Blog A Pedra
OBRADOIRO DE ECOPERCUSSIÓN
Enviado por Anónimo o Mar, 11/02/2020 - 18:34O pasado luns 10 de xaneiro, o alumnado de 5º de Educación Primaria realizou un obradoiro de Ecopercussión impartido polo músico Didier Díaz.
Nesta actividade, as alumnas e alumnos descubriron a posibilidade de crear instrumentos a través de material de refugallo e o seu uso instrumental. Ademais, aprenderon a técnica de agarre das baquetas e o seu golpeo, así como a execución colectiva de ritmos divididos en diferentes planos sonoros. A sesión terminou unha vez aprendido os ritmos por seccións e executándoos de forma simultánea a través dun ensamble de "ecobatucada" que soou de marabilla.
Aquí deixamos unha pequena mostra da sesión:
DESCUBRINDO A DIABETE
Enviado por Blanco Rodrígue... o Lun, 10/02/2020 - 17:50O venres día 7 de novembro o alumnado de 2º de primaria descubriu como era vivir coa enfermidade crónica: A diabete tipo 1.
Yolanda, a mamá da alumna Alba Hermelo Pousada de 2º A, contoulles que padecía a enfermidade dende os 18 anos e informounos de moitas cousas sobre a diabete: cales son os síntomas da enfermidade, do mal funcionamento do páncreas no corpo, da insulina e a medida dos niveis de azucre. Tamén lles ensinou os instrumentos que empregaba para ter a enfermidade controlada e onde se pinchaba a insulina. Ademais faloulles dos endocrinos que son os médicos especialistas encargados da diabete e das crises de hipoglucemia e hiperglucemia e díxolles que sempre levaba azucre no bolso por se había algún problema.
Logo, explicoulles como curiosidade que cando quixo ter a súa filla Alba o azucre no seu corpo debía estar moi ben controlado e decidiu pasar de pincharse a insulina a levar unha bomba colocada sempre no abdome para que lle fora administrando a insulina pouco a pouco, e así foi Yoli leva a bomba de insulina dende o 2010.
A continuación, mostroulles como medía o azucre e como colocaba a insulina dentro da bomba no seu propio corpo.
Por último, díxolles que convivir coa diabete é doado se vixías os controis de azucre, se fas exercicio e coidas a alimentación.
Unha charla moi interesante para o alumnado que estiveron moi atentos e participaron con diversas preguntas.
SAÍDA DO ALUMNADO DE 4º AO MUSEO MASSÓ E Á PRAZA DE ABASTOS
Enviado por Amalia Omil o Sáb, 08/02/2020 - 20:57Como xa explicamos nunha entrada anterior, o alumnado de cuarto estamos inmersos nun proxecto sobre actividades produtivas.
Esta semana comezamos a centrarnos no traballo das mulleres e o mar. Baixo a batuta de Patri, mestra de prácticas, indagamos nos nosos fogares se algunha persoa achegada, traballara nas conserveiras da nosa vila.
Fixemos despois unha asamblea na que moitos nenos e nenas contamos a experiencia das súas avoas, bisavoas, …
Este venres trasladamos a escola á rúa. Primeiro dirixmonos ao Musseo Massó.
Alí David, o noso guía, levounos primeiro a coñecer algo sobre o SECTOR PRIMARIO. Metímonos nunha sala onde había embarcacións tradicionais, como unha lancha xeiteira ou unha dorna. Estes traballos eran realizados polos homes.
Explicounos tamén que, unha vez que chegaban ao peirao ou á praia, quen recollía este peixe eran as mulleres. O levaban enriba da cabeza nas patelas e moitas veces metíanse no mar para collelo.
Ese peixe podía ser vendido na praza ou levado, antes da chegada das conserveiras, ás plantas de salgadura. Empezou polo tanto a falarnos do SECTOR SECUNDARIO.Explicounos como era o proceso da salga e como as mulleres tiñan os peores traballos, os non cualificados.
Contounos que a finais do século XIX Massó se instalou en Bueu. Ao ver as fotos comprobamos como as muleres realizaban o traballo duro, descalzas, mentres que os homes, que eran os encargados, van perfectamente vestidos e con zapatos relucentes. Confirmábase que os relatos das nosas familiares eran certos. Díxonos que cobraban a metade que os homes.
QUE INXUSTIZA!
Cambiamos logo de ambiente. Fomos á praza. Como non? Este espazo está cheo de mulleres traballando:
AS PEIXEIRAS
Metémonos no SECTOR TERCIARIO.
Levábamos toda a semana preparando a entrevista. Por parellas ou en tríos fomos recadando información. Queriamos saber, entre outras cousas, a que hora se erguían pola mañá, que calidades debe ter unha boa regateira, como conciliaban a vida laboral e a familiar, se se consideraban ben pagadas.
FORON AMABILÍSIMAS!
