Skip to Content

                              

blogue deLeo

AGRADECEMENTO

 

 

Dende o cole, e especialmente dende o equipo de BIBLIOTECA queríamos agradecer a Rocío,  tía de Xermán da clase de 4 anos a doazón que nos fixo  en xuño, a finais de curso.

 

 

Polo cese do seu  negocio de videoclube , doóunos unha chea de películas para aumentar a nosa colección,  con películas:

-"Para todos os públicos"

-"Non recomendadas a menores de 7 anos" 

 

Quixemos ter un pequeno e simbólico detalle con ela, e pensamos  que  non había  mellor  momento , que nas datas máis próximas ó día das bibliotecas escolares (24 de Outubro). 

 

Aquí vos deixamos unhas poucas fotos do momento da entrega do agasallo

das mans de Xermán.

 

Moitísimas grazas Rocío!!!!!

 

 

 

 

XOGANDO COS LEDS EN ED. INFANTIL ( CODE WEEK)

 

 
 
 

 

 

Nestas datas celébrase a semana da programación , unha escolma de actividades relacionadas coa programación ( robótica, STEAM, scratch, actividades desconectadas..) compoñen un mapa por toda Europa.

 

 

Alumnado de todas as idades e diferentes países conflúe nestas datas ( e posteriores) nun mapa de actividades.

 

Na clase de 5 anos tamén participamos, con dúas actividades, unha que xa estamos desenvolvendo: "Xogando cos LEDs en ED. Infantil" (se premedes poderedes ver a nosa actividade no mapa)

 

E outra relacionada coa robótica e os escornabots, que desenvolveremos máis adiante... imos pouco a pouco. 

 

Coa actividade "xogando cos LEDs en ED. Infantil" pretendemos que o alumnado se familiarice con este material, entenda como acender un led cunha pila de botón ( esta parte potencia a súa motricidade fina, e ademais encantoulles) e por outra banda introducimos o concepto positivo ( +) e negativo(-)

 

 

Encantoulles poder acender eles sos un led, e alumar...

 

 
 
      


Para que o a enerxía flúa precisamos que todo estea colocado correctamente, o positivo co positivo e o negativo o negativo.

Despois de iniciarnos , fixemos un pequeno circuito con fío de cobre para que entenderan que é coma a luz da aula, que se acende e se apaga co interruptor, que fai que a electricidade flúa ata o seu destino.

 

 

 

 

Foi unha actividade totalmente gratificante para eles e elas. Traballamos a atención, a motricidade fina, razoamento lóxico... 

 

Ademais na casa, tamén houbo quen elaborou o seu propio circuito para acender unha bombilla e tróuxoo á clase para ensinarnos e explicarnos como o fixo con axuda de papá!! .

 

 

 

Seguiremos informando!!

24 OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O 24 de outubro conmemórase o día das Bibliotecas Escolares  

Iniciamos esta semana o préstamo individual e hoxe  tamén a viaxe das nosas "mochilas viaxeiras".

Este ano, por mor do Plan de Adaptación ao Covid 19 non puidemos facer a nosa tradicional festa de celebración no comedor escolar ( o noso salón de actos particular)

Pero non podíamos deixar de celebrar esta data, polo que decidimos facer unha sorte de "apadriñamento lector" e cada unha das clases ía "apadriñar" a outra, así, cada quen elaborou un pequeno vídeo para a clase que lle foi asignada, houbo cancións, bailes, contos, e moitas cousas máis.

A asignación foi a seguinte:

O alumnado de 6º de primaria  "apadriñou" ó alumnado de 1º de primaria , e viceversa.

O alumnado de 5º de primaria "apadriñou" ó alumnado de 2º  de primaria, e viceversa.

O alumnado de 4º de primaria "apadriñou" ó alumnado da clase mixta de 3 e 4 anos de ED. Infantil, e viceversa.

O alumnado de 3º de primaria " apadriñou" ó alumnado da clase de 5 anos de ED. Infantil, e viceversa.

E hoxe cada aula visionou o vídeo correspondente ó seu "padriño". 

Gustoulles moitísimo, dende o equipo de biblioteca, damos  as grazas a cada unha das aulas,  aos seus titores e titoras e especialistas que colaboraron con eles e elas.

Tanto nos gustou, que decidimos que todas e todos debíamos ver os vídeos que elaboraron os demais, e aquí vos quedan. Para que os desfrutedes!!!!

BOA LECTURA, E BO DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

CREACIÓN DA CLASE DE SEXTO

 

 CREACIÓN DA CLASE DE QUINTO 

CREACIÓN DA CLASE DE CUARTO  

CREACIÓN DA CLASE DE TERCEIRO 

 

CREACIÓN DA CLASE DE SEGUNDO

 

CREACIÓN DA CLASE DE PRIMEIRO 

 

CREACIÓN DA CLASE DE 5 ANOS 

 

CREACIÓN DA CLASE MIXTA DE 3-4 ANOS 

 

 

BIBLIOTECAS CREATIVAS

 Este ano entramos a formar parte do proxecto "BIBLIOTECAS CREATIVAS" (premede para obter máis información)

Fainos moita ilusión participar neste proxecto, xa que cremos que é algo moi enriquecedor  para a nosa Comunidade Educativa.

Seguiremos informando!!

 

 

 

 

MOCHILAS VIAXEIRAS

Como sabedes o próximo día 24 é o día das BIBLIOTECAS, o venres 23 celebrarémolo no cole, esta semana iniciamos parte das actividades da nosa BIBLIOTECA ESCOLAR: préstamo individual e mochilas viaxeiras.

