Mella de corentena 1
Barbuza, Borralla, Chuvisca, Orballo, Patumeira, Poalla, Zarzallo, Ballón, Chuvascada, Xistra, Zarracina, Treboada, Escarabana, Pedrazo, Salabreada, Escambrar, Borraxeira, Brétema, Cegoña, Fuscallo, Nebra… Sabiades que os galegos temos máis de 100 palabras para designar a choiva?
Para min foi moi rechamante sabelo pero como di Elvira Fidalgo nun dos seus estudios “É lóxico que unha poboación que vive inmersa na choiva busque mil conceptos sacados das imaxes máis variadas para nomear aquilo que está presente na súa vida, e din que tamén no seu espírito“.
Hoxe levamos máis dun mes inmersos nunha situación nova para todas, que nos obriga a improvisar sobre a marcha, que fai abanear as nosas vidas e que afecta ó noso espírito. Co tempo atoparemos moitos máis de 100 vocábulos para describir o que pasou, porque existen milleiros de fogares distintos, dentro de cada fogar persoas moi diversas que cadansúa vive este momento ó seu xeito en función do seu entorno, características e necesidades.
Se teño oportunidade contareivos como o vivín eu pero agora vou comezar polo final e confesarvos como me gustaría que rematara todo isto.
Estou convencido que para moitas de vós este último mes está resultando moi duro, que precisades saír, facer deporte, ir ó parque, ó monte, á praia, estar coas vosas amizades, coa vosa parella, bailar, tomar algo nunha terraza, saír pola noite, ou simplemente respirar na rúa e se nos centramos nos problemas que temos pechados na casa o resto farase insoportable, por iso gustaríame focalizar en todo o positivo que podemos obter. Eu faría a seguinte proposta persoal sobre a que podedes reflexionar:
- - Quero ser consciente das miñas verdadeiras necesidades básicas, iso que si ou si preciso cada día, a saúde é a primordial e deseguido saber e sentir que os meus seres queridos están ben para ter a posibilidade de ofrecerlles cada día a miña mellor versión.
- - Quero ser un pouco máis sabio e non esquecer esta experiencia, un pouco máis sensible coas situacións do resto de habitantes do mundo, un pouco máis empático coa de xente que me rodea, en definitiva un pouco máis humano. Porque finalmente decátome que todos estamos vinculados, unidos dalgún xeito, dependemos uns dos outros e cando as cousas se torcen é innegociable apoiar os máis vulnerables.
- - Reafirmar os meus valores e o meu xeito de andar pola vida, confirmando que o ano pasado, hoxe e cando todo isto remate unha médica, a caixeira dun supermercado, unha profesora ou o persoal de limpeza son infinitamente máis importantes para min que personaxes coñecidas coas que os medios nos bombardean todos os días. Esas persoas anónimas son as que cada día deberían recibir o noso respecto e admiración.
- - Aínda que sexa un clixé moi sobado… Facer de cada xornada algo especial, aproveitar ó máximo a vida, erguerme cada mañá coa determinación de ser feliz porque a felicidade non é unha meta, en realidade é un estado, unha decisión que tomamos cada día.
En fin, está é a miña proposta pero gustaríame coñecer a vosa, saber de vós, ler como vos sentides, que necesitades, para percibirnos un pouco máis preto, recuperar unha parte do noso vínculo e entre todos atopar máis de 100 formas de entender esta pandemia.
Saúdos e saúde
Jacob Seijas