Skip to Content

Escolares, Xogade, 1º Curso, 2º Curso, 3º Curso, 4º Curso, 5º Curso, 6º Curso, Intercambio, Ciclo, Biblioteca, Complementarias, SonCine, Conmemoracións

VISITANDO ALLARIZ CO PROXECTO TERRA

02/06/2018

A semana pasada o alumnado de 3º de ESO e o de 1º de ESO que cursa a materia de Paisaxe e Sustentabilidade visitou Allariz, dentro do Proxecto Terra. Podedes ler máis no blog da biblioteca.

CELEBRACIÓN DA GRADUCACIÓN DE 2º DE BACHARELATO. CURSO 2017-2018

30/05/2018

Para o alumnado de 2º de Bacharelato, este foi un ano intenso, de incertidumes, de afrontar decisións que han de condicionar o seu futuro. Este sábado celebramos a súa graduación. Celebramos que pasaron connosco estes anos de formación e que comezan unha nova etapa. Foi un acto entrañable co alumnado, o profesorado e as familias. Uxía abriu o acto ao piano, Pablo, todo un cabaleiro, presetouno. Carmen, a persoa que fixo das aulas de bacharelato un espazo agradable, no que non faltaban xestos de ánimo, falou para eles. Houbo palabras de cariño para Ana Fábregas, profesora e titora que os acompañou nos últimos cursos e que deixa o noso centro, cun novo destino académico e profesional. Tamén para o profesorado e, como non, para as compañeiras e compañeiros cos que compartiron estudo, viaxes, nervios, entroidos, excursións, enfados e reconciliacións!

Merecido recoñecemento para Susana Outeiral e Carlos Calo, que recolleron cadansúa Matrícula de Honra! 

 

O ton máis formal veu por parte de David, o director, e a tenente alcalde María Maneiro, que asistiu acompañada de Magdalena Pérez, a concelleira de Educación. 

Agardamos que gardedes un bo recordo do voso paso polo centro. Formades xa parte da COMUNIDADE EDUCATIVA do IES de Porto do Son! Aquí sempre teredes a porta aberta! 

PARABÉNS A TODAS E TODOS VÓS, MOITA SORTE NESTA NOVA ETAPA!

No escenario, as vosas fotos de pequenos, daban conta do paso do tempo! Podedes ver o vídeoentrando aquí,  no Facebook da Perseveira!

ANAGNÓRISE CON LIMIAR TEATRO NA CASA DE CULTURA

23/05/2018

Onte o alumnado de 3º e 4º de ESO asistiu a unha representación de Anagnórise na Casa de Cultura, no marco das actividades que vimos realizando na celebración das Letras Galegas. Neste caso é unha colaboración coa editorial Galaxia. Foi unha proposta fresca, divertida e novidosa. Na entrada do blog da biblioteca podedes ler as opinións do alumnado. 

 

AS AQUELADORAS, OS AQUELADORES, O LECER DESPOIS DO TRABALLO!

20/05/2018

Como xa sabedes, un grupo de mozas e mozos que se fan chamar "aqueladores", veñen facendo arranxos varios no centro, sonche ben mañosos, danlle xeito a todo, o mesmo arranxan persianas, que pintan, que poñen cantos nas columnas... E claro, despois do traballo vén o descando. Ana Dapena, a "encargada de obra"Sorriso, coméntanos a xornada:

 

"O luns 14 de maio, "Os aqueladores" foron de excursión a Santiago de Compostela. Despois de realizar tantos arranxos chegou  o seu premio. Visitaron unha sala de escape, onde tiveron que resolver unha chea de enigmas para conseguir sair e conseguiron fuxir sans e salvos. Cun paseíño polas rúas de pedra rematamos esta saída lúdica da que foron ben merecedores." 

II FOLIADA DAS LETRAS E "UNHA HISTORIA DE AMOR" CON SERAFÍN MARCOS

19/05/2018

Xa que temos bos músicos (coa pandeireta de Rosi incluída) e bos bailaríns, que mellor motivo que as nosas Letras e a nosa fala para unha festa! E velaí a II Foliada das Letras!

Pola semana a profe Eva e un grupo de mozos e mozas ensináronnos, con moita paciencia, a sacar uns puntiños para poder bailar! Poderiamos "disir"... "Eu bailar, bailar, bailei, a ghasia non era moita...! Pero tanto ten, non? Xa había quen se daba maña e a cousa "lusiu"..!

 

 E pechando a mañá Serafín Marcos, xa da casa por estas datas, tróuxonos "Unha historia de amor", a de María Victoria  Moreno con Galicia, co galego e coa literatura. Os mozos e mozas de 2º de ESO pasaron do abraio á gargallada, do sorriso á mirada reflexiva... Fica aí, un ano máis, ese pouso que Serafín vai sementando.

