Skip to Content

Falemos de ti e min, Premio Mil Primaveras a proxectos de posta en valor e fomento do galego

O proxecto integrado de centro Falemos de ti e min: A cultura galega desde unha perspectiva integradora que se desenvolveu no noso IES durante este curso académico 2018-2019 vén de ser recoñecido na I Edición dos Premios Mil Primaveras na categoría "proxecto novo".

Estes galardóns, creados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), teñen como finalidade valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua. O xurado destacou na súa resolución que Falemos de ti e min é un proxecto interdisciplinar que se desenvolveu durante todo o curso, que se dirixe a todo o alumnado e que é transversal pois implicou a todos os departamentos didácticos con actividades comúns e específicas a todos os niveis traballando con múltiples produtos finais e en formatos diferentes.

Ademais, valorou moi positivamente que a promoción da lingua se asocie con outros valores e causas sociais xustas, como a igualdade de xénero e a defensa da diversidade sexual, funcional e cultural, xa que se baseou en catro eixos de contidos: lingua galega, manifestacións culturais galegas, perspectiva de xénero e diversidade sexual, funcional e cultural. O proxecto desenvolveuse ao longo de todo o curso e naceu como forma de traballo con continuidade nos vindeiros anos.

Nesta I Edición dos Premios Mil Primaveras, Falemos de ti e min acompaña na nómina de proxectos galardoados a iniciativas referentes na promoción do idioma como Youtubei@s, GCiencia, o Modelo Burela (IES Perdouro), o Desafío 48h (IES María Casares) e Eu Presumo do Galego (IES de Melide), que vos animamos a coñecer.

Estes premios non teñen dotación económica e consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega que terá lugar en Pontevedra o 21 de setembro.

Xa que logo, moitos parabéns a todo o alumnado e ao profesorado implicados polo traballo feito e o recoñecemento!

E Mil Primaveras máis para a nosa lingua!

Revista de prensa:

CTNL, Resólvense os Premios Mil Primaveras (26-06-2019).

Praza Pública, Seis proxectos que poden servir como modelo para asegurar 'Mil Primaveras' máis para a lingua galega (28-06-2019).

Cultura Galega, Fállanse os premios 'Mil primaveras' para poñer en valor a lingua (27-06-2019).

Sermos Galiza, Modelo Burela, Youtubeir@s e GCiencia, entre as gañadoras da primeira edición dos Premios Mil Primaveras (27-06-2019).

Nós TV, Youtubeir@s, GCiencia, Desafío 48h, Eu presumo de galego, Modelo Burela e Falemos de ti min, Premios Mil Primaveras da CTNL (27-6-2019).

GCiencia, GCiencia gaña o Premio Mil Primaveras ao fomento do galego (27-06-2019).



book | by Dr. Radut