Curso 2018-2019

CONFERENCIA AO ALUMNADO DA EEPE DE DOUS EX-DEPUTADOS DO PARLAMENTO GALEGO: PAULA JANZA E XULIO PARDELLAS

O pasado venres 29 de marzo o IES Valle Inclán recibiu a visita de dous ex deputados do Parlamento Galego, Paula Janza Muñiz e Xulio Pardellas de Blas. 

Paula Janza foi  Deputada do Partido Popular pola provincia de Pontevedra na VI lexislatura, a partir do 18 de xuño de 2002, substituíndo a María Martín Alonso. Presidenta da Comisión non Permanente para a Igualdade e os Dereitos das Mulleres e ponente da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, a primeira lei galega de igualdade.

Xulio Pardellas foi Deputado do PSdeG pola provincia de Pontevedra na II lexislatura.  Aparte do seu paso polo Parlamento, tivo cargos de responsabilidade na Consellería de Pesca, como o de director do Centro de Información Pesqueira e Marisqueira.

A actividade tivo como obxectivo que o alumnado da Escola Embaixadora do Parlamento Europeo poidese coñecer de preto o traballo que se desenvolve no Parlamento de Galicia. De feito, os dous explicaron ao alumnado as funcións da cámara autonómica, a súa composición e órganos, e contestaron ás preguntas do alumnado asistente. A charla complementouse cunha proxección audiovisual, que amosou un percorrido pola realidade da principal institución política de Galicia.

Pincha na información do Diario de Pontevedra para ver máis fotografías.

A PRESIDENTA DO CONGRESO ANA PASTOR IMPARTE UNHA CONFERENCIA SOBRE MULLER E POLÍTICA NO MARCO DA EEPE

Este venres 22 de marzo a Presidenta do Congreso Ana Pastor Julián impartiu unha conferencia sobre muller e política ao alumnado da Escola Embaixadora do Parlamento Europeo no paraninfo do Centro.

A Presidenta do Congreso falou da súa experiencia como muller na política e os obstáculos que tivo que sortear para chegar onde está. Unha situación que vai cambiando, en 1908 non había mulleres no Congreso e nesta última lexislatura chegaron ao 40% de deputadas e senadoras, un logro que se debeu principalmente á Constitución que recoñeceu a igualdade entre homes e mulleres. E aínda así queda camiño por percorrer, as mulleres traballan sete horas máis á  semana que os homes, empregan o doble de horas no coidado dos fillos e nas tarefas da casa, existe unha fenda salarial do 14,2% respecto aos homes e temos unha das peores lacras da actualidade: a violencia machista pola que morreron 984 mulleres entre enero de 2003 e marzo de 2019.

Ana Pastor rematou sinalando a súa concepción da política que para ela é a "búsqueda de solucións", con diálogo, empatía, tolerancia e cercanía. Defender as nosas ideas sen insultar nin ofender aos demais.

 

 

A continuación tedes diferentes ligazóns dos medios de comunicación que recolleron a noticia.

Edición dixital do Faro de Vigo

Cadena Ser

Edición dixital da Voz de Galicia

C:\Users\USUARIO\Downloads\20190323_110932.jpg

 

PROCESO DE ADMISIÓN E MATRÍCULA IES VALLE INCLÁN CURSO 2019/2020

No seguinte documento tedes a información sobre o proceso de admisión no curso 2019/2020 no IES Valle Inclán (Normativa, prazos, vacantes, sorteo da letra para o desempate e criterio complementario de admisión).

DELIMITACIÓN DAS ÁREAS DE INFLUENCIA DO IES VALLE INCLÁN ESO - MAPA (Zona marcada entre as liñas azuis)

DELIMITACIÓN DAS ÁREAS DE INFLUENCIA DO IES VALLE INCLÁN ESO - TEXTO 

DELIMITACIÓN DAS ÁREAS DE INFLUENCIA DO IES VALLE INCLÁN BACHARELATO - MAPA (A nosa zona preferente é a B).

