blogue deBlanco Rodríguez Rosa
A FESTA DO MAGOSTO NA ESCOLA
Enviado por Blanco Rodrígue... o Dom, 17/11/2024 - 20:01O xoves 14 celebramos a festa do magosto na escola compartindo diferentes actividades o alumnado de primeiro e segundo: cantamos cantigas populares relacionadas co Magosto, aprendemos adiviñas, realizamos un circuito de xogos tradicionais e para rematar comemos as castañas asadas todos xuntos no patio facendo unha roda.
Gozamos do veranciño de San Martiño e pasámolo xenial!
SAMAÍN 2024
Enviado por Blanco Rodrígue... o Dom, 03/11/2024 - 20:16A última semana de outubro dedicámola a aprender moitas cousas sobre o Samaín realizando actividades plásticas, participando na exposición terrorífica de cabazas, colaborando no mural cooperativo cun monicreque-monifate de meiga arrepiante e memorizando unha copla simpática para espantar os medos e malos augurios. Como colofón, celebramos uns obradoiros alusivos con actividades variadas: contacontos de medo escenificados, construción e decoración dunha cabaza e un “DÍGOCHO EU” de vocabulario de Samaín-outono en lingua de signos.
No seguinte vídeo podedes ver algunha cousiña.
Nesta entrada queremos acordarnos de todos os nenos e nenas e de todas as persoas das comunidades que sufriron e faleceron na DANA. Amosámosvos todo o noso agarimo.
24 DE OUTUBRO: DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES
Enviado por Blanco Rodrígue... o Sáb, 26/10/2024 - 17:19Na nosa escola, ara conmemorar o día das Bibliotecas escolares realizamos unha actividade moi chula que consiste en apadriñar e amadriñar lectores. Ao alumnado de 1º de primaria tocoulles facer de madriñas e padriños do alumnado de 4º de infantil, os máis cativos da escola. A súa actividade consistiu en facer un percorrido polo bibliocastelo e presentalles a Papirus, a mascota da nosa biblioteca. Ao comezo, os pequenos e pequenas estaban un pouco asustados, pero co agarimo compañeiros e compañeiras máis grandes foron coñecemdo os diversos recunchos da biblioteca. Despois todos xuntos sentaron na nunha alfombra e escoitaron a historia de Papirus e viron unha animación do conto "A abelliña que perdeu as ás" narrado polo alumnado de 3º. Para finalizar, todos xuntos cantaron a canción de Papirus. Cremos que van visitar máis amiudo o bibliocastelo.
Agora tócalles aos nenos e nenas de 1º recibir aos seus padriños e madriñas que será o alumnado de 4º, cal será a sorpresa!
Que bonita sesión de contacontos realizaron os nenos e nenas de 4º! Representaron dous contos: OS TRES OSOS e O MOSQUITO, os cativos de 1º gozaron moito e estiveron moi atentos.
O alumnado de 1º tamén agasallou a Papirus no día do seu aniversario cuns debuxos onde lle contaban a visita que fixeron a Granxa escola Serantellos, pois eles saben que a Papirus lle gustan moito as historias.
Ademais, decoraron o marcapáxinas que Papirus acostuma a entregarlles polo seu aniversario para que guien as súas lecturas.
VISITA A GRANXA ESCOLA SERANTELLOS
Enviado por Blanco Rodrígue... o Mér, 23/10/2024 - 22:16O alumnado de 1º e 2º realizaron unha visita a granxa escola de Serantellos en Cambados acompañados do seu profesorado o día 22 de outubre. Estivo un día fantástico e xuntos coñeceron e gozaron da natureza, aprendendo moitas cousas de animais e plantas. Tamén lles gustou moito compartir xantar, merenda e xogos. Podédelo comprobar no seguinte vídeo.
INICIO DE CURSO 2024-25
Enviado por Blanco Rodrígue... o Mar, 10/09/2024 - 17:12BENVIDOS E BENVIDAS AO CENTRO DE PRIMARIA.
