BATIDOS SALUDABLES

Aproveitando a nosa participación no programa Aliméntate ben, preparamos unha actividade saludable para todo o alumnado de Educación Infantil: BATIDOS DE FROITA

Entre  todos elaboramos deliciosos batidos cos seguintes ingredientes:

- Plátanos

- Fresa e piña conxelada, para darlle o toque smoothie.

- Leite

- Mel ou azúcar moreno, para endulzar un pouquiño.

Aos nenos e nenas encantoulles, agora é o momento de que o fagades nas vosas casas!!!

 

 

MELLORAMOS O NOSO PATIO

Un dos oxectivos deste curso era mellorar as instalacións do noso patio, e pouco a pouco o estamos conseguindo... Aquí vos deixamos unha pequena mostra dalgunha destas melloras: os maceteiros, o areiro, un xogo de rodas e o que máis nos gusta a todos e todas, as mesiñas para merendar e experimentar.

   

 

 

   

PIZZA CASEIRA

O alumnado de 5º de Educación Infantil animouse hoxe a facer na clase unha ESTUPENDÍSIMA E RIQUÍSIMA pizza de xamón e queixo. 

 

Amasaron, cortaron, fornearon e... ÑAAAAAAAAAAAAM!!!!!!!     CansoCanso

 

   

   

                                                                              

        

 

                        

AXUDAS PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO, DE MATERIAL ESCOLAR E FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO PARA O CURSO 2022/23.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade ven de publicar o 18 de maio a Orde do 29 de abril de 2022 pola que se regula a participación no fondo de libros de texto e se convocan as axudas para adquirir libros de textos e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centro docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2022/23 (código do procedemento ED330B).

O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES É DO 19  DE MAIO ATA O 22 DE XUÑO (incluídos).

A solicitude será única para todos os fillos e, de ser o caso, tutelados, que estean  admitidos no mesmo centro docente para o curso 2022/23, e nela especificarase o nivel  de estudos que espera realizar cada un deles no citado curso. Se estivesen admitidos en  centros docentes distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros. No caso de que a solicitude se  tramite por vía electrónica empregando a aplicación fondolibros será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno.

Deberán cubrirse os anexos I (solicitude) e II (comprobación dos membros computables da unidade familiar), así como traer a copia do libro de familia. En caso de separación ou divorcio, requerirase copia da sentenza xudicial ou convenio regulador, onde se especifique a garda e custodia do menor.

Terase en conta a situación familiar e a renda a data do 31 de decembro do 2020.

As solicitudes para os niveis de 5º e 6º de educación primaria só serán tramitadas para a axuda de adquisición de material escolar xa que os cursos E-DIXGAL non contan con libros de texto.

O alumnado que curse a día de hoxe 6º nivel de educación primaria e estea admitido/a no IES para o vindeiro curso, presentará a solicitude no centro de Educación Secundaria.

LUGAR DE PRESENTACIÓN:

Ademais da presentación presencial no centro, no caso de dispoñer de chave 365, certificado electrónico ou DNI electrónico poderedes realizar dito trámite telematicamente dende o seguinte enlace Fondolibros a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Os ANEXOS I e II estarán a vosa disposición impresos no centro e solicitándoos na conserxería.

Nos arquivos adxuntos poderedes acceder á información para os diferentes cursos.

Para ser recibido no horario de atención e evitar aglomeracións solicitarase cita previa para entregar as solicitudes. Moitas grazas de antemán.

Horario de secretaría:

Luns de 09:05 - 09:55 h

Martes de 10:45 h - 11:30 h

Mércores de 12:30 h - 14:05 h

Xoves de 13:15 h - 14:05 h

Venres de 12:30 h - 13:15 h

 

17 DE MAIO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

 

Hoxe, 17 de maio, celébrase o DÍA DAS LETRAS GALEGAS e no noso colexio durante as últimas semanas realizamos moitas actividades relacionadas co autor homenaxeado deste ano Florencio Delgado Gurriarán e coa defensa da nosa lingua.

Nos seguintes vídeos poderedes ver algunhas destas actividades (pinchade nas imaxes ou o texto) como son:

- O recitado de poemas do autor realizados polas distintas clases do centro.

1ºEP: LIORTA

2ºEP: ANDAN OS PAXAROS...