Ao finalizar nos agasallaron cunha merenda saudable e aínda por riba nos agasallaron cunha bolsa de tela.
MOITAS GRAZAS!!!
VISITA DE RICARDO GÓMEZ
Enviado por Amalia Omil o Mar, 04/02/2020 - 22:49
O alumnado de cuarto, recibimos hoxe, 4 de febreiro, a visita de Ricardo Gómez, autor de Ojo de nube, o libro que estivemos lendo recentemente nas aulas e que por certo nos encantou.
Estabamos desexosos de coñecelo e levábamos preparadas unha infinidade de preguntas.
Ricardo Gómez non nos decepcionou. Contounos que sempre lle gustou ler, e que lle leran. Tamén nos dixo que dende pequeno lle chamou a atención a cultura dos indios americanos e por iso escribiu este fermoso libro dun neno indio cego.
Ao rematar, O autor de tan fermoso libro, asinounos a todos o noso exemplar.
CELEBRANDO A PAZ
Enviado por Luisa Vidal Fraguas o Dom, 02/02/2020 - 19:31O xoves 30 de xaneiro 2020 celebramos o Día da Paz na nosa escola.
Por mor do tempo o alumnado de infantil non puido achegarse ao centro de primaria pero aínda así se xuntaron para cantar e celebrar.
O alumnado de primaria reuniuse no ximnasio.
Para empezar este acto cada grupo recitou, cantou e dramatizou os versos da canción que fora escollida nas aula.
Despois cantamos unha canción en inglés que da a benvida ás persoas doutras razas, cores ou nacionalidades "Welcome home" do neocelandés Dave Dobbyn.
A continuación entregamos o premio ao gañador do concurso "Debuxa un selo da túa localidade". Lembramos que foi unha actividade realizada en colaboración co FESOFI durante o primeiro trimestre.
O agasallado, CRISTIAN ABAL JUNCAL de 5ºA, recibiu, coa imaxe do seu debuxo, un pliego con selos de curso legal e unha postal, ademais de varios selos exclusivos para a súa colección.
Os tres finalistas de cada clase tamén recibiron unha postal co seu debuxo e un selo exclusivo para coleccionar.
Para rematar entonamos e bailamos un canto de amizade e paz coa "CANTARELA DOS NENOS" de Xosé Neira Vilas.
Experimentando no laboratorio
Enviado por Anónimo o Lun, 27/01/2020 - 19:58Os alumnos de 3º volvemos ao laboratorio a semana pasada para realizar un experimento moi curioso co que descubrimos canta graxa se agocha nos alimentos que consumimos.
O experimento consistía en frotar diferentes alimentos sobre un papel: arandos, mandarinas, galletas, queixo e chourizo. Despois esperamos un anaco para que secase a auga que soltaran, miramos o papel a contraluz e... aí estaba!
Descubrimos que as froitas non deixaron marca no papel porque non tiñan nada de graxa, as galletas deixaron un pouco de marca e os embutidos deixaron un bo rastro. Sorprendeunos comprobar que o alimento que máis graxa tiña era o queixo. Agora xa estamos un pouco máis informados para manter unha dieta equilibrada.
E xa que estabamos no laboratorio, aproveitamos para coñecer un pouco máis sobre as nosas pegadas dactilares. Todos nos emborronamos os dedos de tinta negra para deixar as nosas pegadas sobre un papel e comparalas. Foi como ser detectives por un día!
CHARLA DE CARLOS MARTÍNEZ
Enviado por Amalia Omil o Sáb, 25/01/2020 - 20:24O alumnado de cuarto, recibimos o pasado venres, 23 de xaneiro, a visita de Carlos, pai de Carla Martínez, alumnade 4ºA.
Neste nivel atopámonos inmersos dentro dun proxecto sobre actividades produtivas e Carlos veunos explicar en que consistía o seu traballo. Gustounos moito, pero o que máis nos chamou a atención foi o que nos contou sobre a gran cantidade de lixo que se atopa polo mar. Dixo que a maior oparte atópase no fondo do mar, onde a simple vista non se pode ver. Nos aparellos de pesca aparecen obxectos tan inimaxinables como esta antiquísima lavadora que aparece na imaxe:
O que máis nos anoxou foi o que nos contou sobre as VERTEDURAS que as dragas fan entre as illas de Ons e Sálvora, no espazo protexido do PARQUE NATURAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS.
O pai de Carla explicounos que cada certo tempo os peiraos de cidades e vilas como Vigo, Marín, Vilagarcía e Bueu, limpan os fondos de fango e lixo. Para iso utilizan uns barcos, as dragas, que rastrillan os fondos e recollen toda a porquería. Ata aí todo é entendible. O que non nos cabe na cabeza e Carlos denuncia é que se van verter neste espazo.
