Skip to Content

HORARIO CURSO 2023/24

O horario solicitado á Xefatura Territorial dende o curso 2020/21 foi definitivamente aprobado no presente curso escolar, previa solicitude de novo por parte do Consello Escolar, polo que se aplicará por primeira vez no curso 2023/24.

Este horario, que poden consultar no enlace,supón a supresión da tarde do luns.

Excursión a Lalín: "A casa do patrón"

O departamento de Lingua Galega organizou a excursión á Casa do patrón en Lalín, un museo etnográfico onde se conservan útiles e ferramentas tradicionais que se usaban na taberna, tear, escola, etc. Ademais, de visitar o museo, o alumnado tivo ocasión de desgranar mazarocas de millo e facer boliños de pan.

Posteriormente, visitaron o Museo do Xoguete no Pazo de Liñares, onde puideron coñecer xoguetes antigos. Foi unha xornada moi divertida e de descubrimento para todo o grupo!

Casa do Patrón en Lalín. María Souto

Visita aos museos científicos da Coruña

O alumnado de 1º e 3º ESO vistou a semana pasada os Museos Científicos da Coruña nunha actividade organizada polo Departamento de Bioloxía.

Na Domus tiveron a ocasión de participar na disección dun corazón de porco. Ao longo dun percorrido interactivo coñeceron distintos aspectos sobre a especie humana. Unha das cousas que máis lles gustou foi a medición da potencia de tiro nunha portería de fútbol, a cinta de correr para medir as pulsacións ou o vídeo sobre o parto.

No Acuario Finisterrae desfrutaron de numerosos animais marinos: peces, pulpos, focas, medusas e cabaliños do demo, etc. así como coñecer ao famoso tiburón touro Gastón.

Despois de comer, finalizaron a visita na Casa das CienciasPlanetario onde desfrutaron dunha proxección dun vídeo sobre a Terra e o Universo, así como de moitos módulos que lles permitiron xogar e experimentar sobre aspectos relacionados co movemento dos péndulos.

OBRADOIRO PARA AS FAMILIAS: INSCRICIÓN ATA O LUNS 30 DE XANEIRO

O pasado mércores, 18 de xaneiro contamos coa presenza de Carmen Sarmiento que deu unha charla dirixida ás familias: Ante o conflito: loita ou conexión.  

Quedamos moi compracidos e agradecidos de escoitar da importancia dun cambio de visión con respecto a conflitividade, procurando a conexión. Nas próximas semanas faremos uns obradoiros para familias que serán os seguintes mércores de 18:00 a 20:30 na Biblioteca do centro: 1, 8, 15 de febreiro e 1 de marzo.  

AS FAMILIAS PODEN APUNTARSE ATA O LUNS 30 DE XANEIRO ENVIANDO UN CORREO A inesiglesias@iesxoanmontes.gal

 

Carmen

Charla "Ante o conflito loita ou desconexión". Marta Coria. CC BY-SA

Diego As no IES Xoán Montes

No IES Xoán Montes empezamos o novo ano 2023 con actividade!

A AMPA organizou un encontro con Diego As, o autor do mellor graffiti do mundo. Alumnado, familia e profesorado tivemos a ocasión de coñecer a traxectoria deste recoñecido artista da cidade. Nunha conversa distendida á par que emocionante, Diego compartiu con nós momentos dos seus comezos durante a infancia enchendo cadernos de cores, da súa adolescencia na que reafirmou a súa paixón por esta técnica e o período de madurez artística no que se atopa. 

Puidemos coñecer da man do protagonista os detalles do mural de 20 metros de Julio César que está tan próximo ao noso centro: o proceso de deseño e bocetaxe, as xestións burocráticas, a preparación do muro, marcaxe de volumes, cores, orzamentos, tempos, mantemento e durabilidade da obra e... o prestixio internacional acadado!

Moitas grazas Diego por achegarte a pasar un tempo con nós, ao tempo que nos achegas á arte urbana da nosa cidade e, sobre todo, por facelo dun xeito tan próximo e xeneroso.

Diego As voz Galicia
 Diego As no IES Xoán Montes. Marta Coria. CC BY-SA-NC Julio César. Óscar Cela en La Voz de Galicia

DESPEDIMOS O 2022, ANO DO 50 ANIVERSARIO DO IES XOÁN MONTES

Dicimos adeus ao ano 2022 no que conmemoramos o 50 aniversario do noso instituto!

A semana pasada tivemos a ocasión de confraternizar con profesorado xubilado que "voltou ás aulas" por un día e intercambiou experiencias co alumnado sobre o centro. Ao finalizar a xornada no ximnasio desfrutamos dun vídeo dos primeiros anos do IES Xoán Montes para despois facer unha homenaxe á nosa compañeira Carmen Tizón.

video

Celebración 50 aniversario. Marta Coria. CC BY-SA

BO NADAL

Dende o Equipo de acollida queremos cultivar o agradecemento e a xenerosidade no noso alumnado. É por iso que organizamos por segundo ano o envío de postais de nadal a profesorado de primaria e do propio centro. Moitas grazas ao noso carteiro oficial Gerardo que levou a cabo a ruta de reparto coa máxima eficiencia.  

Ademais, agasallamos citas literarias ao profesorado, persoal e alumnado do centro.

Bo nadal de parte da comunidade educativa do IES Xoán Montes!

postais citas


Accións de Nadal do Equipo de Acollida
. Inés Iglesias. CC BY-SA

O Nadal de 3°B: casas cheas de cualidades

Cada casa simboliza cada alumno e alumna da clase. No seu interior están escritas as cualidades que recoñecen en si mesmos e que os demais ven neles. As cualidades como ladrillos que constrúen a nosa identidade.

foto casitas

Casiñas de cualidades de 3ºB. Inés Iglesias. CC BY-SA

Xa chegou o Nadal ao IES Xoán Montes!

O tempo pasa moi rápido e xa chegou o nadal ao instituto. Aproveitamos a hora de titoría de 3ºESO para decorar a aula REUTILIZANDO periódicos atrasados e cada alumno e alumna elaborou unha bola con refugallos.

Os nosos mellores desexos para estas festas de Nadal e para o novo ano 2023! 

foto nadal

3ºC no Nadal. Marta Coria. CC BY-SA

Exposición SEN CANCELAS

Contamos coa oportunidade de ter dende o 14 de decembro ao 9 de xaneiro no IES Xoán Montes a exposición itinerante SEN CANCELAS. MEMORIAS DO ARCO DA VELLA EN GALICIA, organizada polo Consello da Cultura Galega e a Consellería de Emprego e Igualdade. Trátase dunha exposición itinerante que fai un percorrido histórico e conceptual sobre a diversidade sexual e de xénero para visibilizar a súa realidade e a súa loita pola igualdade de dereitos, esencial para construir unha sociedade libre e plena.

Dende o Equipo de Acollida queremos traballar en prol da inclusión de toda a diversidade e creemos que, como sociedade plural que somos e para sentirnos completos, é beneficioso plantar sementes de respecto e tolerancia na nosa comunidade educativa.

Portada da exposición. Senén Olano.

Podes consultar máis fotografías da exposición premento aquí.

Distribuir contido


by Dr. Radut