DELIMITACIÓN DAS ÁREAS DE INFLUENCIA DO IES VALLE INCLÁN BACHARELATO - TEXTO

 

RECITAL DE POESÍA ALUMNADO DE 3º E 4º DE ESO

Este xoves 21 de marzo o alumnado de 3º e 4º de ESO como actividade de titoría levou a cabo na biblioteca do Centro un recital de poesía en galego, castelán, francés e inglés. Xohana Torres, Walt Whitman, Rosalía de Castro, Jacques Prévert e Claudio Rodríguez Fer foron os autores recitados. Pincha na imaxe para ver a información publicada na edición dixital do Faro de Vigo.

ENCONTRO DO ALUMNADO DE 4º DE ESO COA ESCRITORA MARÍA SOLAR, AUTORA DOS NENOS DA VARÍOLA

Este mércores 20 de marzo o alumnado de 4º de ESO tivo un encontro coa escritora e xornalista María Solar no Teatro Principal, organizado pola editorial Galaxia en colaboración coa delegación do CSIC de Galicia en formato de conversas entre Ciencia e Literatura". A charla centrouse arredor da novela "Os nenos da varíola", na que narra a historia duns nenos que sacados dos seus hospicios, levaron nos seus corpos a vacina da varíola a América nunha expedición organizada polo doutor Balmis e na que unha muller, Isabel Zendal, xogará un papel fundamental.

O SABOR DA AVENTURA ESTÁ NO MAR: VISITA DO ALUMNADO DE 1º DE ESO Á LONXA DE PORTONOVO

Dentro do marco do plan proxecta que levan a cabo os departamentos de Bioloxía e Educación Física, o alumnado de 1º de ESO do Centro visitou a lonxa de Portonovo para realizar a actividade: "O sabor da aventura está no mar". O alumnado estivo acompañado pola Conselleira do Mar, Rosa Quintana e ao longo do mañá os nosos estudantes puideron afondar en como se desenvolve a actividade nos portos, a venda nas lonxas, a comercialización nos mercados e a importancia para a saúde de consumir produtos do mar. Pincha na imaxe para ver máis fotografías da visita e nas seguintes ligazóns para ver como recolleron diferentes medios a actividade.

Nota de prensa da Xunta de Galicia

Artigo do 16 de marzo publicado en Pontevedra Viva

Artigo do 16 de marzo publicado na edición dixital da Voz de Galicia

Artigo do 16 de marzo publicado na edición dixital do Faro de Vigo

 

CLUB DE DEBATE 2019 ZONA DE PONTEVEDRA

O pasado martes 12 de marzo tivo lugar no Pazo da Cultura o club de debate da zona de Pontevedra, no que participaron sete equipos dos Institutos IES Valle Inclán, IES Sánchez Cantón, IES Luis Seoane, IES Mendiño de Redondela e Colexio San Narciso de Marín. O club de debate está organizado por once concellos galegos a través dos seus servizos de normalización da lingua para favorecer o emprego da lingua galega en rexistros formais. O tema do debate desta edición era "Hai racismo e xenofobia en Galicia".

Todos os equipos participaron en dous coloquios, nun defendían argumentos a favor e noutro ideas en contra. O noso Centro obtivo un meritorio terceiro posto. O equipo do noso Centro estivo formado polo seguinte alumnado de 1º de Bacharelato: Xacob Álvarez Rey, Lucía Armada Gallego, Rodrigo González Mantuano, Pablo Lorenzo Mezquita, Irene Rodríguez Ríos e Sabela Rodríguez Ríos. O coordinador e o editor do vídeo que podedes ver a continuación, foi o xefe do departamento de Dinamización Lingüística Francisco Suárez. 

 

ENTROITUS IN VALLE EST 2019 IES VALLE INCLÁN

O pasado venres 1 de marzo celebrouse o entroido no IES Valle Inclán cunha gran participación de alumnado e profesorado. Organizáronse tres concursos por niveis (1º e 2º de ESO, 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato). 

En 1º e 2º de ESO o gañador foi 1ºESO A con "Ladróns". Pincha na imaxe do gañador para ver todas as fotografías.

 

En 3º e 4º de ESO o gañador foi 4º de ESO A con "USA" . Pincha na imaxe do gañador para ver todas as fotografías.

 

En 1º e 2º de Bacharelato o gañador foi 1º Bach B con "O Olimpo", tema do disfraz "Mitoloxía". Pincha na imaxe do gañador para ver todas as fotos e os vídeos.

