Skip to Content

Pepa e Moncho, unha historia de amor romántico... de premio!

Comunicatedu

Un equipo do noso instituto, formado por Judith Domínguez, Alejandro Gómez, Xiana Herrero e Marta Reguera, vén de gañar o 1º premio do certame de oratoria ComunicaTedu 2019 na categoría de Bacharelato cun discurso sobre os mitos do amor romántico. Acompañadas polo alumnado da materia "Obradoiro de Habilidades Comunicativas", o martes 28 de maio acudiron a un acto público que tivo lugar no Museo do Gaiás na Cidade da Cultura e alí tiveron que defender enriba do escenario o traballo que previamente enviaran en formato vídeo para sometelo á avaliación previa do xurado.

Non só o fixeron moi ben e cun aplomo digno dos mellores oradores e oradoras, senón que mesmo melloraron a gravación e os ensaios feitos durantes os días anteriores no IES, pero agora diante dun xurado e un público que recoñeceron a calidade da súa intervención.

Dende aquí queremos recoñecer o seu traballo pola súa calidade (no texto, na posta en escena, na capacidade comunicativa...) e aproveitamos a ocasión para agradecerlles publicamente a súa implicación en todas as iniciativas que se están desenvolvendo ao longo deste curso no centro. É un orgullo para todas e todos nós que representedes tan ben o noso instituto.

Esta edición do concurso propuña abordar a igualdade e a prevención da violencia de xénero dende unha perspectiva moi ampla para que o alumnado participante concretase un tema e elaborase un discurso logo dunha fase de investigación. O equipo de Soutomaior desenvolveu unha exposición oral na que representou de maneira crítica os estereotipos e prexuízos existentes na sociedade arredor do chamado “amor romántico”. Fronte a esta concepción do amor, apostaron por relacións sas nas que prima o equilibrio e a reciprocidade e nas que a muller desenvolve plenamente a súa vida sen depender, nin emocionalmente nin doutro modo, da súa parella.

Aquí vos deixamos o vídeo gravado para a fase clasificatoria e as imaxes do acto á espera de que a organización publique a intervención feita o pasado martes.

A nova na prensa:

Os alumnos do IES de Soutomaior gañan o concurso galego de oratoria escolar (Faro de Vigo, 29-05-2019).

Cicerones adolescentes contra a violencia de xénero (Faro de Vigo, 29-05-2019).

Un dez en Oratoria (Faro de Vigo, 29-05-2019).

Centros de Castroverde, Soutomaior e Pontevedra gañan o certame de oratoria Comunicatedu (Consellería de Educación, 28-05-2019).



book | by Dr. Radut