Skip to Content

A Panadaría e Mercedes Peón, dúas citas coa cultura galega máis transgresora e aclamada da actualidade

O martes 14 de maio o Proxecto Falemos de ti e min fixo posible que o alumnado do noso IES coñecese de preto dúas das propostas artísticas máis innovadoras, recoñecidas e internacionais da cultura galega actual. Dúas propostas que falan dunha cultura moderna, ecléctica, viva e rompedora, transmisoras ademais dunha mensaxe de compromiso coa igualdade, a diversidade sexual, a lingua e a tradición, principios nucleares deste proxecto integrado que se desenvolveu nos últimos meses no noso centro.

Pola mañá, o alumnado de 4º da ESO e de 1º de BAC desprazouse á Casa da Cultura Regina Míguez Doval para deleitarse coa representación da multipremiada obra de teatro Elisa e Marcela, realizada a cargo da compañía A Panadaría. Ao remate do acto, abriuse unha interesante sesión de coloquio coas actrices. Con elas puidemos coñecer con maior profundidade as persoas que forman A Panadaría. Tamén tivemos ocasión de intercambiar impresións sobre a obra representada e os valores que se transmiten.

Xa pola tarde, tivemos a visita de Mercedes Peón no noso centro. Baixo a presentación das alumnas Xiana, Cecilia e Judith, o alumnado de 1º de BAC puido recibir unha auténtica lección maxistral dunha das artistas máis importantes e recoñecidas do panorama musical galego actual. A sesión comezou cunha breve exposición realizada polas presentadoras, quen repasaron a traxectoria de Mercedes Peón. Logo, abriuse unha entrevista que rematou nun cómodo diálogo entre a artista e o público, quen puido coñecela de primeira man.

As crónicas e os álbums fotográficos destas dúas actividades están dispoñibles no blogue do Proxecto Falemos e na galería de imaxes da nosa páxina web:



book | by Dr. Radut