Novas do Colexio

Novas de interese do Colexio

O CEIP NOSA SEÑORA DOS REMEDIOS CONTARÁ CUN CONTRATO-PROGRAMA NESTE CURSO

O noso colexio é un dos seleccionados pola Consellería de Educación e O.U., na resolución provisional da convocatoria de contratos-programa para este curso 2011-12.


O proxecto presentado polo colexio inclúe tres actuacións a realizar:


1.- O acompañamento fóra de horario lectivo para alumnado de 2º e 3º ciclos de E. Primaria.


2.- Un programa para a mellora da lectura, escritura e cálculo e resolución de problemas.


3.- Programa para a mellora da Convivencia Escolar.


Este é un novo reto dentro da liña dun ensino público de calidade polo que traballamos no CEIP Nosa Señora dos Remedios. Vén a unirse ao Plan de autoavaliación e mellora da calidade para Mellorar a competencia matemática coa axuda das tecnoloxías da información e da comunicación e á inclusión no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, logo do proxecto presentado na Consellería de Educación e O.U.


 

O SAMAÍN E O HALLOWEEN NO COLEXIO

Esta semana fixéronse diversas actividades para celebrar o Samaín e o Halloween. Houbo exposicións de cabazas que o alumnado trouxo das súas casas e nas que colaboraron moi activamente as familias. Tamén houbo sesión de contar relatos de medo por parte de alumnos e alumnas de Primaria.


 


div>

Samaín 11 - diapositivas

XA TEMOS NOVA AUXILIAR DE CONVERSA PARA INGLÉS

Xa chegou ao noso colexio a nova auxiliar de conversa para inglés que vai compartir este curso connosco. Esta auxiliar de conversa é enviada pola Consellería polo feito de que no noso centro temos seccións bilingües en galego e inglés. Vén dos Estados Unidos e esperamos que se sinta a gusto no noso colexio.

CELEBRADOS OS ACTOS DE FINAL DE ETAPA DE INFANTIL E PRIMARIA

O pasado 22 de xuño celebramos os actos de final de etapa para o alumnado que remata E. Infantil e para o alumnado que remata a E. Primaria no noso colexio.


O acto de Infantil celebrouse no espazo común do edificio de E. Infantil e contou coa asistencia das familias dos alumnos e alumnas de cinco anos. A cada alumno/a entregóuselle un diploma, unha orla e ademais a ANPA deulles un regalo a cada un. Visionáronse as actuacións destes alumnos no Festival de fin de curso e unhas imaxes da Convivencia deste curso.


O acto de homenaxe ao alumnado de 6º de E. Primaria que remata a súa estadía no noso colexio este ano celebrouse no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo e contou coa asistencia de numerosom público, habendo un cheo total no Auditorio. Houbo actuacións musicais a cargo de Juan Abalde, do Obradoiro vocal A Vila e estreouse o Coro do Colexio Nosa Señora dos Remedios, formado por 150 voces.


Entregáronselle agasallos aos alumnos/as e tamén a ANPA colaborou dándolle un detalle a cada alumno/a. O Colexio entregoulle a cada alumno/a un diploma, unha orla, un CD coa gravación das presentacións visionadas no Acto e un pin do Colexio.


Dende o Colexio desexámoslles a todos os alumnos e alumnas que van facer a ESO que teñan unha boa andaina no seu novo centro. 

O DÍA DA PAZ E A NON VIOLENCIA NO COLEXIO

O venres 28 de xaneiro celebramos o Día da Paz e a Non Violencia no noso colexio. Deuse lectura a un manifesto e alumnos/as representantes de todos os grupos do colexio leron as súas mensaxes co gallo deste día.

Ao remate do acto todo o alumnado cantou a canción elixida para este día. Daremos máis información sobre este acto nesta web en próximos artigos.

BITÁCORA DE 5º A

Xa se pode acceder á Bitácora de 5º A dende o enlace situado nesta web do noso colexio. Esta bitácora está coordinada pola mestra titora do grupo e nela aparecen traballos dos alumnos e alumnas da clase.

O TRABALLO NO NOSO COLEXIO CO ALUMNADO INMIGRANTE NO IV SEMINARIO NACIONAL DE ATENCIÓN A ESTE ALUMNADO

Este sábado 13 de novembro dentro do "IV Seminario Nacional de Atención ao alumnado inmigrante. Experiencia e Innovación" organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e o grupo Esculca, o C.E.I.P. Nosa Señora dos Remedios participou cunha ponencia nunha mesa de experiencias.

Nesta ponencia expuxemos un resumo do amplo traballo feito no noso colexio ao longo dos últimos anos co alumnado inmigrante, detallando algunhas actividades e resumindo o feito durante o curso 2009-10.

A experiencia resultou moi positiva e unha vez máis amosamos o traballo que se está a facer no noso colexio. Isto fai que pouco a pouco sexamos un referente no traballo que desenvolvemos con este alumnado, traballo no que ten participado moi activamente todo o profesorado durante todos estes anos.

ACTIVIDADE DE CICLISMO DA FUNDACIÓN ÓSCAR PEREIRO NO COLEXIO

Durante esta semana, dende o luns ata o mércores a fundación Óscar Pereiro organizaou unha actividade de ciclismo para todo o alumnado de Primaria do noso colexio.

Os nenos e nenas divertíronse moito con esta actividade e aprenderon normas de seguridade viaria, ademais de traballar tamén o dominio da bicicleta.

 

Distribuir contido