Pequena semblanza de Ricardo Mella Cea. Por Antonio Giráldez Lomba
Ricardo Mella Cea naceu en Vigo o día 23 de abril de 1861, no seo dunha modesta familia de artesáns. O seu pai, sombrereiro de profesión, militaba nas filas do militarismo federal e educou o seu fillo nestas ideas, dándolle a ler, segundo confesión propia, "todos os periódicos, revistas e libros que entón prodigaba o triunfante federalismo". Educouno, ademais, na devoción polo máximo difusor destas ideas, don Francisco Pi y Margall.
Anuncio da sombreirería do pai de Ricardo Mella.
O Semanario "La Propaganda" tiña neste local da Porta do Sol a súa redacción.
A identificación cos ideais do seu pai (Jose Antonio Durán dinos que Mella sempre reiterou a súa admiración por seu pai, "mi buen padre") e o ambiente de Vigo, cidade mercantil que naqueles tempos non coñecía experiencias políticas máis extremas que as republicano-federais, son os factores que explican o seu ingreso ós 16 anos no partido de Pi y Margall. Do que pronto foi o seu Secretario en Vigo.
Empezou a traballar desde mozo nunha axencia marítima da nosa cidade e alí tomou contacto co problema da emigración, o éxodo do pobo galego, problema que constituiu o tema do seu primeiro ensaio.
Deu a coñecer as primeiras mostras do seu inconformismo nunha folla da pontevedresa, "El Estudiante", pero pódese
dicir que foi no ano 1881, contando 20 de idade, cando se iniciou como periodista colaborando nunha publicación quincenal chamada "La Verdad", portavoz do núcleo demócrata vigués. Dende esta publicación arremeteu contra a política caciquil e os seus efectos en Galicia. Aquel ano de 1881 comezaba de feito a aplicarse en España "o turno formal", a alternacia no poder pactada polos líderes dos dous partidos principais dentro do sistema político deseñado por Cánovas, tendo no caciquismo uns dos aspectos máis nefastos deste sistema. As consecuencias do ton polémico dos artigos de "La Verdad" non se fixeron esperar e en xuño daquel ano Mella viuse envolto nunha querella de "inxurias graves" interposta polo político conservador, exministro de Ultramar e Marqués do Pazo da Merced, Jose Elduayen, a raíz da publicación por Ricardo Mella dun rumor que
relacionaba ó caquice pontevedrés cun desfalco descuberto no Banco Nacional, do que fora director. En realidade, este díxomedíxome difundírano outros periodicos republicanos (como "El Anunciador" de Pontevedra, e "La Concordia" de Vigo), pero foi Mella quen precisou e reelaborou a información.
Nun lugar central do cemiterio civil de Pereiró levántase o mausoleo, obra de Asorey, cos restos de Ricardo Mella e da súa compañeira de tódala vida, Esperanza Serrano.
En abril de 1882, a Audiencia Territorial da Coruña dictou sentencia contra o noso persoeiro e esta fíxose pública en novembro dese ano: Ricardo Mella era condenado a catro anos e tres meses de desterro e a unha multa de 625 pesetas, sentencia que sería rebaixada meses máis tarde a tres anos e sete meses de desterro e a 200 pesetas de multa.
Pero antes de tomar o camiño do exilio, e durante o tempo de espera entre a denuncia , en xuño de 1881, e a sentencia, en novembro de 1882, Mella cambiou o seu rumbo político hacia o anarquismo. Os primeiros signos deste cambio podémolos apreciar na súa etapa de director de "La Propaganda", semanario que fundou en xullo de 1881 en Vigo xunto con outros mozos federais, e que tiña a redacción na sombreirería do seu pai.
Cabeceira de "La Propaganda"
Este semanario fíxose popular entre o proletariado pola súa crítica ó sistema de cupos e redencións en metálico que regulamentaban o vixente servicio militar, e sobre todo, pola súa defensa a favor da participación política da clase obreira.
Cando algúns días antes de recibir a noticia da súa condena Mella asistía en Sevilla , en representación da Federación Local Libertaria de Vigo, ao II Congreso da Federación Regional de Trabajadores Españoles (F.R.T.E.), en setembro de 1882, xa era un anarquista.
Aínda que parecía ter sido perdoado por Elduayen, Ricardo Mella tomou o camiño do desterro en 1883 e elixíu como
lugar de residencia Madrid. Alí fortaleceu a súa amizade, xa iniciada no citado congreso sevillano, co director da "Revista Social", Juan Serrano Oteiza. Esta amizade, ademais de influír no seu pensamento, confirmándoo no anarquismo, influíu de forma fundamental na súa vida ó acabar casando con Esperanza Serrano, a súa compañeira de toda a vida e filla do director
da "Revista Social". Ademais de darse a coñecer como escritor nesta revista, a familia Serrano impulsouno e apoiouno para que estudiase Topografía, o que lle permitiu gañar unha oposición e ser destinado a Sevilla. Cumpriase así unha das súas ilusións :vivir en Andalucia e palpar a experiencia do anarquismo andaluz que tanto o impresionara. De Andalucia chegou a escribir que "es la tierra de la mayor riqueza y de la mayor miseria y pobres y ricos viven en una tensión nerviosa que los conduce frecuentemente a la mas brutal tiranía de un lado y a la sedición constante del otro".
