Tecnicas de estudio
PROGRAMA DE TÉCNICAS DE ESTUDIO
C.E.I.P. "NOSA SEÑORA DOS REMEDIOS"
Programa de Técnicas de Estudio.
Regino Garrido Figueiras
LECTURA
C.E.I.P. "NOSA SEÑORA DOS REMEDIOS"
DEPARTAMENTO DE ORIENTACIÓN
Programa de Técnicas de Estudio
LECTURA
CONSELLOS IMPORTANTES
Antes de continuar, lembra o sinalado nos trípticos sobre o lugar de estudio.
1. Para facer unha lectura de calidade debes facelo nun lugar con luz axeitada e con cadeira e mesa que sexan cómodas.
2. Hai distintas formas de lectura, segundo o obxectivo que queiramos acadar.
3. O grao de concentración e atención que necesitamos non é igual para unha lectura rápida que para unha lectura para aprender conceptos.
4. Debemos ler todos os días, polo menos media hora. Busca lecturas que che gusten.
5. Cando leas un texto que che pode ser dificultoso, ten un dicionario a man para buscar aquelas palabras que non coñezas.
6. Non leas con máis velocidade daquela coa que poidas entender a asimilar a lectura, nin tampouco o fagas con excesiva lentitude, pois isto tamén fai máis difícil a comprensión.
7. Respecta sempre as pausas que marcan os signos de puntuación, pois iso axudarache a unha mellor comprensión da lectura.
8. Fai exercicios para mellorar a túa velocidade lectora. Procura que en cada ollada que botas na lectura abarques a maior cantidade posible de palabras.
9. Para acadar o sinalado no punto anterior, fai probas a ler dun golpe de vista cada vez máis cantidade de palabras ou palabras cada vez con maior número de sílabas.
10. Le sempre frases enteiras, pois así facilitarás unha mellor comprensión lectora.
11. Non vocalices cos beizos mentres les, pois perderás velocidade lectora e dificultarás unha boa comprensión.
12. Non sigas a lectura co dedo, nin co lapis, pois diminuirá a velocidade lectora.
13. Non movas a cabeza mentres leas, pois cansaraste antes.
14. Non volvas para atrás cando leas. Se non entendes algún parágrafo volve a lelo completo.
15. Cando leas fíxate sobre todo na parte de arriba das letras, pois está comprobado que a maior información de cada letra está na súa parte superior.
16. Non fagas nunca lectura silábica; le sempre palabras enteiras, pois senón a velocidade lectora será moi baixa e o grao de comprensión lectora tamén.
17. Concéntrate sempre cando leas., aínda que se trate dunha lectura recreativa ou para pasalo ben.
18. Cando teñas que resolver un problema de Matemáticas, leo todo con total atención e concentración, entendendo o que les antes de poñerte a resolvelo.
19. Hai libros con exercicios para mellorar a velocidade lectora e a comprensión lectora. Utilízaos.
20. Sempre que vaias ler un libro, fíxate antes de nada no sumario do mesmo, pois así faraste unha primeira idea do que ten escrito.
21. Fai o mesmo cando vaias estudar un tema: mira primeiro que apartados ten para facerte unha idea da estrutura do mesmo
22. Cando estudes, fai primeiro unha lectura rápida de todo e despois comeza cunha lectura máis lenta cunha velocidade axeitada para que poidas entendela e asimilala ben.
23. Le sempre mantendo unha postura corporal correcta e a unha distancia axeitada do papel. Así evitarás cansar antes e dores innecesarias.
Lembra que:
Lembra que sempre debes ler nun lugar axeitado, con luz adecuada e mantendo unha postura corporal correcta.
Le sempre a unha velocidade axeitada que che permita entender e asimilar ben o que estás lendo.
Non te acostumes a seguir a lectura co dedo ou co lapis nin a vocalizar nin movas a cabeza mentres leas
PUBLICADOS NA WEB VARIOS DOCUMENTOS DO PROGRAMA DE TÉCNICAS DE ESTUDIO
Veñen de ser publicados nesta web, no apartado do Departamento de Orientación -Técnicas de Estudio, catro documentos dentro do Programa de Técnicas de Estudio.
O MÉTODO DE ESTUDIO II: COMO FACER UN CONTROL
O MÉTODO DE ESTUDIO II: COMO FACER UN CONTROL
Neste folleto imos ver consellos sobre como debes facer un control ou exame..