CARLOS BEN ARRIBÍ E LARA SAN MARTÍN SUÁREZ RECOLLERON OS SEUS PREMIOS EXTRAORDINARIOS DE BACHARELATO DO CURSO 2017-2018

Os ex-alumnos do Centro Carlos Ben Arribí e Lara San Martín Suárez recolleron a semana pasada en San Caetano, os seus Premios Extraordinarios de Bacharelato que otorgou a Consellería de Educación correspondentes ao curso 2017-2018 (20 premios para toda Galicia). Os nosos parabéns aos premiados e moito ánimo para continuar esta excelencia académica no ámbito universitario.

 

CARTEL ESCOLLIDO PARA A CONMEMORACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA (8 MARZO) NO CENTRO

O alumnado de 1º de Bacharelato de Debuxo Artístico coordinado polo seu profesor Isidro Cortizo, e promovido polo equipo de Biblioteca e de EDLG, participou no Concurso do deseño do cartel do día 8 de marzo 2019 "Día internacional da muller",convocado pola Secretaría Xeral de Igualdade  e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. O cartel seleccionado no Centro foi elaborado por Fernando Búa Domínguez de 1º de Bach. D e María Gamallo Martínez, Andrea Gómez Taboada, Laura Otero Jiménez e Claudia Peón Pena de 1º Bach. E.

NOELIA REY ACADA O NOVENO POSTO NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE BAILE YOUTH STANDARD

A alumna de 1º de Bacharelato E Noelia Rey acadou o noveno posto no Campionato de España de baile, celebrado en Oropesa del Mar o fin de semana do 23 e 24 de febreiro, na categoría Youth Standard. Parabéns á nosa bailarina.

                 

VISITA AO PARLAMENTO GALEGO

O pasado martes 26 de febreiro 100 alumnos de 4º de ESO e 20 de Bacharelato visitaron o Parlamento Galego e poideron ver o hemiciclo mentras estaban en pleno. O alumnado recorreu as diferentes estancias e coñeceu de primeira man onde traballan e que fan os nosos deputados galegos. Tamén conversaron con Patricia Vilán do grupo Socialista e con Lupe Murillo do grupo popular, ambas deputadas e antigas alumnas do centro.Pincha na imaxe para ver máis fotografías.

REVISTA DIXITAL DO ALUMNADO DA ESCOLA EMBAIXADORA DO PARLAMENTO EUROPEO QUE VIAXOU A BRUSELAS

A continuación tedes a revista dixital elaborada cos artigos realizados polo alumnado da Escola Embaixadora do Parlamento Europeo do curso 2017-2018 que viaxou a Bruselas invitados polo eurodiputado José Blanco. Tamén podedes ver un vídeo-resumo coas fotos da viaxe.

 

CELEBRACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA 24 DE FEBREIRO: "LIBRE O MEU PENSAMENTO"

O pasado venres 22 de febreiro celebramos o día de Rosalía de Castro no Centro baixo o lema "LIBRE O MEU  PENSAMENTO". Alumnado de 1º de ESO realizou un acróstico vivo con textos da escritora na biblioteca, alumnado de 4º de ESO púxolle voz ao manifesto da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega no día de Rosalía de Castro 2019 de Ana Romaní, e ademais alumnado de 1º de Bacharelato representou unha manifestación con pancartas que recollían versos de Rosalía relacionados con titulares de prensa actuais. Nos seguinte vídeos podedes ver ditas actividades.

 

  

CHARLA DA ESCRITORA ANA ALCOLEA CO ALUMNADO DE 1º E 2º DE ESO

Este xoves 23 de febreiro a escritora Ana Alcolea, (ten entre outros galardóns o premio Cervantes Chico, VIII premio Anaya de Literatura Infantil e Xuvenil, white ravens 2012, CCEI 2012) tivo un encontro en dúas sesións, co alumnado de 1º e de 2º de ESO na biblioteca do Centro. A experiencia resultou un éxito tanto pola amenidade da conferenciante como polo excelente comportamento e participación do alumnado.

Pincha neste collage para abrir o blogue da escritora e na fotografía inferior para ver máis imaxes da charla. 

 

Distribuir contido