Comunidades de Aprendizaxe

TERTULIA DIALÓXICA ARTÍSTICA

O martes, 24 de marzo de 2015, na biblioteca escolar do CPI de Castroverde, terá lugar unha Tertulia Dialóxica Artística sobre a obra "El caballero de la mano en el pecho" que é un dos máis famosos retratos creados por Doménikos Theotokópoulos, El Greco.

Na biblioteca escolar hai unha reprodución da pintura orixinal.

A Tertulia estará coordinada polo profesor Daniel Díaz Trigo. Poden asistir todas as persoas que estean interesadas. Dará comezo ás 16.25 horas.

 

O NEUROCIENTÍFICO XURXO MARIÑO NO CPI DE CASTROVERDE

Xurxo Mariño é doutor en Ciencias Biolóxicas pola USC, profesor da Universidade da Coruña, neurocientífico  e divulgador. Xurxo Mariño é  membro do grupo de Neurociencia e Control Motor da Universidade de A Coruña (Neurocom). Traballou no Massachusetts Institute of Technology (Estados Unidos), máis coñecido como o MIT, un dos máis importantes laboratorios de ciencia do mundo.
Estes actos están abertos ás familias e a todas as persoas interesadas que queiran asistir. 

. As horas (aproximadas)  serán as seguintes:

  • 12:00 a 13:00: Charla-obradoiro "O cerebro funciona con electricidade!" (3º,4º,5º,6º EP).A charla estará dirixida a que  ós nenos e nenas de  3º, 4º,5º e 6º de  educación primaria comprendan de forma lúdica e a través de experiencias conceptos como a corrente eléctrica e concretamente a transmisión do impulso nervioso.
  • 13:00 a 14:45: Conferencia  "Ciencia, aventuras e sorpresas dun viaxe arredor do mundo" (1º,2º,3º e 4º de ESO). Tomando como fío conductor a volta ó mundo que estivo realizando durante o ano 2014 e parte do 2013,visitando desertos, glaciares, volcáns, ríos, selvas e montañas. Segundo afirma Xurxo "Ó observar o mundo coa curiosidade da ciencia xorden moitos aspectos sorprendentes e interesantes". Explicará diferentes conceptos da ciencia relacionados coas experiencias que viviu nos diferentes lugares do planeta. 
    http://www.udc.es/dep/medicina/neurocom.htm       http://www.culturacientifica.org/      http://naukas.com/autor/xurxo/ 

TERTULIA LITERARIA DIALÓXICA SOBRE O CANCIONEIRO DE PETRARCA

 

   

 

Na biblioteca escolar a partir das 16.25 horas tivo lugar a Tertulia, que nesta ocasión contou cun participante moi especial, o gran tradutor Darío Xohán Cabana. Os asistentes falaron de moitos temas, entre eles, da beleza da poesía de Petrarca, da existencia real de Laura, da evolución dos sentimentos de amor ó longo do libro, da diferencia entre a vida real de Petrarca e do que manifestaba na obra, da coidadosa selección das palabras que aparecen, da importancia do Cancioneiro e como influenciou a poesía de outros moitos autores europeos, entre eles o portugués Luís de Camoes...

 

CONVIVENCIA: SOCIALIZACIÓN PREVENTIVA DA VIOLENCIA DE XÉNERO

O 19 de febreiro de 2015, de 16.25 a 20.25, no CPI de Castoverde, terá lugar unha actividade de formación impartida polo profesor Marcos Castro Sandúa.

Nesta sesión trataranse e debaterase sobre diversos temas que contribúen á socialización preventiva da violencia de xénero; é dicir, a fomentar unhas relacións libres de violencia. Analizaranse as raíces da violencia, o seu estreito vínculo coa atracción e como isto é o resultado dun modelo tradicional e maioritario das relacións afectivo-sexuais nas que todos e todas nos socializamos. Verase tamén como desde a escola se pode contribuír a construír un modelo alternativo e de éxito que faga posible unhas relacións afectivo-sexuais plenamente satisfactorias.

O profesor Marcos Castro é profesor de Educación Secundaria e tamén profesor na Universidade de Barcelona, no Departamento de Teoría Sociolóxica. Desenvolve a súa investigación na liña da socialización preventiva da violencia de xénero desde o deporte e a Educación Física.

Agradecemos ó profesor Marcos Castro Sandúa a colaboración que ten prestado ó longo dos últimos cursos a través das actividades realizadas co alumnado de educación secundaria do CPI de Castroverde, como experto nestes temas.

Animamos a todas as persoas interesadas a asistir a esta sesión de  formación que se impartirá a través de videoconferencia desde Barcelona e que terá lugar na aula de 6º de Educación Primaria do CPI de Castroverde.

TERTULIA LITERARIA DIALÓXICA: O CANCIONEIRO DE PETRARCA

DARÍO XOHÁN CABANA NO CPI DE CASTROVERDE

O  25 de febreiro de 2015, o gran escritor e tradutor galego, Darío Xohán Cabana, estará no CPI de Castroverde realizando dúas charlas tanto co alumnado de primaria como co de secundaria. Pola tarde participará nunha Tertulia Literaria Dialóxica aberta a todas as persoas que desexen asistir.

A partir das 16.25 horas, na biblioteca escolar do CPI de Castroverde, terá lugar a Tertulia Literaria Dialóxica sobre unha selección de poemas da súa última tradución do Cancioneiro de Petrarca (2012). Os poemas que se comentarán son os seguintes (indícase capítulo e páxina):

I-páx.1, XV-páx.16, XVII- páx.18, XVIII-páx.19, XX-páx.21, XXXVI-páx.48, LXI-páx.83, LXV-páx.87, LXIX-páx. 92, LXXXII-páx.115, LXXXVI-páx.119 e CCCXXXVIII-páx.413

Darío Xohán Cabana é un dos autores galegos de traxectoria máis consolidada, con numerosos títulos publicados, tanto de poesía como de novela e literatura infantil e xuvenil. A súa novela Galván en Saor é un dos libros máis vendidos en toda a historia de la literatura galega. Desde o ano 2006 é membro numerario da Real Academia Galega.
Achégase  a continuación unha entrevista en La Voz de Galicia onde o autor comenta sobre esta tradución:

"Os namorados saben da actualidade de Petrarca" 

Distribuir contenido