Miguel Vega, segundo español máis talentoso na Bolsa

Miguel Vega López, alumno de 2º de Bacharelato, acaba de proclamarse subcampión do VIII concurso Talento na Bolsa. Esta competición ten como patrocinadores a “Renta4banco” e ao “Instituto de Estudios Bursátiles” (IEB), formando parte do Plan de Educación Financeira elaborado pola CNMV e o Banco de España. O seu obxectivo é buscar e premiar o talento sostible, xa que procura demostrar que os investimentos en Bolsa poden ser sostibles, seguros, socialmente responsables e que axuden a xerar coñecemento real das finanzas. Ademais, con este concurso preténdese contribuír á mellora da cultura financeira do alumnado de bacharelato, dotándolles de ferramentas, habilidades e coñecementos para adoptar decisións financeiras informadas e apropiadas ao longo da súa vida.

O primeiro clasificado neste concurso obtivo unha rendibilidade do 49%, recaendo a segunda posición en Miguel Vega López, alumno do IES Río Cabe, cunha rendibilidade do 36,87 %. Ao redor de 600 alumnos/as de bacharelato de toda España participaron na edición deste ano. Os premios repártense entre os oito primeiros clasificados e consisten en cheques para realizar compras en amazon ademais de bolsas para estudar no IEB, concretamente Miguel, como 2º clasificiado, recibiu unha tarxeta de 250 euros, unha bolsa do 50% para cursar un grao ou un máster universitario e un diploma acreditativo do posto alcanzado.

Ao longo do xogo da bolsa, que durou do 18 de outubro ao 20 de decembro de 2022, os alumnos de bacharelato competiron entre si para tentar obter a maior rendibilidade e a carteira de investimento mellor valorada ao final do prazo, seguindo os parámetros reais do mercado bolsista español. Desta forma, os participantes deberon obter a máxima rendibilidade dun capital ficticio de 30.000 euros co que partían ao comezo deste xogo. Neste sentido, e segundo recollían as bases do concurso, os ‘bróker’ ficticios puideron realizar as operacións que considerasen oportunas coa cantidade que tiñan asignada en valores do Ibex35 e do Mercado Continuo Español.