UNHA INVASIÓN SILENCIOSA. A BIODIVERSIDADE BAIXO AMEAZA

15/05/2018

Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza é o título da exposición de Adega e a Consellería de Medio Ambiente que temos dende hai uns días no centro. Porque xa que andamos co tema da Comunicación, e fiando co do próximo curso -a Sustentabilidade-, debemos aprender a mirar, a observar, a interpretar a linguaxe da natureza. Interpretar para poder actuar, para poder reacciónar ante as mensaxes que nos está a mandar a Terra. Para mostra, esta imaxe da nosa visita á illa de Sálvora o venres pasado: as calas, tan comúns, estendéronse alí tanto, que viñemos impactados. Fermosas, si, pero invasivas.

Por un tempo, como vén sendo xa habitual, os corredores transfórmanse en aulas, para responder as preguntas dun cuestionario elaborado polo departamento de Bioloxía e o equipo de bilioteca.

LENDO "NOITE DE TEMPORAL" CO AQUIS CELENIS EN SÁLVORA

12/05/2018

A lectura foi unha vez máis o motivo desta xuntanza co Aquis Celenis de Caldas. Nos clubs dos dous centros lemos Noite de temporal, a novela de Núñez Singala que narra a traxedia do Santa Isabel, o vapor de pasaxeiros que o 2 de xaneiro de 1921 afundía na costa de Sálvora, deixando 213 mortos. Salváronse preto de 60 persoas grazas á valentía de tres mozas e algúns veciños da illa. 

E que mellor lugar para recrear o que puido ser este naufraxio que visitar este arquipélago pertencente ao Parque Nacional das Illas Atlánticas. E facelo na compaña do alumnado e o profesorado -xa amigo- do Aquis! Descubrir a súa historia e a súa beleza, e saber do importante que é conservar o seu ecosistema. 

Podedes ler máis na entrada do blog da biblioteca:

 

VISITA A RTVG E AO MERCADO DE ABASTOS

19/04/2018

Esta mañá o alumnado de 2º de ESO visitou Santiago. Seguimos co tema da COMUNICACIÓN. Os de Investigación e Tratamento da Información asistiron a unha visita guiada na RTVG. Explicáronlles o seu funcionamento, coñeceron os platós e as salas de produción, mesmo puideron presenciar a emisión do programa Bos Días! Pinchade para ver o vídeo no Facebook da Sala Perseveira!

Ao mesmo tempo, os seus compañeiros e compañeiras de Promoción de Estilos de Vida Saudable, eran recibidos no Mercado de Abastos, onde lles contaron da relevancia que hoxe ten este mercado no ámbito social, económico e patrimonial. Logo realizaron actividades preparadas nesa materia e na de Lingua Galega. Investigaron sobre o léxico, procuraron alimentos para deseñar unha dieta saudable, calcularon calorías... Outra forma de comunicación, comprender o que nos ofrece o entorno e, ao tempo, asentar hábitos de vida sans e comprometidos cos produtos de noso. 

Logo houbo tamén un tempiño para pasear polo casco antigo e achergarse a algúns dos puntos de interese máis destacados.

A CONQUISTA DOS ELEMENTOS. VISUALIZANDO O DEPORTE FEMININO

19/04/2018

 

Este luns 16, tivemos pola tarde no salón de actos do instituto unha xornada de vibilización e posta en valor do deporte feminino. A actividade forma parte dun proxecto da Deputación da Coruña que reponde á campaña Conquista os elementos, consistente na celebración de videofórums en 18 comarcas de Galicia. O alumnado de 4º de ESO, 1º de Bacharelato e Ciclo, viu o documental Contra os elementos, que dá nome á campaña, e a continuación escoitamos a tres mulleres que son exemplo do esforzo, o traballo e o éxito deportivo na nosa comarca, dúas antigas alumnas e unha profesora. Nerea Carballo, tras unha longa traxectoria no fútbol feminino, é actualmente xogadora do Atlántida Matamá na Segunda División Nacional. Pilar Rodríguez Maneiro é unha das grandes promesas do taekwondo nacional. Alejandra Carro é profesora no ciclo de "Condución de actividades físicas no medio natural", integrante da selección galega de orientación e con éxitos a nivel galego e en España en orientación e MTB.

Son un exemplo a seguir para as mozas e os mozos. Exemplo dos valores que van parellos ao deporte.

Membros do Concello e Ánxela Franco como representate da Daputación, asisitiron ao acto.

LEONARDO E OS FONTANEIROS NA CASA DE CULTURA

16/04/2018 16:04

o marco do Mes do Libro, o alumnado de 1º de ESO asistiu esta mañá na Casa da Cultura á representación de Leonardo e os fontaneiros a cargo da compañía Ubu Teatro, obra que leron na materia de Lingua Galega.  A actividade foi promovida pola Editorial Galaxia, como homenaxe a María Vitoria Moreno, autora da obra e este ano galardoada no Día das Letras Galegas. 

Distribuir contido


by Dr. Radut