1. Antes de seguir lendo, lembra o que xa se dixo no tríptico: O método de estudio.Como estudar.
2. Fíxate en como lle gusta ao mestre/a que presentes os teus traballos. Coida moito a presentación nos exames.
3. Non deixes todo para última hora. Un bo deportista adestra con antelación para chegar nas mellores condicións ó día da competición. A ninguén se lle ocorre adestrar moi forte e soamente no último día , senón que as últimas horas aprovéitanas para descansar e durmir ben.
4. Polo tanto, o último día antes do control debes dedicalo a repasar, a relaxarte e debes durmir como mínimo 8 horas. Canto máis descansado/a chegues ao control mellor rendemento terás.
5. Prepara con antelación todo o necesario para facer o control, para evitar nervios de última hora. Leva polo menos dous lapis ou bolígrafos, por si non funciona algún.
6. Antes de comezar a facer o control, gasta uns segundos relaxándote. Para iso podes usar algunha das técnicas de relaxación que veñen no folleto de técnicas de relaxación deste Programa de Técnicas de Estudio.
7. Durante o control, pensa única e exclusivamente nos temas do mesmo. Non te despistes pensando noutras cousas alleas ao control. É fundamental lograr unha boa concentración. Durante o control soamente debes escoitar ao mestre/a e a ti mesmo/a.
8. Lémbrate de levar reloxo. É importantísimo para distribuír correctamente o tempo entre as cuestións do control.
9. Unha vez que teñas as follas do control na mesa, o primeiro que tes que facer é ler tódalas cuestións ou preguntas do mesmo. Así terás unha visión global do traballo que vas facer.
10. Pregúntalle ao mestre/a cantos puntos vale cada cuestión. Así poderás saber que cuestións tes que resolver como mínimo para superar o control.
11. Ten en conta o tipo de cuestións que forman o control. Non é o mesmo un control tipo test, que un onde haxa respostas longas.
12. Si xa fixeches algún control con este/a mestre/a, lembra de como cualificou o mesmo e en que aspectos insistiu máis. Non cometas os mesmos erros que no anterior.
13. Antes de poñerte a escribir, debes saber si podes cambiar a orde das cuestións, ou si tes que seguir a orde establecida no control. Si podes cambiar a orde, comeza polas cuestións que mellor saibas, para que despois che quede tempo para as máis difíciles. Así, garantirás ter contestadas as cuestións que mellor sabes.
14. Antes de comezar, debes distribuír o tempo de que dispoñas entre as cuestións, segundo a dificultade que teña cada unha e segundo a extensión que creas que pode ter a resposta.
15. Fai unha distribución do tempo que che permita deixar polo menos 10 minutos para repasar as respostas.
16. Antes de responder calquera cuestión, le o enunciado da mesma polo menos dúas veces, para entender ben o que se che pregunta. Tes que saber que é o que quere o mestre/a que respondas en cada caso.
17. Contesta ó que se che pide. Por exemplo, si che indican que nomees partes dunha planta, escribe soamente os nomes das partes da planta. Sobre todo, nos problemas, fíxate moi ben no que se pregunta.
18. Si son cuestións de resposta longa, primeiro fai un pequeno esquema en folla aparte cos apartados que vas tratar e despois vas completando a resposta.
19. Si son cuestións de resposta curta, concreta, pensa moi ben o que vas dicir antes de escribir.
20. Cando se trata de problemas para resolver, segue sempre os pasos que che ensinou o mestre/a para resolver un problema. Lémbrate de poñer o que é cada cousa. Non mestures allos con cebolas. Repasa as operacións e fíxate si o resultado pode ser válido ou é unha barbaridade. Usa o sentido común.
21. Cando se trate de preguntas tipo test, nas que tes que elixir unha resposta entre varias dadas, fíxate moi ben nas respostas. Sempre hai varias que son moi parecidas e que só se diferencian nunha palabra ou nun signo de puntuación. Pregúntalle ao mestre/a si descontan os erros; nese caso, non respondas aquelas preguntas das que non saibas nada.
22. Si nalgún momento do control te pos moi nervioso/a, para e reláxate antes de continuar. Lembra que para render ben é fundamental estar tranquilo/a.
