounos, moi amablemente, o instrumental e os aparellos que empregan nos seus laboratorios cos seus alumnos e alumnas de ciencias.
Unha visita enriquecedora para os nosos xoves científicos e científicas.
APADRIÑAMENTOS CIENTÍFICOS: O QUE AGOCHAN AS NOSAS MANS?
O alumnado de ESO e 6º de primaria, estudaron nesta avaliación, os microorganismos aloxados nas súas mans.
Primeiro, o alumnado de 4º ESO, os nosos científicos máis experimentados, elaboraron medios de cultivo a base de agar-agar, glicosa e proteínas (como fonte de carbono) e logo fixeron cultivos da microbiota das súas mans, antes e despois de lavalas.
A continuación, titorizaron ao alumnado de 2º ESO, e estes últimos ensinaron o procedemento da práctica aos alumnos/as de 6º primaria.
Con esta práctica puidemos observar que o noso corpo funciona como ecosistema, aloxando unha grande biodiversidade de seres vivos: bacterias, protozoos e ata fungos. Estes microorganismos, desenvolven un papel moi importante xa que nos protexen de patóxenos. Pero en certas condicións pódense reproducir, crecendo, é dicir, aumentando as súas poboacións, o que deriva nunha infección.
Por iso, debemos extremar a hixiene, sobre todo cando vaïamos comer, para evitar enfermidades do aparato dixestivo."
TERTULIA CIENTÍFICA DIALÓXICA SOBRE ANNE L'HUILLIER, A QUINTA MULLER NA HISTORIA QUE GAÑA O PREMIO NOBEL DE FÍSICA
TERTULIA CIENTÍFICA O XOVES 16/11/23, HORA 16:30, LUGAR WEBEX DIRECCIÓN
Anne L'Huillier: a quinta muller en gañar o Premio Nobel de Física Este ano, a Real Academia Sueca concedeu o Premio Nobel de Física aos científicos Pierre Agostini, Ferenc Krausz e Anne L'Huillier, que foron galardoados polos seus métodos experimentais baseados na xeración de pulsos luminosos para o estudo do movemento de obxectos na materia. Nos seus 120 anos de historia, dos 224 científicos que foron galardoados co Premio Nobel de Física, só cinco son mulleres. Este ano, a quinta científica en incorporarse á pequena lista de gañadoras foi Anne L'Huillier, física francesa asociada á Universidade de Lund (Suecia). A primeira muller en gañar o Premio Nobel de Física foi Marie Curie en 1903 despois das súas contribucións de investigación no campo da radiactividade a principios do século XX. Despois, foi a quenda de Maria Goeppert-Mayer en 1963 despois de describir o núcleo dos átomos, Donna Strickland en 2018 polas súas contribucións á tecnoloxía láser e Andrea Ghez en 2020 polas súas contribucións sobre os buracos negros. Moitas outras investigadoras non o recibiron e foron infravaloradas as súas aportacións como é o caso de Lise Meitner, a única científica á que se lle dedica o nome dun elemento químico na táboa periódica e que descubriu a fisión nuclear. Os tres investigadores galardoados este ano foron recoñecidos por descubrir unha nova forma de xerar pulsos extremadamente curtos, coñecidos no campo da física como attosegundos (1as = 10–18 s), que serven para medir os procesos nos que se moven os electróns dentro das moléculas ou cambian de enerxía. Segundo a Real Academia Sueca, Anne L'Huillier descubriu, en 1987, que aparecían diferentes tonalidades cando se transmitía luz infravermella a través dun gas nobre, un fenómeno que está ligado á interacción dos láseres cos átomos de gas. Este láser, explican nun comunicado, proporciona enerxía extra aos electróns e emítese como luz. Trátase dun descubrimento de L'Huillier que permitiu avanzar nas próximas etapas da investigación, recenteme recoñecida cun Nobel. |