Saltar la navegación

2. A xestión dos dereitos de autoría

Normalmente as autoras e autores non xestionan os seus dereitos patrimoniais de forma directa senón que contratan ou se asocian a algunha das entidades que representa ao seu sector; o funcionamento das entidades de xestión colectiva de dereitos da propiedade intelectual están reguladas, no noso país, a través do RDL 1/1996 (Título IV do Libro III).

As principais entidades que operan en España, e coas que temos que contactar para usar recursos de terceiras persoas, son as seguintes:

CEDRO

Centro Español de Derechos Reprográficos.

Xestionan os dereitos de autoría derivados da utilización secundaria das persoas autoras de libros e publicacións periódicas.

DAMA

Asociación Derechos de Autor de Medios Audiovisuales.

Entidade de xestión especializada na xestión de dereitos de autoría de obras audiovisuais.

SGAE

Sociedad General de Autores y Editores

Xestiona, de forma colectiva, os dereitos de autoría e propiedade intelectual nos ámbitos da música, audiovisual e artes escénicas.

VEGAP

Visual, Entidad de Gestión de Artistas Plásticos.

É a entidade que xestiona os dereitos de autoría das creadoras e creadores visuais: persoas pintoras, escultoras, fotografas e ilustradoras, etc.

SEDA

Sociedad Española de Derechos de Autor.

Asociación destinada á xestión colectiva dos dereitos de autoría sobre obras musicais. Xestiona os dereitos relacionados coa reprodución distribución e comunicación pública das obras musicais.

Segundo o teu ámbito creativo poderás asociarte á que mellor represente a túa actividade profesional. Ademais, como persoas usuarias de recursos de terceiros e de terceiras, podemos consultar cales son as tarifas e condicións de uso do catálogo das persoas creadoras asocidas a cada unha delas. Por exemplo, se organizas un festival no teu centro e como música ambiente conectas por Bluetooth o teu teléfono ao sistema de son do pabellón e pos unha das túas listas persoais , as dúas primeiras cancións que soan son:

  • Princesas ( de Leiva)
  • Pienso en aquella tarde ( de Leiva)

Se facemos una procura no repertorio da SGAE e buscamos as cancións rexistradas por José Miguel Conejo Torres (Leiva), atopamos as dúas cancións: Princesas (código ISWC  
T-042.009.691-8) e Pienso en aquella tarde (código ISWC:  T-041.878.480-1). Por tanto teríamos que consultar o epígrafe 'TARIFAS PARA LA UTILIZACIÓN DE LAS OBRAS MUSICALES
Y AUDIOVISUALES, DEL REPERTORIO SGAE COMO AMENIZACIÓN DE CARÁCTER SECUNDARIO E INCIDENTAL EN BARES, CAFETERÍAS, TABERNAS, RESTAURANTES Y SIMILARES.*' das tarifas xerais recollidas na sociedade xeral de autores (SGAE) para coñecer o custe asociado; tamén podemos poñernos en contacto coa delegación territorial máis próxima para aclarar dúbidas. Amenización de carácter secundario, fai referencia a un uso menor do repertorio xa que o seu emprego non altera o desenvolvemento da actividade da persoa usuaria, é dicir, non se emprega para bailar nin para facer unha actuación musical acompasada (esta sería outro uso e outras tarifas diferentes).

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)