23. Agás nos controles tipo test nos que os erros desconten puntos, procura non deixar en branco ningunha cuestión. Seguro que hai algo que sabes sobre a mesma. Evita escribir barbaridades.
24. Unha vez rematadas todas as cuestións, repasa o que escribiches, por si atopas algún erro. Fíxate en que non teñas faltas de ortografía e que a letra que fixeches resulta clara e lexible. Non te esquezas de comprobar si puxeches os teus datos ao principio do control (nome e apelidos ...)
25. Se necesitas máis dunha folla para responder, numéraas e entrega o control ben ordenado.
Lembra:
Tes que descansar ben na noite anterior ao control.
Reláxate e tranquilízate antes de comezar.
Pensa antes de escribir.
Fíxate moi ben no que se che pregunta.
Coida a presentación.
O MÉTODO DE ESTUDIO I.
O método de estudio. Como estudar.
Neste folleto imos ver consellos sobre como debes estudar e que pasos debes seguir no estudio.
1. O método de estudio é o camiño que tes que seguir cada vez que teñas que estudar algo.
2. Para ter un bo método de estudio primeiro tes que coñecerte ben a ti mesmo/a. Tes que saber si tes unha boa memoria, si entendes á primeira o que che explican ou o que les, que nivel de atención mantés e durante canto tempo, si necesitas durmir moito ou non ...
3. Unha boa maneira de enfrontarse ao estudio é velo como un deporte. Imaxina que practicas o deporte do estudio.
4. Un bo deportista adestra o necesario para poder competir ben. Ti tes que estudar o tempo que necesites para poder aprender ben o que teñas que estudar e para obter bos resultados no cole.
5. Cada estudante debe chegar a ter un método de estudio propio e que aproveite ao máximo as súas calidades.
6. Tes que adestrar tódalas capacidades que che poden axudar no estudio: memoria, razoamento, relaxación ...
7. Un bo deportista adestra para acadar bos resultados; ti tes que facer actividades nas que teñas que aplicar as técnicas de estudio (resumo, esquemas, mapas conceptuais, lectura ...) e as capacidades que ti teñas para así poder obter bos resultados como estudante.
8. Si tes unha boa memoria, non deixes de empregala. Leva a cabo actividades nas que teñas que usala: aprende matrículas de coches, listados, conxuntos de números ... Dentro deste Programa de técnicas de estudio haberá un apartado dedicado a este tema. Lembra que por moi boa capacidade que teñamos, si non a usamos e non a adestramos, esta capacidade diminuirá.
9. Si pola contra, a túa memoria non é moi boa, máis que nunca debes traballala, aínda que á hora de estudar terás que empregar outro tipo de estratexias para obter uns bos resultados.
10. Si tes unha boa capacidade para entender ben o que che explican e para relacionar uns conceptos con outros, estudia empregando esta capacidade.
11. Lembra o que dixemos en canto á planificación do estudio, ao horario de estudio e ao lugar de estudio. É fundamental que te organices ben e que cumpras co horario de estudio que sexa axeitado para que acades bos resultados.
12. Tes que deseñar que pasos vas seguir para estudar.
13. Un exemplo de método de estudio seguiría estes pasos:
1º. Lectura dos títulos e subtítulos dos apartados que hai que aprender.
2º. Lectura rápida dos textos a aprender.
3º. Lectura máis detallada, facendo subliñado e/ou anotacións á marxe.
4º. Elaboración de esquemas.
5º. Estudio detallado do esquema, debendo memorizalo.
6º. Estudio dos contidos que entran. Tes que traballar sobre estes contidos.
7º. Repaso.
Ti debes buscar o método que mellor che vaia.
14. Planifica canto tempo pensas que che pode levar cada unha destas fases, de xeito que poidas preparar con tempo suficiente o control. Distribúe no teu horario de estudio estes tempos antes de poñerte a estudar.
15. É moi importante que tódalas semanas inclúas no teu horario de estudio un tempo para o repaso do que se vai dando na clase, para non comezar dende cero cando te poñas estudar.
16. Tamén é bo que dediques tódolos días un tempo para ver os contidos que vas dar no día seguinte no cole. Así non che serán descoñecidos cando o mestre/a os explique na clase.