Foi durante a súa etapa andaluza cando comezou a brillar decididamente como pensador teórico dun anarquismo contrario á violencia, escribindo ensaios e colaborando en revistas e periódicos. Tamén en Andalucia comezou a cargarse de fillos a súa familia: Esperanza habería de criar unha ducia nún periodo de vintecinco anos.
Cando en 1895, en plena madurez, ós 34 anos , regresou a Vigo, Ricardo Mella era un propagandista extraordinariamente coñecido e respectado no mundo ácrata e obreiro da época. En 1895, á chegada de Mella, Vigo contaba cun elemento obreiro, de marcado carácter socialista, que comezaba a manifestarse en activo. Ese mesmo ano os canteiros de Vigo, o núcleo máis organizado, mantivo unha folga por motivos salariais, que acabou exitosamente para os folguistas. Desconectado do obrerismo máis inmediato, mantivo desde a nosa cidade as súas colaboracións, sempre moi demandadas, coas principais publicacións anarquistas da época.
Cabeceira de "El Corsario", órgano de expresión da Federación Coruñesa de Traballadores, no que tantas veces colabourou Ricardo Mella.
Dous anos despois da súa chegada a Vigo, desde 1897 e ata 1899, Ricardo Mella, que seguía exercendo a súa profesión
de topógrafo, vivíu en Pontevedra, onde traballou na construcción do ferrocarril. Nesta cidade encontrámolo ligado ós combativos redactores de "La Unión Republicana", diario animado por xoves que xogarían papeis destacados na política radical lerrouxista anos máis tarde. Vémolo confraternizando coa esquerda obreira, republicana e socialista da cidade.
En 1900, tamén seguindo os azares da súa profesión de topógrafo na construcción do ferrocarrill, marchou a vivir a Asturias, onde residiría ata o ano 1910.
Aínda que nos primeiros anos do novo século as súas publicacións non foron tan numerosas, seguiu colaborando para
diferentes revistas de Madrid, Valencia e Barcelona, e a súa estancia en Gijón deixouse sentir, pola súa influencia, nas organizacións libertarias.
A raíz dos sucesos da "Semana Trágica", en xullo de 1909, en Barcelona, Mella volve con intensidade á tribuna periodística e ó ano seguinte, xa entrados en 1910, volve á súa cidade natal, onde fixa a súa residencia ata a súa morte. Volveu a Vigo chamado por Ramiro Pascual, que tiña o encargo de finalizar o plano da cidade e quería contar nesta tarefa coa competencia profesional do noso personaxe. Por outra parte, Martín Echegaray encargoulle a construcción da rede de tranvías eléctricos de Vigo e en 1914, cando quedou terminada a construcción da rede, Mella aceptou o posto de director xerente da compañía. A súa vida profesional quedou desde entón e ata a súa morte vinculada ós Tranvías de Vigo.
En canto ó seu ideario, aquel ano de 1914 comezaba a I Guerra Mundial, feito que provocou unha forte división entre os militantes do movemento anarquista, e dentro do movemento obreiro en xeral, entre aliadófilos e neutralistas.
Os neutralistas situáronse contra a guerra apelando ó internacionalismo e á fraternidade entre todos os proletarios e considerando a guerra como un conflicto entre intereses capitalistas de ambos bandos.
Ricardo Mella situouse entre os aliadófilos. Non resulta fácil entender desde a súa firme oposición á violencia irracional, que o levara de dicir que "la violencia en si misma es odiosa y por ella se habian constitutido todos los poderes y todas las tiranias", a súa aposta por un dos dous bandos. Ó fin e ó cabo esta guerra, como todas as guerras, era unha boa manifestación de esa violencia irracional que el condenaba. No fondo, Mella creu que unha victoria sobre os chamados "imperios centroeuropeos" (Alemania, Austria e Hungría) era unha victoria da liberdade e o progreso, representados neste caso por países máis tradicionalmente democráticos.
A súa tese belicista e de apoio explícito ó bando aliado e democrático quedou en minoría. A posición maioritaria do anarquismo español foi a neutralista e esto quedou patente no chamdo Congreso Internacional Anarquista contra a Guerra celebrado en segredo, en 1915, no Ferrol.
O triunfo da tese neutralista en 1915 marcou a retirada de Ricardo Mella da laoita activa. En 1922, cando o visita o anarquista Abad de Santillán, confesa que se sinte acabado para a loita, distante do anarquismo sindicalista, e que se sinte vello.
Tres anos despois daquela visita, e cando tiña 63 anos, morría na cidade que o viu nacer. Con el morría un dos últimos nomes do anarquismo clásico español, un anarquismo humanista que proclamou a quen o quixo oír ou ler unha forma de revolución que faría os homes máis libres, máis honrados e máis felices.
Ó enterro de Ricardo Mella asistíu case a octava parte de Vigo.
O 8 de agosto de 1925 a cidade enterraba a un home rebelde e, sen embargo, como dicia o poeta Antonio Machado, "en el
buen sentido de la palabra, bueno". Xa non podería alzarse o pico demoledor de Ricardo Mella alí "donde se levantaran muros al pensamiento". A súa bondade e a súa rebeldía quedaban a partir de entonces na nosa memoria, e incluso , o seu nome, dende o ano académico 1992-93 quedaba ligado ós azares do noso Instituto.
Extractado do Boletín del Instituto de Estudios Vigueses
Año IV-número 4-1998