O noso centro acolleu onte, xoves 21 de novembro, unha charla sobre os usos e perigos das novas tecnoloxías na infancia e na mocidade aberto ás familias dos colexios Manuel Padín Truiteiro e Pontesampaio e mais o instituto de Soutomaior.
A charla “Uso responsable das novas tecnoloxías” foi impartida por Ana Salorio Fernández, profesora de Tecnoloxía no ensino secundario especializada nos usos das novas tecnoloxías por parte da xente nova. A exposición da docente tivo continuidade nun coloquio aberto ás nais e aos pais asistentes e abordou o gran potencial educativo, comunicativo e de lecer das novas tecnoloxías, pero tamén o seu uso inadecuado ou abusivo, que pode ter consecuencias moi negativas nas mozas e nos mozos.
Con este acto, apoiado polo Centro de Formación e Recursos da Consellería de Educación en Pontevedra, presentouse publicamente o Proxecto Intercentros, unha rede de colaboración que terá continuidade ao longo do curso con diferentes iniciativas orientadas ao alumnado, ás familias e ao profesorado dos tres centros. Para o curso 2019-2020, esta iniciativa ten como obxectivos organizar actividades formativas para as familias dos tres centros como base para unha Escola de Nais e Pais estable no futuro; fomentar a integración do alumnado de 6º de Primaria no IES a través de actividades conxuntas; e elaborar un plan de traballo común que fomente o intercambio de experiencias entre o alumnado e o profesorado dos tres centros.