Ven á FP
Oferta
A formación profesional do sistema educativo comprende ciclos formativos de grao básico, de grao medio, de grao superior e cursos de especialización, cunha organización en módulos e con contidos teórico-practicos que teñen como finalidade a adquisición das competencias necesarias para unha inserción laboral satisfactoria e o desempeño de diversas profesións.
As ensinanzas están organizadas en tipos de oferta e modalidades de asistencia:
- Oferta ordinaria. Matrícula por curso completo en dous cursos académicos en horarios de mañá e/ou tarde, segundo o horario establecido polo centro educativo. A asistencia ás clases é obrigatoria.
- Oferta modular. Matrícula parcial por módulos que se imparten ao longo dos tres trimestres do curso. A xornada lectiva desenvólvese polo xeral en horarios de tarde-noite na modalidade presencial segundo o horario establecido polo centro. Na modalidade presencial a asistencia ás clases é obrigatoria.
Na modalidade semipresencial e a distancia a asistencia é obrigatoria ás actividades de avaliación. A asistencia ás titorías e ás actividades formativas presenciais non é obrigatoria pero si recomendable.
- FP dual intensiva. Ten como finalidade a cualificación profesional das persoas nun réxime de alternancia de actividades formativa e laboral nunha empresa coa formación no centro educativo. Está organizada en proxectos formativos específicos que poden ter duración de un a tres cursos e combinar varias titulacións completas ou parciais.
- Cursos de especialización. Matrícula por curso completo en un só ano académico. Teñen por obxecto completar as competencias das persoas que dispoñan dun título profesional de referencia, medio ou superior, incorporando na formación do alumnado as últimas innovacións que se produzan no sistema produtivo, sinaladamente nos ámbitos emerxentes.
Nesta ligazón poderás atopar a oferta formativa de ciclos formativos e de cursos de especialización organizada por tipos de oferta, por familias profesionais e por provincia e concello.
Admisión
Para estudar ensinanzas de formación profesional sostidas con fondos públicos é necesario participar nun proceso de admisión. Este proceso determina os requisitos de acceso que deben cumprir os solicitantes, as cotas e os criterios de prioridade na adxudicación de prazas, así como os prazos de presentación de solicitudes e matrícula.
Cada tipo de oferta, modalidade e grao ten un proceso de admisión diferenciado.