Miré los muros del teatro mío, si un tiempo fuertes ya desmoronados de la carrera de la edad vencidos...
Cando Quevedo compuxo os versos que inspiran o título desta entrada aínda non fora construído o Teatro Principal de Tui. Hai que esperar aos anos centrais do século XIX para que o clamor da cidadanía tudense desemboque na subscrición popular que recadou fondos para facer posible a edificación teatral cuxas ruínas vemos hoxe.
Este ano cúmprese medio século desde a última función no teatro que, reconvertido en cinema, cesou a súa actividade en 1972. Tamén se cumpren 180 anos do movemento social que fixo posible a súa construción por subscrición popular.
Canto máis teremos que esperar para que as centenarias pedras recuperen o vigor e uso para o que foron ciceladas e non teñamos que recordar, á vista das fotos que presentamos, os últimos versos do soneto de Quevedo arriba citado:
y no hallé cosa en que poner los ojos
que no fuese recuerdo de la muerte.?
Non hai tempo que perder. Na actualidade non se pode pasar do vestíbulo do teatro, conxestionado polos entullos procedentes do teito derrubado. Cómpre xa poñerse mans á obra, sen máis requilorios nin demoras.
Sería unha magnífica contribución ao Día Internacional do Teatro o inicio da recuperación deste emblemático espazo teatral tudense.
Máis información sobre o teatro premendo aquí.
E neste outro enlace atoparás unha das últimas novas xornalísticas onde se lanza un novo SOS para evitar a súa desaparición definitiva.