3ºEP: IN VINO VERITAS

      MUIÑADA

4ºEP: AÍ VÉN O MAIO

5ºEP: ROMANZO DA TERRA DOENTE

6ºEP: GRORIA DA MIÑA TERRA

- O alumnado do centro realizando actividades sobre o autor homenaxeado.
No seguinte vídeo poderedes visualizar un pequeno resumo dalgunhas das actividades que se levaron a cabo nas distintas aulas do centro. (música: Medomedá. Tú y tu tutú)

- O vídeo resume da V Carreira pola Lingua.(música: Muiñeira de Limiñoa. Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. Radio Cos. Sete Cuncas)

Este ano o tempo acompañounos polo que puidemos celebrar a nosa carreira por todo o alto. O alumnado de educación infantil realizou as carreiras por equipo co fin de obter as pezas do crebacabezas do autor Florencio Delgado Gurriarán e o alumnado de primaria, organizados por ciclos e por equipos, realizaron as carreiras para conseguir as pezas do crebacabezas do poema (do autor homenaxeado) traballado en cada aula. Foi moi emocionante xa que o alumnado puido compartir a experiencia e colaborar na realización da actividade!!!! Regalouse a cada participante un lapis co lema "A CRISTINA GALEGO"

Para finalizar tivemos a sorte de contar coa presenza das pandeireteiras de Anxeriz que viñeron tocar e cantar para nós!!!! En resume, viviuse unha fantástica xornada festiva para celebrar e reivindicar AS LETRAS GALEGAS como se merece!!!!

 

 

Ademais o alumnado de 5º de educación primaria da man da nosa mestra de educación artística Malena, levou a cabo unha recollida de cancións tradicionais. O resultado non pode ser máis fantástico. Deixámosvos co vídeo para compartir con vós as cancións que recompilaron coa colaboración de familiares, veciños e amigos das familias. Motísimas grazas a todas e a todas!!!!

 

 

V CARREIRA POLA LINGUA DO CEIP A CRISTINA

Para conmemorar o Día das Letras Galegas, hoxe celebramos na pista polideportiva do noso colexio, a "V Carreira pola Lingua do Ceip. A Cristina",na que participou todo o alumnado do centro, para reivindicar a defensa da nosa lingua e fomentar os hábitos saudables.Este ano contamos coa actuación de seis cantareiras que nos deleitaron co seu bo facer.

 

 

 

 

 

DÍAS NON LECTIVOS

 

Lembrámosvos que o vindeiro LUNS, 16 DE MAIO(día non lectivo escollido polo centro) e  MARTES, 17 DE MAIO (festivo autonómico)  son  DÍAS NON LECTIVOS, polo que o centro educativo estará pechado ambos días.

As clases reiniciaranse o MÉRCORES, 18  DE MAIO no seu horario habitual.

Un saúdo.

PROFESIÓNS E ESTABLECEMENTOS RELACIONADOS COA ALIMENTACIÓN

Hoxe na aula de 3 anos, estivemos traballando as distintas profesións que existen relacionadas coa temática da alimentación: pescadeiro/a, carniceiro/a, froiteiro/a, agricultor/a, panadeiro/a...

Estivemos traballando qué se vende en cada establecemento, o nome de cada un destes espazos e as persoas que neles traballan. Adquirimos así novo vocabulario relacionado coa alimentación e a importancia dos alimentos para o mantemento dunha boa saúde.

 

                                                                     

                                                                                            

                                                                                             

COMPRA SALUDABLE

Na aula de 6º de Infantil aprendemos a facer unha compra saludable xogando coa nosa ruleta de alimentos. A todos e todas nos encantaría encher os nosos carros con alimentos pouco saludables (galletas, pizzas, hamburguesas, chocolate...), pero hoxe aprendemos qué alimentos se poden consumir diariamente e cales de vez en cando. O xogo consistía en xirar a ruleta, e dependendo do que tocara decidíamos metelo no noso carriño da compra, ou deixalo.

 

 

  

Despois cada neno/nena elexiu os seus catro alimentos saludables favoritos!

Agora toca facelo na tenda coas familias....

        

 

BISCOITO DE IOGUR

Hoxe o alumnado de 4º de Educación Infantil, preparou na clase un delicioso biscoito de iogur. Primeiro, prepararon e anotaron todos os ingredientes necesarios para a súa elaboración, iniciándose así na lectoescritura (nome dos ingredientes) e na lóxica-matemática (cantidades, peso...), fornearon, lavaron os utensilios empregados e finalmente, degustaron a receita nun picnic improvisado na zona do patio. 

                                                                      

                                                                     

                                                                 

 

MMMMMMMMMMMMMMMMMMMMMMMMMM... DELICIOOOOOSOOOOOO!!!!!!!

