Skip to Content

tui

Miré los muros del teatro mío, si un tiempo fuertes ya desmoronados de la carrera de la edad vencidos...

Cando Quevedo compuxo os versos que inspiran o título desta entrada aínda non fora construído o Teatro Principal de Tui. Hai que esperar aos anos centrais do século XIX para que o clamor da cidadanía tudense desemboque na subscrición popular que recadou fondos para facer posible a edificación teatral cuxas ruínas vemos hoxe.

Este ano cúmprese medio século desde a última función no teatro que, reconvertido en cinema, cesou a súa actividade en 1972. Tamén se cumpren 180 anos do movemento social que fixo posible a súa construción por subscrición popular.
Canto máis teremos que esperar para que as centenarias pedras recuperen o vigor e uso para o que foron ciceladas e non teñamos que recordar, á vista das fotos que presentamos, os últimos versos do soneto de Quevedo arriba citado:
y no hallé cosa en que poner los ojos
que no fuese recuerdo de la muerte.?
Non hai tempo que perder. Na actualidade non se pode pasar do vestíbulo do teatro, conxestionado polos entullos procedentes do teito derrubado. Cómpre xa poñerse mans á obra, sen máis requilorios nin demoras.
Sería unha magnífica contribución ao Día Internacional do Teatro o inicio da recuperación deste emblemático espazo teatral tudense.

Máis información sobre o teatro premendo aquí.

E neste outro enlace atoparás unha das últimas novas xornalísticas onde se lanza un novo SOS para evitar a súa desaparición definitiva.

O noso teatro

No día do teatro queremos lembrar, unha vez máis a riqueza teatral da nosa cidade.

Tui ten dous teatros: o teatro municipal que alberga o edificio "Francisco Sánchez" ou "Área Panorámica", en activo, e o Teatro Principal, testemuña ruinosa do noso pasado teatral que acolleu actos tan sobranceiros como a celebración dos Primeiros Xogos Florais de Galicia desenvolvidos integramente en galego o 24 de xuño de 1891, coa participación de  Manuel Murguía, Alfredo Brañas, Salvador Cabeza de León, Juan Barcia Caballero ou Manuel Lago González, futuro bispo de Tui e arcebispo de Compostela.

Da súa dilatada historia desde os máis gloriosos fastos vividos ata os seus usos máis anódinos fálanos unha recente publicación do historiador Suso Vila: O teatro de Tui, unha axeitada proposta lectora para este día do teatro; moi ilustrado; seguro que bastantes tudenses atoparán caras coñecidas e todos faremos un estupendo exercicio de memoria para valorar e reivindicar a resurrección destas pedras centenarias, hoxe,  ai dor!, campos de soidade, murchos muros... 

1 de abril: Día das Artes Galegas

Hoxe, en plena corentena, non esquecemos que é o Día das Artes Galegas. O homenaxeado este ano é o arquitecto, entallador ecartel retablista Domingo Antonio de Andrade; moitas das súas obras, espalladas pola xeografía galega, podemos contemplalas en Oseira, Lugo, Ourense ou Compostela. Mais tamén a episcopal Tui bebeu do seu maxisteiro.

Corría o último terzo do século XVII é a igrexa conventual das monxas clarisas, construída nos terreos dos antigos pazos do bispo, inmediatos ao templo de Santa María da Oliveira, ameazaba ruína. Proxéctase, pois, a erección dunha nova igrexa da que se encargarán os canteiros Benito de Pintos (de Marcón, parroquia próxima a Pontevedra) e Manuel González (de Santa Cristina de Cobres, Vilaboa) e o entallador Esteban Cendón (de Pontevedra) seguindo -e aquí ven a conto o arquitecto ceense hoxe lembrado- unha traza de Domingo Antonio de Andrade. Por iso, o noso cartel para esta conmemoración presenta unha vista interior de esa construción que se el non dirixiu de xeito persoal si alentou e inspirou.

E rematamos cunha curiosa faceta deste singular arquitecto no seu papel de asesor político-militar ao servizo de Ginés Fernández Ruiz de Castro, XI Conde de Lemos. Nunha carta secreta explícalle a fórmula para a fabricación de bombas que "co que se lles pon dentro, causan peste". Esta incipiente bomba bactereolóxica debería elaborarse da seguinte maneira: "O primeiro cóllense sapos, píntegas, cobras e víboras (en proporción á cantidade que se queira facer) que se han de botar nunha pota e ben tapadas cun testo ben pechado por todas partes, coa finalidade de que non salga fume. Póñense nun forno a lume lento para que se fagan pos, e que non perdan con demasiado lume o que teñen da súa natureza e despois axitánse eses pos sen destapalos". Con este material cargaríase a bomba que se lanzaría "contra mouros e herexes" para causar a peste. Noutra misiva, hoxe perdida, informaba dunha posible vacina para neutralizar os efectos perniciosos desta bomba, rudimentario antecedente das armas químico-bacteriolóxicas. Este arquitecto barroco sería quen de atopar un antídoto contra o COVID-19?

Fontes: 

http://dbe.rah.es/biografias/14729/domingo-antonio-lopez-de-andrade

https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/tui-mantiene-muy-viva-la-huella-del-franciscanismo/idEdicion-2015-01-04/idNoticia-908902

https://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/gallego-ideo-guerra-quimica/idEdicion-2009-10-04/idNoticia-473688/

 

 

Pestes en Tui

Nos actuais tempos de pandemia queremos lembrar algunhas outras pestes que, ao longo da historia de Tui, nos asolaron e como os nosos devanceiros as enfrontaron porque nisto como en tantos outros aspectos da vida, tal como dixo Unamuno no soneto "Nihil novum sub sole":

vanas ilusiones; á un porvenir marchamos
que fué gastado ya por otros; no me atrevo
con engaño á guiar tu vida; tropezamos

con el pasado al avanzar, todo es renuevo;
los en brote y los secos son los mismos ramos
lo que ha de ser ha sido ya, nada hay de nuevo.

E facemos esta lembranza acudindo á entrada "As pestes en Tui" do blog Tudensia

https://tudensia.blogspot.com/2020/03/as-pestes-en-tui.html

 

Efeméride histórica en tempo de pandemia

En medio deste encerro non deixemos pasar esta efeméride: nun día como hoxe, o 24 de marzo de 1.170 (cúmprense 850 anos), o rei Fernando II concede a Tui e aos seus habitantes diversos privilexios e reordena o espazo territorial da cidade, unha decisión que incidiu de xeito decisivo no devir histórico da nosa cidade.

No blog Tudensia tendes información sobre o contexto histórico e o contido deste documento que se custodia no arquivo histórico-diocesano de Tui:

http://tudensia.blogspot.com/2020/03/viii-kalendas-aprili-24-de-marzo-850.html

 

XORNADA DE XOGOS DE MESA - 20 decembro

Da man do noso Club de Manga e Anime TUITAKU, o vindeiro venres teremos as III Xornadas de Xogos de Mesa e de cartas.

Unha ducia de direfentes xogos estarán espallados polas mesas do centro para que poidades coñecelos e, por suposto, xogalos. Non é necesario saber xogar xa que os monitores do Tuitaku vos explicarán as reglas e como é o xogo.

Pasade pola Vicedirección para vos inscribir nos xogos!


 
Distribuir contido


by Dr. Radut