 

Deixámosvos as normas para o uso das mochilas.

Adxuntamos tamén o arquivo en PDF (que ten mellor calidade ) esta nota irá incluída en cada mochila, ademais das normas de uso xeral da biblioteca por mor do PROTOCOLO COVID-19 e o diario da mochila.

 

Agardamos que desfrutedes do contido das mochilas. BOA LECTURA EN FAMILIA. 

CONTACONTOS PARA ED. INFANTIL

Gustaríanos seguir mantendo a actividade de "Contacontos para ED. Infantil" por parte das familias e comunidade educativa.

 

Pedimos a vosa colaboración, animádevos á participar. Grazas!!!!!!

E xa sabedes, enviade as vosas creaccións á biblioxuve@gmail.com 

 

"HEROES CONTRA O CORONAVIRUS"

Hoxe recibimos unha visita moi especial: Melania , do grupo de educación para a saúde  : "Pupas, sustos e outros desgustos"  

 

Primeiro realizou unha presentación sobre a COVID-19, (normas e recomendacións)  dun xeito lúdico e moi interesante, na aula de 5 anos.

 

E posteriormente unha pequena representación de alumnado de quinto e sexto, ( cumprindo as normas protocolarias ) na biblioteca do centro recibiron formación para ser o equipo "Virus fighter"

 

Aquí vos deixamos unhas poucas fotos do momento:

 

VÉS A BIBLIOTECA ??

Tivemos que adaptar a nosa bibilioteca escolar para que se axuste ao PLAN DE ADAPTACIÓN AO COVID 19 do noso centro.

Aquí vos deixamos un pequeno resumo, moi visual, das normas básicas. 

 

 

BOA LECTURA!!!

 

 

Engadimos información visual que nos remiten dende a ASESORÍA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES

(arquivo adxunto en PDF)  

 

XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR

 

Este será o "lema" que nos guiará este curso nas BE.

 

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o lema e o cartel para as bibliotecas escolares de Galicia de cara a este curso 2020/2021. O lema elixido, XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR, quere  poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construción da persoa lectora a través das distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición da comunidade educativa. 

Cada libro que o alumnado ten a oportunidade de ler é unha ocasión para ampliar a súa imaxinación e aumentar os seus coñecementos, de aí a importancia da selección de lecturas que se pon ao seu alcance. A ilustradora encargada este ano de interpretar o lema elixido foi Bea Lema, quen nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír.

En tempos confusos como os que estamos a vivir cómpre volver ás orixes, ao fundamental: a lectura e toda a súa potencialidade, sen esquecer outras oportunidades da biblioteca escolar para unha formación integral do alumnado. Atravesar o mapa da lectura pode facerse desde distintas ópticas, comezar a viaxe desde distintos portos:

- Pescudar nas lecturas que convidan a viaxar, a explorar, a investigar. Lecturas que nos permiten chegar lonxe sen movernos da escola (ou da casa). Lecturas que axudan a incentivar o inconformismo, a necesidade de coñecer outros mundos, de ampliar a nosa visión, de "ler o mundo". 

- Configurar o itinerario  lector como punto de partida da nosa xeografía lectora.

- Debuxar o mapa das nosas curiosidades, exploracións e descubrimentos a través das lecturas.  Descubrir as relacións entre identidade e lectura.

- Observar o modo en que cambiou a nosa xeografía lectora durante o período de confinamento (os nosos hábitos, as nosas lecturas...).

- Saber que somos os nosos propios cartógrafos, os que organizamos o noso espazo lector (e o noso "liberespazo", o sistema de lecturas que imos creando ao longo da vida).

- Observar o noso corpo como un mapa de coñecemento, achegarnos á práctica da lectura a través do propio corpo. Descubir a capacidade reparadora da lectura. 

- Deixarse levar polas relacións entre cartografía e literatura,  que convidan á aventura (debuxar espazos peritextuais, con mapas e planos que crean expectativas e acompañan na aventura lectora, debuxar mapas que representan mundos coñecidos e mundos imaxinarios, relacionar as nosas lecturas a través de "constelacións literarias", en función da temática, os personaxes...).

XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade; lecturas textuais e icónicas; imaxes fixas e en movemento; lectura de gráficos, planos, mapas ou infografías; lecturas individuais e lecturas compartidas, en silencio ou en voz alta; lectura de ficción e de información; lectura libre e guiada; lectura que nos axude a comprender mellor o noso mundo e lectura que nos axude a entender o mundo dos outros...

(fonte:  https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=node/1360

 

QUE LEDES NO VERÁN??

Desta volta gustaríanos saber que ledes no verán, cales son os vosos libros de cabeceira, que estades lendo, se vos gusta ou non, porqué... 

 

Para iso creamos un "padlet" no que podedes escribir, libremente, unha pequena mensaxe, para compartir as lecturas que facedes.

 Padlet é unha ferramenta sinxela, so tedes que escribir enriba de "di algo" e cando rematedes darlle a publicar, e aparecerá coma un pequeno cadro de texto.

Non fai falla estar rexistrado para poder comentar, se non estades rexistrados nin en "google" nin en "padlet", apareceredes como "anónimo".  Deixade o voso nome ó final, se queredes, para saber quen sodes Guay

 

Animádevos a   participar! Grazas!!! E bo verán.

 

 

Hecho con Padlet
Distribuir contido


by Dr. Radut