17. É moi útil ter un caderno de estudio no que vaias anotando as dúbidas que che vaian xurdindo durante o tempo de estudio para poder preguntárllelas ao mestre/a, para así ter todo moi claro antes do control.
18. Sempre que te poñas a estudar ten a man un dicionario. Sobre todo, nas fases de lectura debes buscar nel aquelas palabras que non entendas.
19. Tamén necesitas lapis e papel. Canto máis activo/a sexas durante o tempo de estudio mellores resultados obterás. Fai tódolos exercicios que vaian aparecendo nos temas que teñas que estudar; servirache de adestramento para cando teñas que facer o exame.
20. Fai tamén durante o estudio os mapas, gráficos e demais figuras que aparezan nos textos como exercicios para completar, para ter un bo dominio deles e poder levalos a cabo durante o control si é necesario nalgunha das cuestións que se propoñan no mesmo.
21. Si che é posible, busca máis información sobre os temas que teñas que estudar. Así, completarás os textos que veñan no libro e as explicacións do mestre/a, podendo facer un exame de maior calidade.
22. Fíxate en como lle gusta ao mestre/a que presentes os teus traballos. Coida moito a presentación nos exames.
23. Estudia con forza aquelas cuestións que o mestre/a destaca durante as súas explicacións na aula. Probablemente as inclúa no control.
24. Non deixes todo para última hora. Un bo deportista adestra con antelación para chegar nas mellores condicións ó día da competición. A ninguén se lle ocorre adestrar moi forte e soamente o último día , senón que as últimas horas aprovéitanas para descansar e durmir ben.
25. Polo tanto, o último día antes do control debes dedicalo a repasar, a relaxarte e debes durmir como mínimo 8 horas. Canto máis descansado/a chegues ao control mellor rendemento terás.
26. Prepara con antelación todo o necesario para facer o control, para evitar nervios de última hora.
O HORARIO DE ESTUDIO
O HORARIO DE ESTUDIO. PLANIFICACIÓN.
Neste apartado imos ver consellos para facer un bo horario de estudio e para planificar adecuadamente o mesmo.
1. Para poder enfrontarse ao estudio en boas condicións, o primeiro que temos que facer é planificar e elaborar un horario de estudio axeitado a nós.
2. "Un bo plan de traballo debe ser persoal, realista, flexible e con tempo para o estudio e tempo para o descanso" (Brunet).
3. Fai unha copia do horario que tes de clase e pégaa na parede do teu lugar de estudio nun lugar ben visible.
4. Fai un horario de estudio que che vaia ben. Utiliza para estudar aquelas horas nas que penses que estás máis despexado e menos cansado para poder render máis.
5. Fai un horario polo menos para unha semana, deixando momentos libres para que poidas facer algúns cambios cando sexa necesario. Este horario debes colocalo en sitio moi visible para saber o que vas facer cada día.
6. En principio, estudia de luns a venres, deixando libres os sábados e domingos. Procura que sexa sempre á mesma hora. Elixe ti a hora na que vas facelo, pero unha vez elixida debes cumprir co horario que fagas.
7. Debes tentar que o estudio sexa un hábito e divertirte estudando. Así custarache menos facelo.
8. No teu horario de estudio debes ter tempo para estudar e tempo para descansar. En xeral, por cada hora de estudio debes facer un descanso de 10 minutos. Si tes dificultades para manter a atención e a concentración na tarefa durante tanto tempo, proba a facer sesións máis curtas (30 minutos) con descansos tamén máis curtos.
9. A duración de cada xornada de estudio vai depender das tarefas que teñas que facer.
10. Lémbrate de ter preparado todo o que che faga falta para estudar; así non terás que andar a erguerte a buscar as cousas.
11. Nos tempos de estudio concéntrate todo o que poidas, pois así lograrás un maior rendemento e non terás que pasar tempo de máis dedicado ao estudio.
12. Comeza por unha tarefa que che resulte doada, para pasar despois a outras máis difíciles. No remate de cada sesión de estudio na casa volve a realizar tarefas que requiran menos atención.
13. Non teñas prendido nin o ordenador, nin o móbil, nin videoconsolas durante o tempo de estudio. Tampouco teñas xoguetes de ningún tipo. Lémbrate de non ter na mesa nada máis que aquilo que necesitas para estudar e para facer as tarefas escolares.