PINTAMOS RODAS

O alumnado de infantil e as súas familias, encargáronse de pintar as rodas, que se convertirán en macetas con flores, para decorar o noso patio.

Fixeron un traballo xenial! Moitas grazas a todas as familias pola vosa participación e gran traballo.

 

LISTAXES DEFINITIVAS DE ADMITIDOS

Dende hoxe, xa están colgadas no taboleiro do centro as listaxes DEFINITIVAS do alumnado admitido para o curso 2022-2023.

O seguinte paso é a formalización da matrícula do 20 ao 30 de XUÑO (en horario de secretaría).

Para que teñades unha idea, aquí vos deixamos a documentación que teredes que presentar.

Para formalizar a matrícula deberase presentar a seguinte documentación:

- Impreso de matrícula debidamente cuberto e asinado (ANEXO III-1). Este impreso pódese  recoller no centro nas datas de matriculación (ou descargar de arquivos adxuntos).

- Enquisa sociolingüística cuberta. Este impreso pódese descargar nos arquivos adxuntos ou recoller no centro.

- Fotocopia da tarxeta sanitaria. (orixinal e copia)

- Fotocopia do calendario de vacinación. (orixinal e copia)

- Dúas fotografías tamaño carné.

- Informe médico no caso de enfermidades ou alerxias que se deban coñecer.

- O alumnado procedente doutro centro escolar deberá traer unha certiificación académica ou a copia do boletín da avaliación final deste curso (2021-2022).

-No caso de separación ou divorcio, copia da sentenza xudicial. (orixinal e copia)

APRENDE A TRAVÉS DO SURFING PARTE 2

Este luns comezaron na praia de Razo as actividades de surf na praia englobadas no proxecto "Aprende a través do Surfing".

O alumnado de primeiro  de E.Primaria participou ao longo de toda a mañá dunha xornada de convivencia, onde os nenos/as tiveron a oportunidade de desfrutar do surf, coñecer a cultura oceánica  e experimentar todos os valores do surfing.

As proximas sesións, se as condicións metereolóxicas e das mareas o permiten, serán nas datas seguintes:

  • Martes 3 de Maio: 2º E. Primaria.
  • Mércores 4 de Maio: 3º E. Primaria.
  • Xoves 5 de Maio: 4º E. Primaria.
  • Venres 6 de Maio: 5º E. Primaria.
  • Luns 9 de Maio: 6º E. Primaria.

 

 

VII TORNEO DE BÁDMINTON DA CRISTINA.

Os alumnos/as de 5º e 6º de E.Primaria comezaron esta semana o VII Torneo de Bádminton da Cristina. Ao longo das próximas semanas celebraranse os partidos nas clases de educación física e nos recreos.

Moita sorte a todos/as!

 

ALIMENTOS

O alumnado de 5º de EP traballou en Ciencias da Natureza sobre os diversos tipos de alimentos. Para esta actividade buscaron información sobre como se clasifican os nutrientes e tamén buscaron imaxes deos diversos alimentos en folletos de publicidade. Coas imaxes fixeron un pequeño mural e tamén fixeron unha exposición por grupos das características principais dos alimentos que lle correspondían.

                                                                          

                                                                           

                                                                       

GRUPO I. Alimentos derivados dos cereais, as patacas e o azúcre. Teñen alto contido en hidratos de carbono.

GRUPO II. Aceite e graxas. Aportan ao corpo as graxas que necesita.

GRUPO III. Carne, peixe, ovos, legumes e froitos secos. Son os que nos aportan proteínas.

GRUPO IV. Produtos lácetos e os seus derivados. Aportan calcio e proteínas.

GRUPO V. Hortalizas e verduras. Alimentos que aportan vitaminas e minerais.

GRUPO VI. Froitas. Aportan ao corpo vitaminas e minerais.

Atendendo á función dos alimentos no organismo diferenciamos entre.

ALIMENTOS ENERXÉTICOS. Os do grupo I e grupo II. Aportan o “combustible” que necesitamos para realizar as nosas actividades diarias.

ALIMENTOS FORMADORES. Os do grupo III e grupo IV. Son os que contribúen ao crecemento, desenvolvemento e mantemento das estruturas do noso corpo, coma os músculos e os osos.

ALIMENTOS REGULADORES. Os do grupo V e grupo VI. Serven para que o noso corpo utilice de forma correcta o resto dos alimentos.

E como elemento fundamental está a AUGA que debemos beber con regularidade para manternos sans.

                                                           

 

 

Distribuir contido