Co seu radar foi quen de medir a gran montaña de lixo. Para que nos fagamos unha idea a superficie equivale a máis de 100 campos de fútbol e a altura dunha das montaña poderíase equiparar á dun edificio de 6 pisos.
A verdade é que foi unha charla interesantísima. Aprendimos moitísimo e lle estamos moi, pero que moi agradecidas e agradecidos a este xentil papá.
VISITA DA ASOCIACIÓN JUAN XXIII
Enviado por Anónimo o Mar, 21/01/2020 - 19:31O alumnado de sexto de primaria recibiu unha charla moi enriquecedora.
Raquel e Sergio, psicóloga e alumno do centro Juan XXIII de Pontevedra, ensináronnos moitas cousas sobre as persoas con discapacidade e desmentiron tamén moitos mitos sobre elas.
A través de diversas explicacións con apoio visual e grazas á experiencia persoal de Sergio, fixéronnos a todos reflexionar e cambiar a nosa forma de ver a discapacidade.
Agora, agardamos ansiosos o noso próximo encontro, que será desta vez, no seu centro en Pontevedra.
Aprendendo sobre arte e natureza en Vigo
Enviado por Anónimo o Xov, 16/01/2020 - 21:19Este mércores os alumnos e alumnas de 3º fixemos unha saída a Vigo. Alí puidemos visitar o MARCO e Naturnova.
A nosa primeira visita foi ao Museo de Arte Contemporánea, onde visitamos a exposición de Eduardo Gruber que leva por título ‘O salón dos espellos’. Alí vimos varios debuxos do artista, algunha escultura e aprendimos o que é un cadáver exquisito. Mesmo nos animamos a inventar pequenas historias inspiradas na súa obra e a facer un nós mesmos un cadáver exquisito combinando os debuxos de varios compañeiros!
Ao rematar no MARCO fomos a Naturnova. Alí visitamos tres salas diferentes: unha sobre o universo, outra sobre os animais e a última sobre reciclaxe. Fixéronnos traballar moito e tivemos que superar unha proba en cada sala para poder conseguir un diploma. A verdade é que se nos deu bastante ben. Como xa traballáramos o universo o trimestre pasado cos proxectos, os nosos guías quedaron sorprendidos da cantidade de cousas que sabíamos sobre ese tema. Na sala sobre os animais vimos animais con realidade aumentada, e tamén fixemos unha viaxe pola nosa ría nun simulador de submarino en 3D.
Por suposto, nun día tan duro tivemos un ratiño para repoñer enerxía e charlar un rato cos compañeiros.
Pasámolo moi ben e estamos desexando que chegue a seguinte saída.
Proxecto Naturais " O NOSO CORPO" 3º
Enviado por Ana Cabaleiro o Sáb, 04/01/2020 - 16:29Neste primeiro proxecto de ciencias naturais de 3º puxémoslle o título "O NOSO CORPO".
A través de vídeos e lecturas fomos pouco a pouco aprendendo todos os aparatos do corpo humano, os seus ósos, músculos, órganos principais, as etapas da vida, os sentidos, articulacións...E así fomos completando o noso mural de aula. Unha das actividade que realizamos foi por equipos nun papel continúo grande, un dos membros púsoxe no chan e debuxaron a súa silueta para posteriormente ir pegando todos os órganos de corpo, que previamente colorearan e recortaran. Tamén nunhas cortolinas debuxamos os diferentes aparatos e con velcro eles podías montar e desmontar as difentes partes cos seus respectivos nomes.
Na aula de ciencias fomos a facer un experimento sobre OS SENTIDOS, cada equipo ía rotando e pasando por todos os recunhos para ir experimento os diferentes sentidos dunha forma lúdica.
Para repasar estes contidos elaboramos un PLICKERS na aula, na que cada alumno e alumna tiña que contestar as diferentes preguntas sobre o tema.
Na aula de informática repasamos todos estes contidos cos KAHOOTS, encántanos aprender xogando!
Continuamos coa alimentación, xa que para coidar o noso corpo temos que levar a cabo unha serie de hábitos saudables, entre eles unha dieta equilibrada. Outra actividade que realizaron por equipos foi que cada un encargouse de completar un escalón da pirámide, recortando os alimentos dos folletos de publicidade dos supermercados ata completar a pirámide alimentaria. Outra actividade foi completar a información que faltaba dun texto escoitando un vídeo sobre a pirámide alimentaria. Despois, indagaron para que servían os hidratos de carbono, a fibra, o calcio, as proteínas...buscando exemplos de alimentos na súa alimentación.
Finalmente, elaboraron un menú saudable.
Que divertido é traballar así, estamos aprendendo moito!
Como decía BENJAMIN FRANKLIN:
"Dime y lo olvido,
enséñame y lo recuerdo,
involúcrame y lo aprendo".
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 56
- 57
- 58
- 59
- 60
- 61
- 62
- 63
- 64
- seguinte ›
- última »