Hoxe, as titoras de primeiro e o profesorado especialista tiveron o primeiro contacto coas familias do alumnado que entra por primeira vez no centro de primaria de A pedra. Como se comunicou na reunión queda nesta entrada do BLOG a presentación coa información compartida na xuntanza para que sexa mais doado lembrala.
ENCONTRO CON CIENTÍFICOS
Enviado por Blanco Rodrígue... o Ven, 31/05/2024 - 22:14O último día do mes de maio e para rematar o proxecto sobre as abellas que o alumnado de 2º de primaria traballou neste curso gozou, na biblioteca da escola, da visita de dous científicos do departamento de Ciencias da Vida e Ecoloxía da universidade de Alcalá de Henares, José Manuel Fernández Pereira e Salvador Rebollo de la Torre.
Compartiron co alumnado o proxecto de investigación no que están a traballar. Contáronlle que levan estudando dende hai anos como a ave rapaz “abejero europeo” actúa como depredadora dos panais das avespas asiáticas.
Salva e Jose expresáronse cunha linguaxe moi cercana, didáctica e motivadora xa que souberon manter a atención e a curiosidade do alumnado durante moito tempo. Ademais, viñeron cheos de materiais que empregan nas saídas ao campo para amosarllos ao alumnado: cámaras, traxes, chips e mesmo un niño xigante de velutina e un bufo trampa.
Tamén, insistiron no importantísimo que é para a ciencia a realización do traballo en equipo e de que este estea formado por persoas de xénero diferente.
Ao terminar a charla, os nenos e nenas manifestaron as súas opinións expresando que aprenderan moitas cousas e que estivera moi interesante. Tanto é así, que algúns dicían que de grandes ían ser científicos.
A modo de conclusión, comentar que unha nena resumiu o encontro con Jose e Salva deste xeito: “Os científicos sempre se están facendo preguntas e se responden con outra pregunta”
Moitas grazas equipo por compartir con noso alumnado o voso proxecto!
Aquí queda algunha foto da xornada.
INFORMACIÓN DA REUNIÓN DE FAMILIAS DO DÍA 23 DE ABRIL DE 2024
Enviado por Blanco Rodrígue... o Mér, 24/04/2024 - 17:47EXPERIMENTANDO COS ESTADOS DA AUGA
Enviado por Blanco Rodrígue... o Xov, 28/03/2024 - 16:52Nesta entrada de Blog quedan recollidos todos os vídeos que o alumnado de segundo realizou coa axuda da familia e onde demostrou todo o que apredeu sobre os estados da auga. FIXÉRONO XENIAL! Se premedes na imaxe podedes ver o vídeo dos nenos e nenas de 2º A.
Se premes nestoutra imaxe verás o traballo dos nenos e nenas de 2º B.
23 DE FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA
Enviado por Blanco Rodrígue... o Ven, 23/02/2024 - 21:3825 DE NOVEMBRO
Enviado por Blanco Rodrígue... o Sáb, 25/11/2023 - 21:41O venres 24 de novembro o alumnado de 2º reuniuse para reivindicar a construción da convivencia entre as persoas e dicir un NON claro e rotundo a violencia contra ás mulleres. Para tomar conciencia deste problema social o alumnado leu historias de mulleres que loitaron polos seus dereitos ao longo da historia, visualizou vídeos con esta temática e cantou a canción de Rozalén "LA PUERTA VIOLETA" ilustrando a súa mensaxe de maneira comprensible e creativa, podedes ver os seus traballos no vídeo premendo na imaxe.
Ademais aportamos un verso e un vídeo para unha canción colaborativa e de denuncia que cantamos xuntos "NELAS TEMOS QUE CRER" baixo a dirección de Elsa, profe de música do centro. Se premedes nesta imaxe podedes ver o produto final.