Skip to Content

(Tamén) falamos co corpo: a cara, os brazos e as mans na comunicación verbal

Baixo este suxerente título, Aitor Rivas, profesor de ensino secundario e especialista en linguaxe non verbal e análise do discurso oral, campos nos que centra as súas investigacións na Universidade de Vigo, mantivo unha animada charla co alumnado de 1º Bacharelato B na tarde do pasado 23 de abril.

Esta actividade, organizada polo Departamento de Lingua Galega para o alumnado da materia Obradoiro de Habilidades Comunicativas, tiña como finalidade coñecer as características básicas da linguaxe non verbal coa intención de mellorar a competencia dos estudantes neste tipo de comunicación, sobre todo, no ámbito público. O profesor analizou o comportamento xestual dos homes e as mulleres, dende o conxunto de sinais e movementos corporais (extremidades, cara, mans, testa, ollos...) ata a distancia entre os corpos, o contacto visual ou a postura.

Así mesmo, deu pé aos rapaces e as rapazas a facer pequenas probas de interpretación dos xestos e das emocións e intencións que encerran, así como suscitou a reflexión do grupo en torno a se existen expresións universais, en relación á expresión da vergoña, sobre a relación dos xestos coas emoticonas, etc. Finalmente, ofreceu un decálogo de consellos para mellorar a comunicación non verbal.



book | by Dr. Radut