14. Lémbrate de coidar moito a túa postura durante o estudio para evitar problemas físicos.
15. No lugar de estudio debes facer, entre outras, as seguintes actividades:
Os deberes ou tarefas sen acabar da clase.
Repasar o explicado polo mestre/a durante a mañá.
Estudar para os controles.
Buscar máis información sobre o que teñas que estudar.
Preparar os temas que se van a dar no seguinte día.
Buscar no dicionario aquelas palabras que non entendas.
Manter limpos e ordenados os cadernos.
16. Cambia de actividade durante cada sesión de estudio para que che sexa máis fácil manter a atención e a concentración na tarefa que estás a facer.
17. Para poder render ben no estudio hai que estar en boa forma física e mental:
Segue unha alimentación san e axeitada.
Durme o tempo que necesites (non menos de 8 horas).
Practica algún deporte.
Reláxate e concéntrate no estudio
18. Non tomes nunca bebidas estimulantes (café, té, colas con cafeína ...) pois poden facerche dano e non farán que aumentes os niveis de atención e concentración.
19. Antes de comezar a estudar, pensa seriamente no que vas facer e programa tódalas actividades que vas levar a cabo durante esa sesión de estudio.
Lembra que debes facer un horario realista e que se adapte a ti.
Ten todo o que che faga falta antes de poñerte a estudar.
Fai que o estudio sexa un hábito e unha diversión.
O LUGAR DE ESTUDIO
O LUGAR DE ESTUDIO
Neste tríptico imos tratar sobre como debe ser o lugar de estudio, que será o espazo no que fagamos as tarefas escolares e nos dediquemos a estudar.
É necesario que, dende pequeno, o neno/a teña na casa un lugar de estudio. Así collerá o hábito e saberá en todo momento onde ten que face-las tarefas escolares.
O lugar de estudio debe ser un sitio da casa que sexa tranquilo e sen ruídos para que non haxa distraccións.
Debe haber unha boa iluminación. A luz non debe ser nin moi forte, porque así molestaríanos na vista, nin moi débil, porque así teríamos que forzar moito a vista. Tanto unha como outra rematarían danando os nosos ollos.
Si é posible, debe ser un lugar onde entre luz natural suficiente. No caso de que non sexa así, debemos ter unha boa luz artificial. É aconsellable ter un flexo ou lámpada articulada.
A luz debe entrar polo lado contrario ao que traballamos: si somos destros debe entrar pola esquerda e si somos zurdos pola dereita.
É aconsellable empregar lámpadas azuis, porque molestan menos na vista.
A temperatura do lugar de estudio debe ser agradable. Non debe ser fría, porque non permite que nos centremos no que estamos a facer , nin moi quente que nos faga ter sono e nos quite as gañas de traballar.
No espazo onde se estudia non debe haber máis mobles nin máis materiais dos que nos sexan necesarios para facer o traballo. Non debe haber xoguetes, consolas ..., que nos poidan despistar.
A mesa de estudio debe ser grande, sen brillo e estar á altura axeitada e, si é posible, ou ben a tapa enteira ou ben unha parte dela debe poder inclinarse para cando teñamos que ler, para que a vista se canse menos.
A cadeira que usemos debe ser cómoda, pero non en exceso, pois si é demasiado cómoda pode levarnos a querer durmir en vez de a traballar. Debe ter un respaldo baixo para que poidamos estar sentados correctamente e non ter problemas coas costas. Debe poder regularse a unha altura axeitada que nos permita adoptar unha postura correcta. Debemos apoiar os pés no chan sen que os xeonllos estean moi elevados.
Tamén debemos ter un pequeno andel, preto da mesa, onde poder colocar os nosos libros e materiais.
A postura correcta para estudar é a seguinte:
Os pés deben estar apoiados no chan.
As pernas sen cruzar.
Os xeonllos non elevados.
As costas rectas e apoiándonos no respaldo da cadeira.
A cabeza un pouco inclinada cara adiante.
As mans apoiadas na mesa e suxeitando o papel.
No lugar de estudio debe haber unha boa ventilación. De vez en cando debemos abrir as portas e ventás para que se renove o aire. O aire viciado non aporta o osíxeno necesario para que o noso cerebro funcione ben.
Debemos manter sempre limpo e ordenado o lugar de estudio. Debemos facelo nós e non esperar a que no lo fagan mamá ou papá.